ENSAIO
Retratos en fite
Xosé Manuel Beiras
Editorial Laiovento
Santiago, 2022
246 páxinas
por Manuel Forcadela
Miramos o que nos mira. E neste exercicio especular, de sermos aquel que mira que o miramos a través do espello, adquirimos o rango dos nosos límites, da nosa determinación de entes mortais, marcados pola existencia. De xeito que unha moi boa maneira de construír unha autobiografía sempre será aquela de biografar os nosos achegados, poñendo o foco nos seus detalles e pormenores, sen necesidade de disimular todo o que hai de noso en cada unha desas lembranzas, en cada unha desas fixacións da memoria.
Penso, mentres leo Retratos en fite, no Verán de John Maxwell Coetzee, un exercicio autobiográfico no que o Nobel sudafricano, agora residente en Australia, dá conta de si mesmo, nunha certa altura da súa vida, a través das entrevistas apócrifas a media ducia de mulleres coas que, supostamente, tivera relación. Impacta o método porque ese personaxe autor, sempre ausente, ocupa, porén, o primeiro plano, mesmo cando as interrogadas proceden a contar os aspectos menos encomiables da súa personalidade.
Así, Xosé Manuel Beiras consegue, a través da evocación dun feixe de amizades determinantes na súa biografía, que o acompañemos ao longo de máis de sete décadas de existencia, desde os remotos anos trinta e corenta da súa infancia até tempos moito máis recentes, en retratos breves, ou non tanto, en que a marca da historia, por veces moi cruel, acompaña a mirada candorosa e mesmo chea de inocencia do infante, do mozo ou do adulto que observa e analiza o que lle depara o mundo do seu tempo.
E o mellor é que cada un destes retratos provén dun momento diferente, porque o libro, como o propio autor nos comunica de entrada, foi feito a partir de retallos, pequenas secuencias, escritas e publicadas por aquí e por alá, feitas como testemuña ou homenaxe ou referencia, e que agora, recompiladas, producen un novo efecto, tanto de emisión como de lectura.
Ademais, Beiras, como é sabido, é un conxunto de elos brillantes da cadea que nos liga coa historia e no seu estilo, no que poderíamos denominar sistema expresivo, ecoan as voces do pasado, Pondal, Rosalía, Castelao, Otero, e do presente, como Pepe Cáccamo, nun diálogo enteiramente persoal e eu diría que poético. Así, a prosa de Beiras remite a outras prosas do seu tempo, nomeadamente da Nova Narrativa Galega, coa que certas pezas deste libro dialoga en posición de orgullo autorial, como se o autor renunciase daquela a unha carreira literaria para a que estaba máis que capacitado, en parte por estar preso dun fervor intelectual e analítico que o conducía a outras ribeiras.
Hai espazo para outros Beiras menos coñecidos, os tremores do afecto, o arrepío da música, mais sempre prevalece o Beiras que máis queremos, o da conciencia crítica, o do compromiso radical co país, na perplexidade coa que asistimos á nosa propia historia.