Paco del Riego. Unha traxectoria de compromiso

Como se sabe, foi Fernández del Riego quen ideou e propuxo a celebración dun Día das Letras Galegas anual, ós tres anos de ingresar na Real Academia Galega, e neste ano dedicado a el cómpre salientar aquel día de 1963. A proposta das Letras Galegas presentárona ó pleno da Academia Del Riego, Gómez Román e Ferro Couselo. Apróbase por maioría, e escóllese a data do 17 de maio, que aquel ano conmemoraba o centenario da publicación de Cantares Gallegos. O primeiro día das Le­tras galegas celebrouse na Universidade de Santiago coas intervencións de Otero Pedrayo e Fernández del Riego, cheas de metáforas, indescifrables para os axentes da policía político-social que estaban alí, transmitíndolles ós asistentes, entre a que había novos escritores, os valores do galeguismo para animalos a coller o facho iniciado polos precursores do século XIX.

Á parte de ser o mentor do Día das Letras Galegas, Del Riego ten méritos abondo para recibir esa home­naxe. Como é imposible referirme a todo o que fixo, fa­larei daquilo que me parece máis representativo da súa personalidade, consciente de que neste ano de tantas publicacións e conferencias sobre a súa figura e a súa obra hai moita información sobre el. Centrarei o artigo en catro aspectos que para min son esenciais na traxectoria existencial deste patriarca das Letras galegas: 1. Militancia política e compromiso galeguista. 2. Espírito aberto e uni­versal. 3. Presenza activa no xornalismo e na edición. 4. Elo entre xeracións de galeguistas.

Militancia e compromiso galeguista

O compromiso de Del Riego coa lingua e a cultura ga­legas comezou ós 18 anos, cando o 25 de xullo de 1931 organiza en Lourenzá a festa do Día de Galicia. Coloca a bandeira galega no concello e bota un discurso en defen­sa do uso da lingua galega con grande repercusión na comarca. A partir dese momento fai do galego a lingua vehicular fóra da casa.

O primeiro mitin que dá como militante do PG foi na primavera de 1932, en Bandeira. E dende entón percorre o territorio galego reivindicando o valor da lingua e da cultura galegas. “O partido contaba xa comigo para os actos de meirande releve”, di el, e comparte os mitins xunto cos vellos galeguistas.

En outubro de 1931, a familia Fernández del Riego instálase en Santiago, onde Francisco continúa a carreira de Dereito iniciada en Madrid, e matricúlase na de Filo­sofía e Letras. Nada máis chegar, colabora coa xente do Seminario de Estudos Galegos (SEG) e comeza unha vida de entrega a Galicia. Entra na agrupación de galeguistas composteláns, e o 6 de decembro de 1931 intégrase con eles no Partido galeguista (PG). O primeiro mitin que dá como militante político foi na primavera de 1932, en Ban­deira. e dende entón percorre o territorio galego reivindi­cando o valor da lingua e da cultura galegas. «O partido contaba xa comigo para os actos de meirande releve», di el, e comparte os mitins xunto ós vellos galeguistas.

Ó mesmo tempo intégrase na Agrupación Ultreya como secretario e na Asociación Profesional da Facultade de Dereito, dentro da Federación Universitaria Escolar (FUE) e os compañeiros elíxeno representante na Xunta de Goberno da Universidade. Desde as tribunas que ocupa Del Riego reivindica o uso da lingua galega nas aulas e difunde as ideas galeguistas.

Participa na creación de Universitarios. Revista de la F.U.E., que nace cunha ideoloxía esquerdista, non galeguis­ta, que Del Riego tratará de levar ás súas páxinas. Os dous números (1932-1933) da revista publícaos a editorial Nós. E mentres no primeiro só saen dous textos en galego, no segundo saen oito. Del Riego, que coordina ese número, publica tres: «Esprito de Prisciliano: alma da raza», «Nue­vos caminos» (está en castelán, mais aí explica as razóns de levar o idioma galego ás aulas e ós textos universita­rios, e sinala como un dos obxectivos da revista inserir a cultura do pobo nos saberes da universidade, e propón actividades para cumprir ese obxectivo). O terceiro texto é moi breve e leva o título en italiano: «Tu sola me piace»; trátase dunha declaración de amor a unha muller que persegue polas rúas de Compostela.

Nas páxinas  de Letras do noso tempo (1974) mostra un coñecemento di­recto das obras de vangarda, desde a novelística america­na de comezos do século XX á do nouveau román francés, pasando pola moderna narrativa inglesa. Unha obra que segundo di o autor «é, quizais, o libro que conta coa miña predilección entre os que levo publicado»

Cómpre dicir que Del Riego non traballaba en solitario, na FUE estaban Ricardo Carballo Calero, Luís Seoane, os irmáns Xaquín e Xurxo Lorenzo, Álvaro Cunqueiro e Domin­go García-Sabell, cos que sempre mantivo a amizade. E no ciclo de conferencias organizadas no paraninfo da universi­dade conseguen levar a Castelao para inauguralas.

Entre febreiro de 1933 e agosto de 1934, saen no sema­nario ourensán Heraldo de Galicia nove artigos seus.

O 20 de xullo de 1933 dá unha conferencia no I Salón de Belas Artes Ultreya sobre a arte en Galicia, que se publi­ca en tres números da revista Nós, de setembro a novem­bro, co título «Índice cultural e artístico do Renacemento galego». Dá unha visión dos novos rumbos da pintura e da escultura en Galicia facendo un percorrido polos artistas que están na mostra, entre eles Díaz Pardo e Mario Granell, defendendo a arte galega fronte á hexemonía española que se apoderara da alma dos pobos da Iberia.

O 19 de novembro dese ano dá un mitin no Teatro Principal de Ourense, do que informa o Heraldo co epígra­fe «Grandioso mitin el sábado en el Principal». Tamén o fai da conferencia pronunciada na sede do Partido gale­guista, a titulada «Esprito político e forma cultural da nova Galicia», en cinco números de febreiro a marzo de 1934. Como militante do PG desenvolve unha intensa actividade propagandista dos valores da lingua e da cultura de Gali­cia que se intensificará coa propaganda do Estatuto.

A sona de bo orador leva a Del Riego a actuar de vo­ceiro nas manifestacións do estudantado universitario. E o curso 1933-1934 pronuncia o discurso de apertura sobre «La Universidad gallega ante el momento actual», en represen­tación da FUE, moi valorado pola prensa local e cualificado de «propaganda de una ideología política determinada» por un sector importante do claustro. Pouco despois, pre­senta a conferencia de Álvaro de las Casas, tamén na uni­versidade, sobre «O momento universitario» que provocará «protestas dalgúns profesores que se viron aludidos». Sen arredarse, os estudantes da FUE sacan un manifesto no que piden a galeguización da universidade. Ese curso, Del Riego remata a carreira de Dereito cun excelente expediente aca­démico e obtén unha praza de Profesor axudante de Derei­to civil na Universidade compostelá.

Homenaxe a Paco del Riego en Santiago, 1993. Luís A. Pousa, Ramiro Fonte, Malós Cabrera, Paco del Riego, Gonzalo Vázquez, Pilar Vázquez Cuesta, Landeira Irago e X. L. Franco Grande

A intensa actividade pública, tanto política como cul­tural, non lle impediu ó mozo Del Riego asistir ós seus parladoiros dos cafés, sobre todo ó do Derby, con ga­leguistas vellos e da súa xeración, e mocear con Evelina Hervella, estudante de farmacia, coa que casará e vivirá ata a súa morte.

E aínda lle quedaba tempo para ler literatura estranxei­ra, e foi daquela cando coñece a renovación narrativa que se estaba a facer en América e en países europeos. Do que non quixo saber foi do feminismo que chegaba a España desde Europa nos anos da II República, nin se interesou pola igualdade de dereitos civís entre homes e mulleres. Nas súas memorias non cita o nome de ningunha das mulleres investigadoras no SEG, que sabemos que houbo. Evelina non exerceu nunca a súa profesión de farmacéutica.

E cando se conseguira avanzar na instauración de dereitos para o País cun Estatuto de autonomía aprobado, no que Del Riego agardaba poder manter o facho da Xe­ración Nós e levalo máis alá, a sublevación fascista fusilou amigos sen dó, anulou os avances sociais e segou os seus proxectos e a carreira de profesor. É expulsado da Uni­versidade e inhabilitado para exercer docencia en centros estatais, e vai á guerra no exército fascista.

