Martes 24, Maio 2022
HomeCulturaPAÍS SEN CIDADES, CIDADES SEN PAÍS

PAÍS SEN CIDADES, CIDADES SEN PAÍS

ENSAIO
Antón Baamonde. Unha nova Olanda. De Ferrol ao Porto: as cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global. Editorial Galaxia. Vigo, 2021

 

por Albino Prada

Antón Baamonde declara que a idea central do seu último ensaio Unha nova Olanda trata de argumentar que Galicia e o Norte de Portugal teñen que atopar o seu oco, xerar unha masa crítica sen a cal corren o perigo dunha desertización demográfica, dun progresivo declive social, humano, cultural e político.

Como lector, confeso xa de entrada que o seu esforzo pagou a pena. E dígoo como autor de moitas páxinas sobre este asunto publicadas na primeira década deste século. Da súa lectura conclúo que era preciso resetear esta cuestión outra vez. Tocaba facelo, e Antón resólveo sobradamente ben.

Era preciso que o fixese un autor de largo alento intelectual, lonxe do estilo de consultora que cobra por facturar o que se quere ouvir ou dos académicos que saben ventear con elegancia que cousas deben esquivarse. Pois, como el anota, en Galicia as novas clases emerxentes teñen moitos medos e complexos que facilitan a súa subordinación psicolóxica e social e a súa tendencia instintiva a non facer nada. De feito, non facer nada ten entre nós un prestixio asombroso, incontestable. Textual. Mellor aínda se que o fai é alguén que mesmo viviu en todas e cada unha das sete cidades galegas. Nótase para ben.

Así sucede na terceira parte do ensaio centrada en Vigo, A Coruña e Santiago. O lector benefíciase da experiencia do autor e do documentado agarimo por cada unha delas. Compróbanse moitas cousas das que destaco aquí dúas. Que en todos os casos a posición atlántica, marítima e europea explica o crecemento das nosas cidades. Que en todos a sublevación militar do 1936 vai rachar o progresismo republicano das nosas cidades. Pois sen esa ruptura histórica outro galo cantaría hoxe. E a iso imos.

Antón Baamonde é consciente de que na actualidade son as chamadas mega cidades globais as que determinan aos países e o mundo. Sobre todo no Pacífico. Nese senso, o noso Atlántico é hoxe un espazo globalizador en declive. Mesmo contando con cidades globais centrípetas (Londres, París, Madrid, Lisboa, …) que baleiran  a súa contorna territorial manexándoas como espazos vitais para medrar.

É nese escenario no que fronte ao cosmopolitismo globalizador das élites, ou ao provincianismo subordinado, precisamos abrir camiño a unha estratexia urbana policéntrica, resiliente, de cidades de tamaño medio, partillada entre as sete galegas e a constelación urbana do norte de Portugal. A mobilidade nese corredor atlántico e a complementariedade que agromou coa entrada na Unión Europea así o aconsellan.

Avanzar niso implica enfrontar o centralismo español e portugués. Nun caso tomando nota de como Cataluña e o País Vasco se defenden da aspiradora madrileña, e no outro aproveitando que dende Lisboa semellan que diante desa aspiradora (que xa ten como porto global o de Valencia) terían interese en procurar unha apertura cara Galicia dende Porto e cara Andalucía dende Lisboa. Tampouco a Portugal lle interesa unha España radial e centrípeta, como ben anota Antón. Pode que por iso unha península policéntrica e marítima podería abrirse camiño. Sobre todo se España toma un roteiro federal que non polarice todo o aparello estatal e estratéxico en Madrid.

Internamente, avanzar naquela estratexia fai precisa dunha mobilidade interurbana das cidades galegas que permita en menos dunha hora estar nunha ou noutra sen usar o auto particular. Pero, sobre todo, que o debate territorial público en Galicia deixe de estar centrado no AVE a Madrid. Que o conxunto das cidades galegas partillen unha estratexia en rede (como sucede no País Vasco) esquecendo o mito dunha Barcelona do Atlántico. Unha estratexia de áreas urbanas, que eviten a actual xentrificación dos seus centros por unha banda e o descontrol da cidade dispersa pola outra.

O problema é que para poder facelo sóbrannos a metade dos concellos do país e as catro provincias. Porque é esta planta municipal e provincial a que determina mesmo as maiorías e as políticas para conseguilas. Sendo así que  o PP goberna a Xunta sen facelo nas cidades, mentres as cidades non as goberna o PP pero, no mellor dos casos, míranse o ombligo e fan humanizacións e ensanches. Cidades sen país.

Aí está ao meu ver a raíz dese menosprezo de fondo do mundo urbano que refire Antón, da falla de vontade política para avanzar naquela folla de ruta, ou de por que os Gobernos da Xunta non teñen claros os intereses materiais do país como el di. Porque nun país de trescentos concellos e de catro provincias sen cidades é imposible facelo doutro xeito.

Estas cousas son como son porque quen está ao mando dende o remate do franquismo en Galicia (breves parénteses aparte) son os políticos de confianza dunha clase dominante que non superou o marco mental dos seus negocios, e de ser admitidos nos cenáculos madrileños. Capitalismo de amiguetes na Xunta, na Diputación, no concello ou cos contactos en Madrid.

Así se explica o fracaso da Cidade das Rías en Vigo no seu momento, pero tamén que un alcalde desa cidade me sentenciase sobre o meu reclamo dun enfoque metropolitano e de eurorexión para o actual AVE con aquelo de que os vigueses queren coller o AVE en zapatillas…, e de paso dar un pelotazo de conxestión urbana. Un conto que se reproduce en A Coruña ou en Santiago: aeroportos e o AVE.

A proba do algodón do que digo estaría en que tendo as maiores fortunas da península por aquí domiciliadas, non foron quen de controlar unha Fenosa ou unhas Caixas de Aforros. E ollo porque non van ser os xaponeses, amigo Antón, os que nos usen como campo de golf. Outros asiáticos xa controlan hoxe parte crucial de Citroen, do hospital Álvaro Cunqueiro, Rodman, Conservas Albo, Lácteos Ibéricos, Gándara-Censa, e vai seguir. E tal cousa sucede, reitero, vivindo entre nós as maiores fortunas da península.

Remato xa. Estamos a comprobar aquilo de que cos vicios privados non  se procuran virtudes colectivas. Porque unha sociedade que só se move pola lóxica do mercado non pode xermolar un país decente. Por aquí aínda non chegamos a rachar e superar esa lóxica. Cando só hai mercado non hai plano, deseño, proxecto.

Como constata o noso ensaísta, “Galicia carece de proxecto, certo, pero aínda máis de clases sociais que queiran dotarse do poder necesario para facer efectiva unha idea estratéxica”.  Levo décadas comprobando entre fundacións, consellos e plataformas que tal cousa non está nin se lle espera. Pero, iso si, as consultoras seguirán a facturar millóns por novos planos estratéxicos de aquí a 2050.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]