En xaneiro de 2026 cúmprense cincuenta anos desde que, respondendo a unha convocatoria emanada do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, se celebrara no auditorio do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, unha xuntanza para considerar a proposta de crear un museo da cultura de nós. Entre os asistentes, maioritariamente integrantes do mundo intelectual galeguista na rama das ciencias humanas, contábanse tamén representantes de institucións académicas e culturais que acolleron aquela chamada.
Unha iniciativa con semellantes credenciais tiña terreo abonado no que puidera frutificar. E, amais, contabamos cun precedente virtuoso, o Seminario de Estudos Galegos, inicuamente desmantelado en 1936 polos partidarios do bando rebelde.
Naquela altura, cando aínda nos estabamos habituando a vivir sen o xugo da ditadura franquista, só había unha universidade en Galicia, aínda non tiñamos autonomía e, xaora, non se creara a Xunta de Galicia, nin o Consello da Cultura Galega. Unha iniciativa con semellantes credenciais tiña terreo abonado no que puidera frutificar. E, amais, contabamos cun precedente virtuoso, o Seminario de Estudos Galegos, inicuamente desmantelado en 1936 polos partidarios do bando rebelde. En efecto, aquel grupo de «rapaces» tiña o apoio activo dos persoeiros que mantiveran acceso o facho da institución: Xaquín Lorenzo, presidente, Antonio Fraguas, director, Xosé Filgueira, vicepresidente. Unha liña xeratriz que quedou documentada en 2023, co gallo do centenario do SEG.
Con estes avais, a Asociación Padroado do Museo do Pobo Galego logrou en abril de 1977 a cesión do semiabandonado convento de San Domingos de Bonaval, propiedade do Concello compostelán desde a desamortización e apenas seis meses máis tarde, en outubro, abríanse as portas do Museo con catro salas: zoqueiros, cesteiros, oleiros e o tecido. A medida que se rehabilitaban seccións do edificio, o número de salas abertas ao público ía ampliándose: outros oficios, o campo, o mar, a música, o hábitat, a sociedade. E, asemade fóronse creando servizos museísticos e departamentos especializados: biblioteca e arquivo, exposicións, publicacións, educación e acción cultural.
Semella un milagre que a xestión desta empresa sexa posible cun equipo de goberno de oito persoas voluntarias, apoiadas por un círculo non moi numeroso de membros do Padroado e socios.
Naquela primeira etapa a evolución foi pausada, sostida con modestos apoios institucionais e co traballo voluntario de membros do Padroado, socias e socios que contribuían con achegas económicas e axudas funcionais. Chegamos ao cambio de século como unha institución consolidada, o que propiciou un salto cuantitativo no financiamento por parte da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e as Deputacións provinciais, estas en desigual medida. Non se logrou, de momento, ampliar a adhesión dos Concellos galegos; isto débese, na miña opinión, a un dobre malentendido: aínda é frecuente atribuírlle á institución unha titularidade pública, quer da Xunta ou do Concello compostelán e, en consecuencia, asígnase a responsabilidade a unha ou outra entidade.
Un punto de inflexión constituíuno a celebración do 40 aniversario da inauguración do Museo, en 2017, que serviu de xustificación para que o presidente da Xunta de Galicia fixese público o compromiso de apoiar o novo desenvolvemento. O falecemento en 2018 de Carlos García Martínez, un dos esteos do grupo fundador e director desde o pasamento de Antonio Fraguas, deu lugar a que, por primeira vez, o MPG contratase unha dirección profesionalizada. En 2022 Justo Beramendi renuncia á renovación do cargo de presidente, que é asumido por Concha Losada. É un momento no que o Museo experimenta un crecemento exponencial, ao incorporar os espazos da ala sur, adición ao recinto conventual construída polos dominicos no século XVII para albergar o seu Estudo Xeral e ocupada ata ese momento por diversos usos. Da rehabilitación do edificio ocupouse a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago.
Arestora, do equipo inicial só eu permanezo no órgano de goberno. A idade media dos membros do Padroado é elevada, como adoita acontecer nas organizacións baseadas no voluntarismo, e isto por varios motivos. O chamado terceiro sector ampliouse considerablemente no espectro da cultura nacional, ao tempo que se orientaba de forma moi notable cara ao ámbito social e medioambiental; creáronse tamén moitas entidades no contorno académico que forman equipos cohesionados e máis ou menos ben retribuídos; e a propia expectativa de vida fai que, nun grupo de membros vitalicios coma o noso, cun número limitado de patróns, a remuda xeracional sexa escasa. Tamén poderiamos facer un exercicio de autocrítica: un sistema de cooptación para acceder ao Padroado e certa tendencia a caracterizalo ideoloxicamente poden ser eivas á hora de ampliar a chamada e a atracción de xente máis nova para cooperar connosco.
De cara ao próximo futuro, o equipo directivo que saia das eleccións que imos celebrar en maio de 2026 ten por diante a organización do cincuentenario da creación do Museo, en 2027.
Xaora, o Museo fai fronte ás novas demandas e evoluciona cara a programas máis abertos e igualitarios mercé á profesionalización dun equipo técnico exiguo, se o comparamos co crecemento que experimentou o centro e co cadro de persoal doutros museos equiparables de titularidade pública. A piques de cumprir o medio século desde a fundación, os orzamentos están próximos a acadar o millón de euros. Semella un milagre que a xestión desta empresa sexa posible cun equipo de goberno de oito persoas voluntarias, apoiadas por un círculo non moi numeroso de membros do Padroado e socios.
