ENSAIO
Confio-te o meu corpo. A dramaturgia pós-dramática. Alfonso Becerra de Becerreá. Através Editora, 2018
por Marisa F. Falcón
«A arte do teatro é a arte do hic et nunc, do aqui e agora, e, por tanto, da vivência presente» pode lerse no libro de Afonso Becerra de Becerreá, Confio-te o meu corpo. A dramaturgia pós-dramática, publicado dentro da colección Alicerces de Através editora. É un ensaio que reflicte sobre o teatro que é feito aquí e agora, analizando os modos de creación contemporáneos e os seus participantes.
O título do ensaio, Confio-te o meu corpo, é unha declaración de intencións que aparece ao longo do libro, onde se pode ler como para o autor, a corporalidade é un elemento fundamental tanto do teatro como da danza. O texto dramático, que ata ben entrado o século XX, foi o elemento fundamental na creación teatral é, neste teatro que é feito aquí e agora, apenas un elemento máis xunto con outros como a escenografía, as luces, e claro, o corpo. De feito, no título do primeiro capítulo, dos 15 nos que se divide, aparece esta idea: «antes das palavras, o corpo» onde se vai falar da construción de un teatro que no está apenas conectado co texto dramático se non tamén co corpo (da e do performer, da e do espectadora/espectador). O que non significa que o texto dramático desapareza, apenas que se retira da súa primacía xerárquica tradicional e de raíz aristotélica.
O teatro contemporáneo, en especial aquel que se denomina posdramático, ten proporcionado un sen número de espectáculos que cuestionan temáticas, modos de creación e ata a propia relación co obxecto artístico. Non exento de incomprensión, malos entendidos e experimentación fallada, este tipo de teatro tamén ten proporcionado momentos memorables a través de propostas intelixentes e novos modos de relación entre actrices e actores e o público.
A actitude do autor perante estas novas propostas é unha mestura do teórico, do docente e do espectador ávido e curioso que procura ver mais aló do pensamento binario e simplista, para o que el mesmo alerta. O ensaio está escrito nunha linguaxe elegante e case lírica, onde non falta o sentido de humor. De feito, o autor parece dialogar co lector, partillando experiencias estéticas, referencias culturais e reflexión, presentando argumentos de modo sinxelo pero intelixente, sen evitar discutir os problemas e erros en que se cae neste tipo de creación. Ese ton nos leva, como lectores, a querer responder e argumentar, compartindo tamén as nosas experiencias. Si, acabamos falando sos, co libro na man (ou procurando o Facebook do Afonso).
No fin, o autor comparte unha lista de referencias bibliográficas heteroxéneas onde nos confía, seguindo co exercicio de partilla que foi realizando durante o ensaio, as obras que o influenciaron. Non é unha bibliografía ao uso, se non unha lista afectivo-intelectual, cun resumo breve da obra e do motivo polo que constan na lista. É tamén un desafío, por que non?, para irmos sumando os nosos autores e autoras nun exercicio de partilla aquí e agora.