Domingo 1, Outubro 2023
HomeCulturaOUR PLANET: A INMENSIDADE

OUR PLANET: A INMENSIDADE

SERIE DOCUMENTAL

Our Planet (GB, 2019)

Dirección: David Attenborough, Huw Cordey, Sophie Lancear, Ilaira Mallalieu, Keiran O’Donovan, Hugh Pearson e Gisle Sverdrup.
Produción: Alastair Fothergill e Keith Scholey.
Montaxe: Andrew Chastney.
Fotografía: Roger Horrocks.
Música: Steven Price.

por Yolanda López

Mentres algúns advirten que a burbulla da terceira idade da televisión comeza a esmorecer, o novo proxecto de sir David Attenborough co patrocinio de WWF (World Wildlife Fund) aterra en NetflixOur Planet concentra en 8 episodios un traballo quimérico tras catro anos de produción, 3.375 días de gravación, 400 mil horas de imaxes de cámaras trampa, 6.600 voos con drone, 911 días no mar e 2.000 horas de submarinismo.

Como resultado, un deleite sensorial rodado en máis de 60 países (dos bosques de Sumatra e os glaciares de Grenlandia á fauna da costa do Ártico ruso ou do deserto de Atacama), logo da entrega dunha equipa de 600 técnicos. Os episodios temáticos (mundos de xeo, selvas, augas costeiras, desertos e pradeiras, alta mar, auga doce e bosques) péchanse cun making of que afonda nas condicións, no tesón e nas ferramentas técnicas que propiciaron o rexistro en 4K da natureza en todo o seu esplendor.  

Necesario e imprescindible documental. Imposible non abraiarse cos hábitats reflectidos en pantalla, cos protagonistas dos diferentes medios (o baile do paxaro paraíso, a fuxida do flamengo na salina, a coreografía do cormorán de Socrata, as saídas nocturnas dos lémures ou a candidez das lontras). Tamén ante as cifras da sobreexplotación e da alteración da pegada humana poñendo en perigo a supervivencia alén dos límites dos osos polares, das morsas (esa secuencia fica marcada na pupila, glup) e de tantos outros. “O que fagamos nos vindeiros 20 anos determinará o futuro inminente do planeta”. E de nós mesmos como especie, se non temos merecido nalgún momento xa a extinción. 

Inevitable fitar con entrega a pantalla mentres a voz do propio Attenborough como narrador (un home que namoraría até lendo a guía telefónica) atrapa coas historias que transitan con tinguiduras de comedia, drama, thriller e mesmo musical (bárbaro o traballo de Horrocks). Algo a priori incrible se falamos de formigas recollefollas ou de fungos devoradores. Hai desacougo, pavor, riso, concienciación e moita beleza. Fascinación, curiosidade e mesmo mutismo ante o que contemplamos. Acollendo aquela máxima da BBCOur Planet recolle o de “formar, informar e entreter” e engade a reflexión. O peche coas secuencias rodadas en Chernóbil (lembremos, logo do desastre lugar inhabitable nos vindeiros 20 mil anos) prefire dar un halo de optimismo: aínda non é irreversible. En tempo de desconto, pero aínda non é irreversible.  

__________