Esa mesma estrutura de goberno ten que xestionar dous apéndices. Dunha parte, a Fundación Antonio Fraguas, creada en 1999 a instancias da propia Consellería de Cultura que convenceu o titular do proveito de instituír un organismo que obtivese fondos para o sostemento do Museo; na práctica, é o propio Museo o que atende a Fundación, co apoio da Secretaría Xeral de Lingua a actividades como o Proxecto Didáctico Antonio Fraguas ou do curso educativo en tradición oral Cóntame un conto. De outra, e o Instituto de Estudos das Identidades, un órgano creado en 2005 co fin específico de establecer e desenvolver liñas de investigación e de intervención sociocultural nos diferentes ámbitos, con especial atención ao estudo interdisciplinar da identidade galega e da súa interrelación con outras identidades. O IEI mantén unha liña de actividade a través da organización de foros monográficos e, asemade, desenvolve un extraordinario labor a través do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), un arquivo público e accesible que ofrece gravacións orais e musicais -con coleccións tan notables como as compiladas por Mini e Mero ou a de Schubarth-Santamarina-, e rexistros de manifestacións culturais como festas e rituais, debidamente informadas e contextualizadas.
Cabe subliñar que, como asociación que somos, a maior parte dos nosos recursos son achegados polos socios e por persoas particulares que, á parte das contribucións económicas, fan entrega de fondos de todo tipo, de modo que unha parte substancial das coleccións, tanto de fondos materiais como de biblioteca e arquivos documentais, fotográficos e sonoros ingresa como doazón. En contrapartida a esta xenerosidade, cómpre ter en conta que os espazos do Museo son apetecidos por un amplo e diverso número de organismos e colectivos para presentaren as súas actividades nun marco que é recoñecido como patrimonio do común.
De cara ao próximo futuro, o equipo directivo que saia das eleccións que imos celebrar en maio de 2026 ten por diante a organización do cincuentenario da creación do Museo, en 2027. Para entón, todas as salas de Historia de Galicia estarán xa abertas ao público, pero queda aínda pendente a inaprazable rehabilitación do edificio conventual, de acordo co previsto no Plan Director aprobado en 2016, e a conseguinte renovación museolóxica e museográfica das salas do Mar, dos Oficios, da Indumentaria, da Música, do Hábitat e da Sociedade, que se foron desenvolvendo sucesivamente ao longo dos anos e evidencian un discurso fragmentario e necesitado de actualización.
Os departamentos e servizos de Biblioteca e Arquivo, Colección, Educación e Acción Cultural e Exposicións, amais da Administración e a Recepción e atención ao público, están infradotados e realizan un traballo intenso, que mantén as persoas ao límite da súa capacidade.
Outro dos principais desafíos é a ampliación dos recursos humanos. Os departamentos e servizos de Biblioteca e Arquivo, Colección, Educación e Acción Cultural e Exposicións, amais da Administración e a Recepción e atención ao público, están infradotados e realizan un traballo intenso, que mantén as persoas ao límite da súa capacidade. Esta necesidade está cuberta coas achegas das administracións públicas, coas cotas e o traballo gratuíto dos membros do Padroado e mais coa colaboración dos socios e socias, pero o Museo adoece de insuficiencia de patrocinios; lémbrese que, nun determinado momento, as corporacións financeiras galegas, en pleno proceso de reestruturación, decidiron acometer os seus propios emprendementos culturais e desfacerse de compromisos previos con entidades como a nosa.
Non podo rematar sen engadir tres nomes aos xa mencionados. O arquitecto Rafael Baltar xogou un papel decisivo no lanzamento da iniciativa e logo presidiu a Comisión Xestora e mais a Xunta Reitora. O médico Luciano García Alén sucedeuno á fronte deste órgano reitor e foi un dos primeiros contribuíntes á formación das coleccións. E Isaac Díaz Pardo, terceiro presidente do Padroado que serviu de ponte entre a xeración «histórica» e os nacidos despois da contenda civil.
O Museo do Pobo Galego inaugura o ano 2026 baixo o bo augurio que representa a chegada das dúas imaxes mateanas dos profetas Ezequiel e Xeremías, propiedade do Concello de Santiago e rescatadas do exilio ao que durante anos estiveron condenadas nas torres de Meirás, por obra e vontade da familia Franco. A vacante da dirección, pola recente renuncia do seu titular, introduce un elemento de incerteza, pero os membros do Consello de Goberno saínte estamos confiados en que aquelas persoas que nos sucedan a partir do mes de maio han ser conscientes da alta responsabilidade que supón dirixir unha entidade que, nos seus case cincuenta anos de existencia, pasou de ser unha modesta asociación de iniciativa cívica a converterse nunha institución faro do país, e conseguiu cuadriplicar o seu orzamento nestes últimos 25 anos, grazas a unha administración prudente e progresiva. Confianza tamén en que o número de socias e socios non deixe de medrar e que as novas xeracións, nacidas ou non en Galicia, fagan súa esta empresa, reforzando a carta de natureza que confire sermos o museo do pobo galego.
María Xosé Fernández Cerviño é vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego





