ENSAIO
Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX, de Xavier Castro. Editorial Galaxia. Vigo, 2019. 552 páxinas.
por X. Amancio Liñares Giraut
Tíñalle escoitado a miña nai “comían o pan que o demo amasou” cando se refería a familias ou xentes pobres, desherdadas, con moita miseria a cotío. Agora lembroume isto o título do libro Servir era o pan do demo, do historiador Xavier Castro Pérez, quen abeira unha Historia da vida cotiá en Galicia nos séculos XIX e XX escrita por un relevante especialista en historia social, da alimentación, a gastronomía e o viño en Galicia. Seguín a súa traxectoria investigadora dende o anovador colectivo de Historia Xerminal, lendo a súa Tese doutoral (O Galeguismo na encrucillada republicana, 1985; un ano no que estivera no tribunal que xulgou a miña Tesiña sobre O Val de Barcala, 1900-1936), coas edicións das Xornadas de Historia de Galicia e atendendo á súa orientación historiográfica cara os ámbitos da alimentación (A lume manso) e do mundo enolóxico (Xornadas de Cinema, Viño e Cultura, nas que puiden participar ocasionalmente).
Antes que no estudo da escola, o autor céntrase noutras xeiras na vida dos nosos fogares (alimentación, indumentaria, o frío, a hixiene, a infancia…); e tras a idade escolar, noivado e amor, o matrimonio, a vellez… Case todo o que ten aquel coa familia e co lar é o fío condutor deste documentado volume de lectura agradable, escrito “nunha linguaxe achegada ó gran público e afastada dos enfoques académicos”. Porque, a maiores, Xavier Castro –erudito– insire refráns, pon en valor termos tradicionais e esquecidos, rescata coplas e cancioneiros. En suma, anosou –como lle gustaba a Cunqueiro– unha temática con mestría. Outro acerto da edición é a cuberta/reclamo con imaxe de Castelao: mulleres pandeireteiras, salientando o papel fulcral do feminino na crónica do acontecer, poñéndolle música e ledicia, a pesar de tantas eivas no seu devir histórico, antano e hogano.
Pan e demo. Simbolismo. Canto significado anfibolóxico neste testo ensaio. Como canta Fuxan os Ventos: “Nunca, nunca nos han pagar a nosa fame doutrora”. E fame tamén encirra polisemia dabondo.
Cando o vin, lembrei os traballos de Pegerto Saavedra (A vida cotiá en Galicia de 1550 a 1850, 1992) ou de Pilar Freire (A familia rural na Galicia contemporánea, 2008). Pero na sobremesa puiden ollar que o Xavier inclúe unha Bibliografía-río, xunto ás fontes para o seu estudo que me descubriron máis suculencias nese menú.
Velaquí retallos da vida cotiá, das xentes do común (máis) e das elites sociais (menos), que en Galicia é achegarse ás casas labregas, mariñeiras, obreiras e das clases dirixentes, burguesías, fidalguías ou aristocracias rurais/urbanas. Caberían outros adobos nun menú historiográfico pantagruélico: os oficios, trazos antropolóxicos, crenzas, política, as festas, a morte… para un retrato holístico da vida diaria. Mais abonda así, deixando sucos abertos.
“O universal é o local sen paredes”, escribira Miguel Torga. Este libro de X. Castro xa saíra en edición fetén con Nigra Trea ao acadar o Premio Ferro Couselo de investigación. O anovado Servir era o pan do demo fai outra vez xustiza á sentenza do bardo de Trás–os–Montes.