Precisamos que a arte sexa incrible.
Somos unha violencia con moito, moito porvir.
Se o cheo non existise, o baleiro, que faría?
A Utopía? Arrefriemos, un pouco, expectativas.
Sen a expectación da árbore non cantaría o paxaro.
A seiva ascende ao bico da rama. E alí canta.
Da vida, irse un día coa discreción desa nube que esvaece ao fondo da baía.
A delicadeza? Esa forza indomable e discreta…
Os pensamentos fondos, silenciosos, que poucos os escoitan.
Que os humanos destrúan o seu planeta ao universo non lle inquieta.
A música é o murmurio do silencio imposible.
Dos mestres rin os necios.
Unha éxtase infinita, ten sentido?
Cando miro, miro. E admiro.
Non deixa de ser portentoso que o león, a formiga, a rocha e o toxo xurdiran do mesmo ovo. E ti e máis eu, lector.
Á eternidade importámoslle pouco.
O sabio é un ignorante que sabe un pouco. Pero ese pouco é moito.
A contaxiosa xovialidade do merlo!
Non creo en Deus. En min tampouco el.
Moitas estrelas do rock e do pop compórtanse no escenario como se fosen deuses e, os que os contemplan, insectos.
A luz, a decibelia: puro incenso?
Non ter nada que perder? Pero se a nosa condición é perdelo todo, até a paciencia!
Non tiramos ao lixo os trebellos que arrombamos no faiado porque tememos arrebolar os últimos fíos que nos unen ao pasado.
Por que se expande o universo? Que pretende?
A mazá sabe a paraíso perdido. E recobrado.
Descoñecerse un pouco é boa cousa.
O Carnaval é o momento en que aos humanos se lles aprecian mellor cornos e rabo.
Tanto se enfatizan hoxe en día as virtudes do traballo, que o que por un instante mencione as do ocio será considerado un perigoso disolvente social.
Para que non alcance todo o seu protagonismo a intemperie, toda persoa debe gozar dun recanto íntimo e secreto, por pequeno que sexa.
Arráiganos, raíz, se a terra é libre.
Que escultor non recordado modelou a primeira fogaza?
A Gioconda, As Meninas, A Venus de Milo… son ecuacións imperfectibles.
Por que a materia inventou estas formas e non outras?
Terra, auga, lume, aire, por que razón?
Por que o día e a noite, por que as estacións?
Hai outros universos, outras formas posibles, outros soños?
Por que o don de pensar, e pensar nestas cousas?
Por que o pensamento como forma da materia que soña?
Unha cátedra á serpe! Sabe máis do que parece. Para empezar, de velenos.
Aforraba tempo, crendo que no futuro, cando o necesitara, podería botar man del.
A boa música non é descritiva nin imitativa, senón elevativa.
A música é o rumor audible do paraíso.
No infinito saben do canto do xílgaro.
Con que ironía nos contempla o simio.
Espertar! Luz e aire teñen moito que contar.
Moitas veces, o can é mellor persoa que os seus amos.
A árbore, se a tocas, ponse á escoita.
O que non atravesou páramos, nunca encontrará oasis.
A xustiza? Un paxaro desecado nunha percha somnámbula, que só moi raramente, moi raramente canta…