Espírito aberto e universal

Ó volver da guerra, a policía político-social vixía os seus pasos en Compostela e Del Riego vai buscar unha nova vida no anonimato da cidade de Vigo, onde tentou conti­nuar o labor galeguista. E co seu talante de home aberto ó mundo, ás xentes de clase e de pensamento diferentes, soubo colaborar con persoas de gustos e sensibilidades diferentes ás súas. Foi tecendo redes cos compañeiros represaliados e cos que se achegaran ós favores do Réxi­me, ademais de aqueles cos que ía topando, sempre que foran conscientes da importancia da galeguización do noso país. Xuntar a xente que estaba dispersa para tra­ballar xuntos pola nosa cultura e dar a coñecer as súas orixes e a súa importancia foi unha tarefa constante deste galeguista.

Con algúns dos antigos militantes intenta rehabilitar o Partido Galeguista na clandestinidade e non o conse­gue, así que, como é ben coñecido, dirixe os esforzos a traballar pola cultura a través da Editorial Galaxia, creada en 1950. Superando os atrancos da censura do Réxime, o mesmo ano da instauración das Letras Galegas créase a Fundación Penzol que dirixirá Del Riego ata case a morte. Alí ía todas as tardes teclear na Underwood Universal os textos manuscritos para o Grial que ía publicar.

O amigo e mestre simboliza a permanencia da con­ciencia galeguista. Soubo xuntar nun mesmo cesto os máis variados vimbios dos que traballamos a prol da identidade, para manter e agrandar a dignidade colectiva da Nosa Terra.

E poucos saben que as esencias galeguistas da súa militancia superasen o medo á policía e permitise que nos anos 70 e 80 dirixentes da UPG se encontrasen no fondo da biblioteca Penzol e gardasen alí a súa documentación clandestina. Tampouco é coñecido que a súa ética pacifi­cadora levara ó avogado Francisco Fernández del Riego a facer en varias ocasións de «home bo» e presidir a mesa de negociación entre os enlaces sindicais e a empresa Ci­troën. Este avogado recto e cordial facilitaba a sinatura de novos convenios con melloras laborais para numerosos obreiros de Vigo e a súa bisbarra.

Paco del Riego, acompañado por Plácido Castro e os irmáns Álvarez Blázquez

Doutra parte, a súa curiosidade pola cultura universal foi estensa, sexa a da tradición galega recibida desde a xuventude na oralidade dos paisanos da montaña lugue­sa, como a erudita, recibida nos parladoiros, en Madrid, en Compostela e en Vigo. Malia a súa especialidade en Dereito, o seu gusto pola lectura levouno a ser un apaixo­nado de literatura universal, en especial da europea. Unha boa mostra é o seu libro Letras do noso tempo, de 1974, que é un amplo panorama da Literatura contemporánea universal. Nas súas páxinas mostra un coñecemento di­recto das obras de vangarda, desde a novelística america­na de comezos do século XX á do nouveau román francés, pasando pola moderna narrativa inglesa. Unha obra que segundo di o autor «é, quizais, o libro que conta coa miña predilección entre os que levo publicado».

A revista Grial foi unha peza esencial no labor de galeguización da cultura e o seu xestor, o laicerce no que se asentou a vida cultural de Galicia entre 1950 e 1970. Ademais de dirixila e de artellar as seccións de cada número, escribía un ou varios artigos asinados co seu nome e con pseudónimos.

E aí están os centos de escritos sobre temas políticos e culturais de diferentes países do mundo que aparecen nos números da revista Grial. Na sección «O Rego da cultura» hai máis de 500 entradas sen sinatura debidas á súa plu­ma, onde, ademais de autores portugueses e cataláns, fala de Pound, Kalka, Tenesse Williams, Saint-Exupery (autor do que traduciu «Le cimetière marin»), e outros. Xunto a estes están as ducias de artigos sobre literatura europea que publicou desde 1960 no Faro de Vigo e en La Voz de Galicia.

Presenza activa no xornalismo e na edición

A actividade de Del Riego no ámbito do xornalismo foi con­tinua. Iniciouse na súa xuventude e rematou pouco antes da morte. Coordinou dirixiu e animou iniciativas moi diversas,

Na etapa de posguerra, o galeguista non se arreda e co seu pseudónimo máis querido, Salvador Lorenzana, ou cos de Cosme Barreiros, Adrián Solovio ou Adrián Soutelo, así como co seu propio nome, escribe artigos sobre diver­sos aspectos da cultura galega para distintas publicacións e outros medios de comunicación.

