Venres 22, Setembro 2023
HomeCulturaPaco del Riego. De mozo rebelde a petrucio admirado

Paco del Riego. De mozo rebelde a petrucio admirado

por Justo Beramendi

Quen ideara e promovera a celebración anual dun día dedicado ás Letras Galegas, Francisco Fernández del Riego, é o escollido pola Real Academia Galega para personalizar nel a efeméride deste ano 2023. Unha traxectoria persoal e intelectual a súa na que Galicia tivo sempre e dende moi novo unha presenza permanente. Nos tempos escuros, cando todo o que burlaba a censura e persecución do réxime franquista se movía na clandestinidade. E tamén cando chegou o momento de darlle ao país e á súa cultura estruturas e vías de supervivencia.

Francisco Fernández del Riego, nado en Vilanova de Lourenzá o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, pertence á pri­meira xeración de nativos nacionalistas, isto é, dos mozos que, ao contrario que os fundadores das Irmandades da Fala, xa naceron nacionalistas en po­lítica. En 1930, con dezasete anos, inicia a carreira de De­reito en Madrid, pero no curso 1931-32 continúaa en San­tiago, onde a remata en 1934 e decontado accede a unha axundatía da cátedra de Dereito Civil. Asemade cursa estudos de Filosofía e Letras. Nada máis chegado a San­tiago, cando a Segunda República daba os seus primeiros pasos, atopámolo xa entre os afiliados á Asociación Na­zonalista de Santiago, un dos moitos grupos nacionalistas que se formaron en Galicia no tránsito da “Dictablanda” de Dámaso Berenguer á ruptura republicana.

Del Riego a sume o concepto etnohistórico de nación galega, iniciado por Murguía e codificado por Vicente Risco, pero afástase parcialmente do mestre para formular un concepto híbrido que combina os constituíntes obxectivos coa conciencia nacional e a vontade cidadá.

Naquel nacionalismo galego, moi fragmentado no organizativo, convivían dúas tendencias ideolóxicas prin­cipais, a liberal-demócrata e a católico-tradicionalista, xunto con algúns filosocialistas. En público, a maioría revindicaba a transformación do Estado centralista nunha federación/confederación das nacións ibéricas acordada libremente por estas, e só grupos marxinais querían a separación de España para formar un Estado galego total­mente soberano e independente.

Del Riego encádrase claramente dende un principio no sector liberal-demócrata, isto é, na esquerda do move­mento naquela altura. Algo evidente tanto polo contido dos case cen artigos que escribe nos xornais e revistas da época entre 1932 e 1936 como pola orientación da súa ac­tividade como militante do Partido Galeguista e dirixente das súas Mocedades até o comezo da Guerra Civil. E así, rexeita “con fonda repugnancia” as ideoloxías e os siste­mas de inspiración tradicionalista, fascista ou nazi, mais tamén desaproba o anarquismo e os marxismos, incluída a URSS, malia o recoñecemento na súa Constitución do dereito das nacións sen estado á autodeterminación, pro­mesa (non cumprida) que a el non consegue seducilo, ao contrario que a Castelao anos despois.

Como case todos os seus “irmáns”, asume o concepto etnohistórico de nación galega, iniciado por Murguía e codificado por Vicente Risco, pero afástase parcialmente do mestre para formular un concepto híbrido que combi­na os constituíntes obxectivos (orixe, lingua, cultura, histo­ria) coa conciencia nacional e a vontade cidadá, concepto máis acaído para articularse cun proxecto de nación gale­ga politicamente democrática, economicamente desenvol­vida e socialmente máis xusta.

Por outra parte, no pensamento deste mozo, que cita a un número de autores europeos, algo extraordinario para a súa idade, salientan dous riscos distintivos. Cara a dentro, a obsesión por manter unido o nacionalismo galego, polo que procura non entrar na rifa entre dereitas e esquerdas no seu seo, sen por iso renunciar ás súas ideas. E cara a fóra, a vontade de construir unha Galicia libre pero aberta a Europa e ao mundo, e o soño dunha Humanidade or­ganizada en federación de nacións libres da que ficarían desterradas para sempre guerras e opresións individuais e nacionais: “Autonomía integral dos pobos peninsulares. Federación Ibérica. Zolverein europeo. Aerópago universal de nacións ceibes. Velahí a única solución”.

Amén de difundir este ideario e de defender o progra­ma nacionalista dende A Nosa Terra, Nós, Heraldo de Gali­cia, El Pueblo Gallego, A Fouce, Alento ou Ser. Semanario de izquierdas, é un militante entregado do Partido Galeguista dende a súa fundación. Faino en primeiro lugar como líder universitario. Chega a ser un dos principais dirixen­tes en Galicia da estatal Federación Universitaria Escolar (FUE), na que introduce o programa nacionalista que redacta xunto con Ricardo Carballo Calero en 1933. Neste texto pídese, ademais da autonomía de Galicia, facer da USC, daquela totalmente castelanizada e obsoleta, unha universidade independente de Madrid, menos funciona­rial, máis científica e flexible, que incorpore a lingua e a cultura galegas, se preocupe pola resolución dos proble­mas de Galicia e resulte accesible aos xoves de menos re­cursos de modo que o estudio superior sexa un dereito de todos e non un privilexio. Como recoñecemento ao seu traballo no seo da FUE, foi elixido polos estudantes para representalos no acto de apertura do curso 1933-1934 cun discurso no que expuxo este programa para desagrado da maior parte do profesorado presente. Este foi o seu momento culminante como líder universitario.

