As cousas que tiveron que pasar para que chegase a morte

«Los que idearon el 11-M no están ni en desiertos remotos ni en montañas muy lejanas». Anos despois do maior atentado yihadista en Europa, José María Aznar, presidente do goberno español durante a traxedia, aínda propagaba a idea de que ETA estaba detrás da masacre. Unha mentira xurdida da desesperación por reter o poder nas eleccións xerais terminou por converterse na teoría da conspiración fetiche da extrema dereita española.

O certo é que, efectivamente, o atentado terrorista tiña unha derivada cuxa orixe non estaba en montañas a miles de kilómetros de distancia. A pólvora empregada polos terroristas foi proporcionada por unha banda criminal de Avilés conformada por cidadáns españois.

A trama asturiana do 11-M ocupa o foco de Nos vemos en otra vida, unha miniserie dos irmáns Sánchez-Cabezudo, cuxo punto de partida é unha reportaxe do xornalista galego Manuel Jabois sobre Baby, o adolescente que entregou a pólvora aos terroristas.

A través dunha estrutura temporal que mestura varias liñas temporais, Nos vemos en otra vida explícanos como uns rapaces de Avilés puideron ser os facilitadores do terror. E este propósito, que os Cabezudo levan adiante con éxito, é, xa en si mesmo, un sopro de aire fresco. Por que? Consigue levar un tema tan complexo e globalizado como o do terrorismo, as ditaduras de Oriente Próximo e Medio e a política colonialista e expansionista de Estados Unidos e os seus aliados occidentais ata un plano profundamente local. Dende as Azores ata un barrio empobrecido de Avilés, no que os xogos xeopolíticos son absolutamente irrelevantes porque os mozos que os habitan non teñen dereito a ter un futuro.

Nos vemos en otra vida é unha ficción que flúe con elegancia entre o thriller (que tivo que pasar para que os atentados chegasen a producirse), o drama social (que vida ten que ter unha persoa para non cuestionarse nin por un segundo as consecuencias dos seus actos e, sobre todo, non arrepentirse de telos feito porque non tiña máis saída que esa) e a traxedia persoal en torno a Baby, antes e despois do acontecemento que transformou a súa vida e sacudiu a todo o estado.

Aproximarse ao crime intentando comprender as súas raíces sociais, económicas e culturais é unha decisión que xa vimos antes ao outro lado do Atlántico, por exemplo, a través de The Wire (David Simon, 2002) e neste país en filmes como Grupo 7 (Alberto Rodríguez, 2012). O factor diferencial reside en que os Cabezudo entrecruzan este achegamento á ghettificación da cidade cun acontecemento histórico. E sobre todo, debemos destacar como levan a cabo esta aproximación. Cunha escritura precisa como a do mellor xornalismo, e unha posta en escena que transmite á perfección a sensación de que cada día pode ser o último e que se isto pasase tampouco sería tan grave, porque nesta vida hai poucas cousas que seguir vivo.

 

Nos vemos en otra vida (miniserie)
Creada por Jorge e Alberto Sánchez-Cabezudo.
Dirección: Jorge Sánchez-Cabezudo, Alberto Sánchez-Cabezudo, Borja Soler
Reparto: Roberto Gutiérrez, Pol López, Tamara Casellas, Quim Ávila, Mourad Ouani, Jaime Zatarain.

España, 2024