En 1947 iníciase na BBC de Londres un programa en lingua galega sobre historia, xeografía e cultura galegas, que tamén dá noticias de Galicia e que durará ata 1956. Dos 83 programas, once emítense na voz de Plácido Castro, e tiveron como responsables do programa en Galicia o mestre ourensán Leuter González Salgado, que centraliza as intervencións dos intelectuais do grupo ourensán, e Fernández del Riego que, ademais de coor­dinar as colaboracións do resto de Galicia, participa en doce sesións.

Por eses anos leva dúas seccións culturais no xornal santiagués La Noche: «Atalaya de Galicia» e «Un tema ga­llego cada semana». E no outono de 1949 sae no mesmo xornal un «Suplemente semanal» bilingüe sobre temas culturais e da industria galega, feito por el, Xaime Isla e Manuel Beiras, que foi suspendido por presións policiais en xaneiro de 1950.

Debía ser tan grande a actividade como articulista a prol da lingua e da cultura galegas que hai unha carta do presidente da RAG, Manuel Casas, datada o 9 de marzo de 1948, que Victoria Álvarez de Ojeda supón dirixida a Otero Pedrayo, falando das candidaturas de novos acadé­micos e nun post scriptum dille que: «Vista esa buena labor que viene realizando el escritor Salvador Lorenzana, pen­samos que pudiera nombrársele correspondiente». Ten dubidas se é ese o nome propio e pregúntalle ó destinata­rio. A Academia acolle a proposta e Del Riego é nomeado académico correspondente ese ano. Doce anos despois ingresará como numerario.

O ano 1948 gaña o premio de ensaio do Centro Ga­llego de Buenos Aires co libro Cos ollos do noso esprito (1949), unha colección de artigos escritos nun estilo do mestre Otero de loa á Terra pola paisaxe, a literatura, a arte románica, etc.

Del Riego foi un colaborar esencial nas publicacións dos exiliados galegos en Arxentina, Venezuela e México. Na revista Galicia emigrante, fundada, dirixida e ilustrada por Luís Seoane en 1954, en Buenos Aires, Salvador Loren­zana deulle vida ós 37 números publicados ata maio de 1959. Nas súas páxinas hai ducias de artigos asinados con este pseudónimo, co seu propio nome e cos de Cosme Barreiros e Lorenzo Salvadores. Son crónicas sobre a acti­vidade social, en especial a cultural de Galicia, redacción de biografías, críticas de libros, noticias, e do que se lle pedise desde ultramar.

Mais no traballo de articulista e director de publicacións periódicas, salienta sobre o resto a elaboración dos cen primeiros números da revista Grial creada en 1950. Sen o traballo a pé de obra do disciplinado e incansable Del Rie­go, a revista non daría saído. Censurada polo Réxime des­pois dos 4 primeiros números, Grial volve a saír cunha nova estrutura en 1963 apoiada polo grupo Galaxia. A revista foi unha peza esencial no labor de galeguización da cultura e o seu xestor, o alicerce no que se asentou a vida cultural de Galicia entre 1950 e 1970. Ademais de dirixir Grial e de artellar as seccións de cada número, escribía un ou varios artigos asinados co seu nome e cos pseudónimos.

E se importante foi o seu labor como articulista, foi importantísimo o de editor comprometido coa causa da galeguización de Galicia. No primeiro programa de publicacións da editorial Galaxia figuraba a necesidade de publicar unha historia da literatura e unha antoloxía poética, dada a importancia que tiña para dar prestixio á nosa cultura dispor de materiais que divulgasen as obras escritas no pasado e na etapa contemporánea. O único manual de referencia que había era a Literatura gallega que Uxío Carré de 1911. E será Fernández del Riego quen asuma a tarefa de escribila. Non a pode publicar por estar en galego, pona en castelán e en 1951 sae a Historia de la literatura gallega, que ten unha reedición ampliada en galego en 1971, cando xa circulaba a Historia da Literatura Contemporánea de Carballo Calero.

Tamén foi Del Riego quen programou a elaboración dunha ampla Escolma da poesía galega. Encárgalle a Xosé Mª Álvarez Blázquez o volume da poesía medieval (1952) e o séculos XIV ó XIX (1959) e el fai os correspondentes ó século XIX (1957) e o dos contemporáneos (1955). Neste volume, Del Riego selecciona os autores que anovaran as liñas poéticas da poesía galega. «Un grupo de poetas que mostra unha maior preocupación formal e estética», di para xustificar a súa escolla e a razón de prescindir de poetas contemporáneos que fan poesía costumista e pai­saxística de raíz decimonónica. Inclúe un número impor­tante de poetas contemporáneos e dúas mulleres (Pura Vázquez e Luz Pozo). Cada poeta leva unhas breves notas biográficas e unha poética, en xeral, feita polo-a poeta.

