Os estafados somos todos

Timar a Facenda? Fronte á imaxe que se ten construído no imaxinario colectivo de que a Facenda non se lle escapa ninguén, o certo é que a defraudación fiscal tense convertido nunha constante. De feito, en gran medida, pola conivencia (no mellor dos casos) ou vontade (no peor) política.

Esa é, precisamente, unha das direccións cara as que apunta a miniserie xermano-danesa O diñeiro doutros.

Nesta obra de ficción reconstrúese o maio fraude fiscal da historia de Europa, o das operacións cum-ex. Dunha forma sucinta e pouco precisa legalmente, poderíamos dicir que, basicamente, grandes inversores estranxeiros pagaban unha vez o imposto correspondente polos dividendos das súas accións, pero solicitaban a devolución do mesmo dúas veces. Como podía ser posible isto? Vendendo as accións varias veces xusto no momento no que se entregaban os dividendos. De tal forma que os bancos entregaban un certificado para constatar o dereito á devolución a dous inversores, mentres que só un deles abonaba o imposto realmente.

Aínda que inspectores das facendas de países como Dinamarca ou Alemaña detectaron que estaban facendo devolucións impositivas millonarias sen constatar se os inversores solicitantes tiñan dereito a elas, os estados resistíronse a cambiar as leis para pór couto a este fraude. O resultado foron miles e miles de millóns de euros roubados ás arcas públicas.

O diñeiro doutros opta pola perspectiva múltiple para contarnos o acontecido a través de varios países e dende o punto de vista de actores clave: os avogados que deseñaron a operativa fraudulenta, os bancos que se beneficiaron dela atraendo a miles de grandes inversores, os inspectores de facenda, os cargos políticos, os fiscais, os xornalistas, etc.

O resultado é unha obra que destaca pola súa capacidade expositiva e por conseguir que unha cuestión tan obtusa resulte apaixonante. Isto débese a un ritmo narrativo trepidante e a unha construción de personaxes máis interesante do que soe ser habitual nesta clase de series, na que o que e o como sempre están por en riba do quen ou do por que.

Así, O diñeiro doutros segue a estela de películas como Margin Call (J.C. Chandor, 2011) ou miniseries como Sangue e diñeiro (Xavier Giannoli, 2023) e amósanos os engrenaxes do capitalismo especulativo máis perigoso e salvaxe e o menoscabo do loita contra o mesmo dentro dos estados que, teoricamente, deben protexer aos cidadáns e aos servizos públicos.

Xa non é que o icónico lema de «Facenda somos todos» non sexa certo. Nin sequera podemos falar dun «Facenda somos todos, aínda que uns máis que outros». O que nos conta O diñeiro doutros é que hai grandes cerebros ao servizo dos capitalistas máis inmorais buscando a forma de que os estafados sexamos todos e que moitos líderes políticos están dispostos a facilitarlle a misión.

O diñeiro doutros
Creada por Jan Schomburg
Reparto: Nils Strunk, Karen-Lise Mynster, David Dencik