Domingo 4, Xuño 2023
HomeCulturaOS NÓS DE DALILA GONÇALVES

OS NÓS DE DALILA GONÇALVES

ARTE

Amanhar
Artista: Dalila Gonçalves
Galería Nordés, Santiago de Compostela
Até o 30 de outubro de 2020

 

por Daniel L. Abel

Coma se a primeira persoa do plural nos atase realmente, entrelazando os nosos corpos nun nó gordiano que agora descubrimos, con estupor, que era o mesmo cortalo que desatalo. Coma se puidésemos introducirnos nun animal ―poñamos por caso, un peixe― e calzarnos a súa pel baleirada e escamada, petrificada nunha estrutura cerámica desmontable. Coma se as nosas vidas collesen nas perforacións dun bloque de resina no que se debuxa un skyline liliputiense, con rañaceos atravesando o ar solidificado e translúcido. Coma se un mosaico xeroglífico de láminas de porcelana significase algo, e os mapas en baixorrelevo de circuítos de enxeñería con nodos (de novo nós, en portugués) e símbolos de tensións eléctricas, conexións e resistencias falasen tamén do social. Coma se os nosos dedos puidesen ocupar o lugar deixado polos nós extraídos con sutileza de pequenos listóns de madeira,  revivindo as ramificacións frustradas dunha antiga árbore. Coma se a viaxe astronómica dun caracol sobre a bola do mundo puidese ser conxelada no instante en que o verde da auga estancada acada a súa máxima expresión. Coma se a resina tinguida dunha árbore queimada fose a costra dunha ferida: sangue reseca protectora.

Dalila Gonçalves (Castelo de Paiva, Portugal, 1982) xoga coa polisemia das palabras, coa interacción dos procesos naturais e artificiais, coa polirritmia dos tempos. Con esa materialidade elástica que fai que o tempo histórico perda ás veces o compás do tempo cronolóxico. As súas instalacións e esculturas visualizan o paso dos segundos e os séculos, das mans e a memoria. Disecciona, clasifica, cataloga a natureza do que se move e o que semella que non ―pero si―, traspasando as fronteiras do humano, o animal, o mineral, o botánico. O ano pasado dispuxo no chan da Rodríguez Gallery, en Polonia, milleiros de tiriñas de papel das que estabelecen as quendas para seren atendidos nun comercio ―en concreto, a singular Loja Rocha Leitão en Porto: Ferragens, ferramentas, parafusos e utilidades―. A estrutura metálica cos papeis engarzados resultaba unha forma escamada e serpeante que ameazaba os pés dos visitantes ao tempo que obrigaba a extremar o coidado dos pasos. O Tempo dos Outros às vezes é o Meu era o título da peza. Na primeira mostra da artista portuguesa na compostelá Galería Nordés, fóra de exposición, pódese ver un deses papeis de impasse reconstruído en porcelana fina, sobresaíndo da parede para forzar a sombra; coma se fose o estilete dun reloxo de sol.

En portugués o verbo amanhar, o termo que dá título ao conxunto das obras presentadas en Nordés, ten o significado de arranxar ou o de chegar a un acordo ilícito (como cando se amaña un partido de fútbol ou un contrato), igual ca en galego. Pero emprégase tamén co sentido de preparar, dispor, deixar listo. Amanhar o peixe para o seu cociñado, para un novo estadio nese procesamento constante que caracteriza o vivo, o vivido e, en consecuencia, a arte.