En adiante, xa no treito final da súa carreira ou como licenciado e profesor, centrará a súa actividade política no partido e, sobre todo, nas súas mocedades. Neste eido, Paco del Riego foi a persoa á que o PG confiou a tutela das súas xuventudes, non sempre doadas de manter no rego. Primeiro como secretario xeral dos Grupos Ultreya, probablemente para vixiar ao seu fundador Álvaro das Casas, sempre imprevisible. Pouco despois, en xaneiro de 1934, o PG, ademais de nomealo subdirector de A Nosa Terra e membo do Consello galego de Galeuzca, decidiu crear a Federación de Mocedades Galeguistas e confioulle a súa presidencia coa misión obvia de facer de ponte en­tre o PG e a FMG.

Del Riego exerceu o seu novo cargo con dedicación tan­to na dimensión puramente organizativa como na de ani­mador e guieiro ideolóxico da tropa posta ao seu coidado. En 1935, cando a confrontación entre dereitas e esquerdas no seo do partido saía con forza á superficie, esforzouse por manter ás mocedades á marxe desas rifas. Pero na FMG alentaba outro motivo de discrepancia. Boa parte da súa afiliación consideraba demasiado tépedo o autono­mismo táctico do PG e sentía inclinacións máis radicais que nalgúns chegaban ao arredismo. E Del Riego, entre uns e outros, tiña que facer equilibrios para que o descontento dunha parte das mocedades non fose a maiores.

Entre a clandestinidade e os tempos da Transición

En 1936 participou moi activamente nas campañas das eleccións de febreiro e do referendo do Estatuto de Au­tonomía o 28 de xuño. Dúas vitorias seguidas. Mágoa que, logo de menos de tres semanas de celebración, chegase a traxedia. O nacionalismo galego compartiu a triste sorte de todas as forzas democráticas. E Francisco Fernández del Riego era un nacionalista moi coñecido, así que tivo que agocharse nos primeiros días para que non o asasinasen os falanxistas de Santiago e despois usar, como tantos outros, o expediente de enrolarse no exército franquista, isto é, para salvar a vida tivo que pagar o duro prezo de combater á súa nación e á República.

Pero nin este amargo trago nin a permanente ameaza de que a brutal represión da ditadura caese sobre el conse­guiron dobregar a súa vontade de loita. Acabada a guerra instalóuse en Vigo, casou e comezou a traballar primeiro no ensino privado e despois como avogado, ao tempo que promoveu dende 1943, xunto con outros poucos dos que sobreviviron á desfeita, a reorganización do Partido Galeguista na clandestinidade, cando isto resultaba máis perigoso. Como ben sabemos, o intento acabou moi mal en pouco tempo, con Ramón Piñeiro e outros na cadea.

As enormes dificultades para manter naquela situación unha acción política organizada levounos en 1949-1950 a apostar por centrar as enerxías galeguistas nun labor cultural que preservase o ideario e o transmitise ás novas xeracións, xunto a un proselitismo selectivo dirixido por Ramón Piñeiro. Nesta liña, a partir de 1950 Del Riego foi peza fundamental na fundación e funcionamento da Edi­torial Galaxia, instrumento maior desa nova estratexia. En 1960 ingresou na Real Academia Galega e tres anos des­pois conseguiu facer realidade unha idea que xa lanzara nos anos trinta: instituir o Día das Letras Galegas con pe­riodicidade anual. Ese mesmo ano, vencida a resistencia da ditadura a tolerar unha revista íntegramente en galego, botou a andar Grial, que Del Riego co-dirixiu con Ramón Piñeiro até 1988, ao tempo que se implicaba na creación da Fundación Penzol, de cuxa biblioteca e arquivo foi di­rector vitalicio. E por se todo isto fose pouco, tamén en 1963 co-fundou na clandestinidade o Partido Socialista Galego no que militou até 1978, presidindo en xaneiro de 1977, xa coas liberdades recuperadas, o seu I Congreso.

En todas estas décadas salientou ademais como voceiro do galeguismo cultural en xornais e revistas de Galicia e da emigración, na ditadura baixo seudónimos e na democracia co seu nome, e como autor de dicio­narios, antoloxías, unha historia da literatura galega e biografías de persoeiros da historia do galeguismo, sen que falte algunha obra de creación. En 1997, merecido colofón a súa traxectoria, foi elixido presidente da Real Academia Galega, á que imprimiu durante o seu manda­to un novo dinamismo.

En vida recibiu case todos os premios e recoñecemen­tos posibles, como correspondía a unha figura irrepetible, respectada e admirada por todos: Premio de Ensaio do Centro Galego de Buenos Aires (1948), Pedrón de Ouro (1979), Premio vitalicio da Fundación Barrié (1982), Medalla Castelao (1985), Premio Trasalba (1988), Premio de Creación Cultural da Xunta de Galicia (1992), doctor honoris causa da Universidade de Vigo (1992), Galego Egrexio (1993), Premio Fernández Latorre (1994), Premio Otero Pedrayo (1995), Insignia de Ouro da Universidade de Santiago (1996) e Premio das Artes e das Letras de Galicia (1997).

Pero as case oito décadas de sacrificios e servizos inin­terrumpidos a Galicia, a prol da súa lingua, da súa cul­tura e dos seus dereitos, ben merece que neste 2023 se lle honre coa distinción que el memo creou hai sesenta anos, como efectivamente se está a facer. E dende Tem­pos Novos é un grato deber contribuir á homenaxe con esta breve aportación.