Ter unha historia da literatura e unha escolma de poe­sía era un medio importante de dignificación da lingua, imprescindible para emprender o renacer da literatura na posguerra. A Escolma foi durante moitos anos unha obra de referencia para quen se interesaba pola poesía galega. Do seu traballo en defensa da lingua e da cultura galegas dá conta de Xusto Beramendi en De provincia a nación.

Historia do galeguismo político (2007), onde Fernández del Riego aparece como o autor con maior número de refe­rencias bibliográficas.

Quero recordar que foi o editor Del Riego quen xes­tionou as primeiras obras de Celso Emilio Ferreiro, as de Álvaro Cunqueiro, de Xohana Torres ou de Xosé Luís Mén­dez Ferrín…, por citar só algúns dos autores que aparecen nos primeiros catálogos de Galaxia. Pasou a máquina os poemas do libro Longa noite de pedra, e ordeounos para a edición de 1962. E a el debémoslle, pola súa teimosía, como recoñeceu don Álvaro nun fermoso texto no que di que «sen a teimosía do meu amigo Paco nunca escribiría o Merlín e familia». Creo que o devir da cultura e da lite­ratura galegas de hoxe sería ben diferente sen o traballo cotián do escritor e editor Del Riego.

Elo entre xeracións de galeguistas

Non hai dúbida de que Del Riego foi un animador cultural e literario de moita xente. Formado no berce investigador do Seminario de Estudos Galegos e da Xeración Nós, dos que recibiu o seu maxisterio, conviviu e traballou intensa­mente coa xente da súa xeración (Carballo Calero, Darío e Xosé Mª Álvarez Blázquez, A. Cunqueiro, Gómez Román..) e con algúns deles participou na creación de Galaxia. E desde a cadeira do vello edificio da Biblioteca Penzol na rúa Policarpo Sáenz, ademais de gardar o patrimonio alí depositado, Del Riego impulsou as investigacións so­bre Galicia e transmitiu os ideais dos vellos galeguistas. Presidido pola súa figura, a biblioteca serviu de centro investigador, de lugar de encontro de intelectuais e de académicos, e tamén de xuntanzas e parladoiros distendi­dos, nunha etapa da nosa historia na que só en cenáculos coma aquel se podía falar dos problemas socioculturais e políticos de Galicia. E o novo profesorado, algúns deles / as escritores, que buscaban información, podían asistir e coñecer alí os autores que estudaran nos manuais.

Presidida por el, a Biblioteca Penzol serviu de centro investigador, de lugar de encontro de intelectuais e de académicos, e tamén de xuntanzas e parladoiros distendidos, nunha etapa da nosa historia na que só en cenáculos coma aquel se podía falar dos problemas socioculturais e políticos de Galicia.

A Penzol foi un lugar de encontro de xente que fa­laba e escribía en galego, e o seu director soubo tecer unha auténtica rede entre as novas e as vellas xeracións unidas no labor de restauración da lingua e da cultura. E non só entre xente de Galicia, tamén cos exiliados Del Riego mantivo un contacto literario, político e cultural permanente, así como con intelectuais doutras culturas, a través dos milleiros de cartas que escribiu. E a súa obra, entroncada no fértil terreo da Xeración Nós, xermolou en frondosa árbore coas polas estendidas cara a tódolos ámbitos. E debaixo delas acolléronse escritores, artistas e simplemente a mocidade que pretendía continuar o labor de galeguización. Deste patriarca das Letras e dos seus colegas recibimos o exemplo. E, coma eles, esforzámonos por transmitir o legado recibido ás xeracións seguintes.

Da súa xeración foi don Paco quen mellor entendeu as críticas que lles faciamos e as actividades emprendidas pola miña xeración. Sen a súa axuda moitos dos nosos traballos non existirían. O seu Dicionario de escritores en lingua galega (1990 e 1992) deu ánimo a quen daba os pri­meiros pasos ó verse alí recoñecido pola súa autoridade.

Teño a satisfacción de poder recoñecer canto lle debemos a don Paco del Riego a xente de condición di­versa unida no sentimento de sermos unha comunidade humana e territorial diferenciada, de sermos Galicia, por animarnos a continuar mantendo e agrandando coa súa palabra e a súa obra a dignidade colectiva da nosa lingua e do noso País.