Os dentes da galiña (Capítulo 2)

No Talmud dise que cómpre bendicir a Deus tanto polo ben como polo mal.

Polo ben, quizais calquera persoa podería agradecerlle a fortuna o bo acerto.

Polo mal, un non ve o modo de asumir as consecuencias que esa afirmación exculpadora e incongruente plantexa.

A aposta do “novo polo novo”. Un certo cancro que nas artes de hoxe fai furor.

A denominación de “pecado orixinal” para as actividades prohibidas e innovadoras de Adán e Eva está moi ben precisada. A súa praxe, naquela altura, era dunha orixinalidade abraiante, da que xa gustarían os enfáticos e fachendosos “creativos” da hora actual…

O científico ten a desgraza de ter que pelexar toda a vida polo coñecemento, por ir sabendo algo.

O crego ten a inmensa sorte de que todo o saber lle é dado de antemán, sen que teña que ir, segundo el, procurar ningún máis…

As palabras son sombras –ás veces veladas, ás veces luminosas- da nosa realidade platónica.

Para os dogmáticos, Deus fixo a Doxa. O resto –segundo eles- é Interpretación e Retórica.

O baixo nivel de tan elevado número de políticos e servidores públicos demostra que os ideais da Polis cotizan tan á baixa como os remorsos.

Retorno da cidadanía? Nesta barbarie expandida?

Escola, Universidade, Coñecemento: amiguismo e burocracia vencen ao talento e ao mérito.

A ditadura do monetariado.

O que en política bota man da motoserra, algún día segará cabezas.

O fanático é enfático porque aplica a vontade e o aposta todo a unha idea nada máis.

Relativismo axiolóxico? Perante Homero, Leonardo, Shakespeare, Miguelanxo, Beethoven?

As vangardas romperon coa Academia. Mais non poucas veces se academizaron ao enrocarse nos seus propios preceptos.

Todo artista aspira a xenio. Pero a maioría nin a artesáns –a marabillosos artesáns- chegan.

En xeral, os exéxetas máis doutos e incisivos son os que máis dubidan. Os menos marcados por valoracións apriorísticas.

O razoar máis liberador e decisivo xorde cando se aplica a detectar os propios prexuízos.

Aplaudide, irrelevantes, aplaudide.

Tamén, tamén beleza no fociño do sapo. E na cola do lagarto.

Os nenos ollan con toda a cara. E contemplan con toda a ansia.

Os charlatáns emiten con frecuencia inmodulada.

Cando todo vale, nada vale nada.

Facer dano é fácil. Todo é aplicarse.

A menos decibelio, máis intelecto.

Mirar lonxe. Ver dentro.

O balbucido é a nosa linguaxe.

Contra a hybris humana, bo será coller unha caveira, e contemplala.

Quen non repare no voo dunha mosca acabará por non ver o da aguia nin o do cóndor.

Tanta intemperie, que onde acubillarse?

Sobre gustos, está todo escrito. Tamén sobre disgustos.

A desmesura tende á desventura.

Os traxes, nos armarios, afantásmanse.

Cando un sabio se asoma á realidade, sente xúbilo ou pánico?

Nos soutos milenarios, as rulas falan baixo.

Moitos xigantes só son ananos fóra de escala.

Todas as igrexas se laian polos seus mártires, pero nunca polos mártires que elas xeraron.

É un dato relevante que na Teoloxía o humor non campe por ningún lado?

As sementes e o pole deberían gozar de máis asombro.

Ningún río esquece a súa orixe. Mais non por iso renuncia ao seu destino.

Os seres que zumegan alegría merecerían a nosa idolatría.

Hai mans que nunca, nunca se poderán lavar.