Os dentes da galiña (Capítulo 1)

Sempre escribín aforismos. Publiquei os libros Arca cotidiana / Irispaxaros, Da rocha imantada e O lapis do mono. Con eles, o gravador Manuel Facal fixo no seu día un libro de artista (Irispaxaros). Para impulsar a escasa tradición aforística en Galicia, coordinei, con Francisco Pillado, unha antoloxía de aforistas galegos: Os aforismos do riso futurista (Ed. Xerais, 2016).

O aforismo, malia á súa brevidade, intégrao todo. Pensamento e poesía, ética e estética, humor e intuición, ludismo e sentenza, enxeño e creación verbal, subversión e ironía, crítica e ludismo… Todo cabe no seu espírito sintético e na súa nudez contundente e asertiva.

A serie inédita Os dentes da galiña, será publicada en sucesivas entregas.

Porque o que aforisma, en certo modo, é un mestre en arriscar a crisma.

 

“Nunha aldea descoñecida é posible que as galiñas teñan dentes”.
(Proverbio Abé, Costa do Marfil)

Encollerse de ombros, non de soños.

O cacto non se deixa aconsellar.

Por moito que abran os ollos, o frívolo e o parvo ven moi pouco.

Sombreiro que se prece incuba pensamentos.

Pensa mal… e non acertarás.

Non tiña onde ir. Nin sequera o inferno lle fora prometido.

A música abre mundos que este busca.

A que armou o primate coa súa aspiración a sabio!

Aínda sen miralas, coidado coas pantallas!

Cando se esgoten todos os destinos turísticos, os viaxeiros do mundo retornarán a Ítaca.

O único paraíso ao alcance dun humano é o fiscal. Se ten cartos de abondo e carece de moral.

Xenios hai tantos…

Nunca lle deas un tambor a un fanático. Acabará golpeando cranios.

Ter os ollos abertos non garante contra posibles formas de cegueira.

Gran parte dos libros nacen mortos. Ou exánimes.

Dereito a fracasar. E a non ser reivindicado.

Aquela fachendosa ave de corral, que ínfulas de aguia!

Un neno imaxinario creou pardal e gato.

Non vin a sombra. Vin a materia escura.

Non vin a luz. Vin o soño do azul.

Non hai máis férrea elocuencia que a da liña recta.

Nos tellados, antenas. Nas testas, cornamentas.

Gritaba silencioso, para dentro.

Cando a pedra toca fondo, que resolución toma?

Certos xograres do medievo empequenecen a non poucos miñaxoias decibélicos.

Quizais o universo é tan cego coma nós. Pero menos iluso. E máis parco en retórica.

Os que moito falan é porque lles gusta escoitarse.

Chámanlles “edificios intelixentes” a aqueles nos que non se pode nin abrir unha xanela…

A Arca de Noé… Que breve tregua! Pero en canto saíron á intemperie…

Compareceu o infinito, pero era máis grande que sutil…

Un verdadeiro Deus, perante o noso mundo, esmendrellaríase de riso ou tremería de arrepío.

Grandeza nos humanos? Vindo dun minúsculo espermatozoide, que cabía esperar?

Xerarcas nos partidos, democracia á deriva.

Non se sabe a onde vai a arte. Sabelo, suporía saber onde vai o ser humano.

Mal que lle pese aos relativistas, a grande arte resiste.

Se queres ser verdadeiramente libre, encaixa con xusteza a ideoloxía.

O que inventou os mosquitos, desde un punto de vista humano, estivo pouco afortunado.

O que inventou os humanos, desde un punto de vista vexetal ou animal, foi un tipo claramente problemático.

A que rara intelixencia, a que estraña mente se lle deu por inventar esta andrómena inmensa?

Ceo con drons. Que triste obsolescencia os paxaros e insectos.

Nietzsche dicía que os monos son demasiado bos para que o home poida descender deles.

Do caldo primordial saíu o universo, pero faltábanlle os grelos.

A fe é irracional, pero tan constante, tan tenaz, que acaba por arrogarse unha “razón” de ser tan fáctica e inapelable como a empiría dunha mazá que cae.

O humor tamén é histórico. Hoxe non ririamos dun chiste ou dunha ocorrencia racista, sexista, clasista. A burla cruel doutras épocas, sobre un discapacitado ou unha vítima, non produce hilaridade a unha sa e xusta conciencia ou sensibilidade contemporánea.

O narcisista ten sempre o ricto serio. Se ri, ou sorrí, é para seducirnos, para que centremos o foco no seu nariz oblicuo.

Alén da Decoración, da Moda e da Gastronomía, que deuses quedan no Olimpo?

Para que queren sexo os anxos, se no ceo todo é nirvana?

A mala confrontación ou acordo entre dúas verdades pode ser unha gran necidade.