“Ah humanos, demasiado humanos!”… matinou o primate, un tanto decepcionado.
Pensar que toda xénese, e toda apocalipse, comezou na trabada dunha simple mazá daquel xardín!
Hai árbores que se liberan das raíces para experimentar mellor a sensación de infinito.
Dunha plantación exclusiva de eucaliptos nunca tería xurdido ningún unicornio, ningunha fada, ningún mito.
Espello, non inventes.
Hai tipos tan amorfos que non se asombrarían de oír cantar a rocha.
E se as cousas se rebelasen?
Cando o paxaro, en voo, se detén, aplaude o cénit.
Hai paraugas aos que, aínda que non chova, lles agrada saír a dar unha volta.
Contemplar longamente a árbore, arraiga.
Non deixes, nunca, podrecer o remo.
Non deixes, nunca, enferruxarse a áncora.
A alegría do neon é teatral.
Alenta un pouco o vicio ou a virtude farase imperativa.
O espello reflicte a realidade sen cuestionala.
Todos estamos un tanto desvalidos. E non pouco desvelados.
A luz precisa o contraste da sombra. A realidade, o do soño.
O home, entón, era isto?
Non beber nunca dunha auga que algunha vez non cante.
Quen inventou o arco iris? Meniños con canicas.
Estaba quedándose durmido. O aforismo sacudiuno.
Até o chapeu lle notaba os cambios de ánimo. E ás veces removíase, alarmado.
Pequenas cebolas. Longas cenorias. Poesía é todo.
Esa xente tan pura, tan pura… que parece non derreterse nunca.
Oes crecer a herba. Entón comprendes…
Cando as árbores cantan, os paxaros arraigan.
Castelos no aire? Non ter gozado nunca a sorte de contemplalos!…
A práctica da arte? Facer o que haxa que facer, co tempo que teña que levar e no lugar en que lle cumpra acontecer.
Que acontecería se, de pronto, non soubésemos nada?
Que acontecería se, de pronto, o soubésemos todo?
As culpas, as tristezas, os remorsos… a partir de certa idade, veñen para imporse.
Que desgraza. A verdadeira felicidade case sempre se revela unha vez que pasa.
Ateo: persoa que non aspira a ser salvada por supremas instancias.
O neoliberalismo é un Midas que converte en ouro todo o que toca o rico. E o que toca o pobre, en calderilla.
A única certeza é ser. E aínda esa…
Para coñecer o óso, roelo a fondo.
Para o parvo, nada hai arduo.
Que perigo. Máis himnos que libros.
Solidarizarse. Acción de facerse sólido en nutrida compaña.
Puerilizarse. Acadar a idade da inocencia as masas humanas.
A luz é a substancia da que lle agradaría a un deus estar formado.
Algúns deuses e ídolos van adquirindo forma de algoritmos.
En arte, o rupturista obsesionado acaba por herdar a epistemoloxía do baleiro e a xenealoxía do nada.
Arte que non acepta ningún precepto, naufraga a mar aberto.
A verdadeira vangarda nunca ignora a retagarda.
Escritores, moitos. Creadores, poucos.
En arte, os vivos crecémonos perante a obra dos mortos. Mais se eles saísen da tomba e visen os nosos logros…
Vivimos un tempo de inflación produtora. E así como moi raramente xorde o xenio, aumenta en certo modo o talento medio e, exponencialmente, o mediocre. Quizais, como sempre foi.





