O xogo de Hollywood

En 1992, Robert Altman estreou O xogo de Hollywood, unha sátira salvaxe sobre o decadente sistema de estudios cinematográficos. Máis de 30 anos despois, ese sistema segue, a pesar de todo, en pé, aínda que máis debilitado que nunca. 

Agora, Seth Rogen, Evan Goldberg e o resto do seu equipo actualiza en The Studio esa lacerante crítica á hipocrisía de Hollywood. O resultado é unha obra moito menos escura que a de Altman, pero igual de divertida e incisiva. Unha serie que aposta por facer comedia do absurdo e que confía tanto nos diálogos que funcionan como dardos contra a industria do entretemento, como no humor físico ou a construción in crescendo do gag. 

Cal é o punto de partida? Matt ascende a director dun gran estudo, tras a caída en desgraza da súa mestra. Chega ao posto facendo gala das mellores intencións, pero dende o segundo un comezan as renuncias. Facer unha película ridícula sobre un refresco? Por suposto, viva a era das IP (propiedade intelectual)! 

Lonxe de financiar os esforzos dos grandes cineastas estadounidenses e ese cine adulto de presuposto medio que morreu en Hollywood, Matt acaba atrapado en cada episodio nunha situación ridícula que se volve máis absurda polo seu empeño en facer as cousas ben con resultados irrisorios. E, sobre todo, vai claudicando das súas ideas para aferrarse ao cargo. 

Unha das grandes bazas de The Studio é contar coa colaboración e comicidade de cineastas e intérpretes de Hollywood dispostos a interpretar unha versión deformada das súas imaxes públicas, a rirse de si mesmos e, sobre todo, a denunciar a dexeneración do que antano foi un dos puntais da hexemonía estadounidense en todo o mundo. 

No primeiro episodio, podemos desfrutar dun Martin Scorsese que non dubida en auto-criticar os presupostos desorbitados das súas últimas películas financiadas por plataformas (O irlandés ou Os asasinos da lúa). 

No sensacional segundo capítulo, Sarah Polley intenta agradar ao protagonista para que lle financie a adquisición dunha canción dos Rolling Stones mentres intenta rodar un plano secuencia. Todo ilo contando, obviamente, a través dun plano secuencia. E poderíamos seguir co repaso episodio a episodio, porque en cada un deles hai unha idea narrativa ou visual interesante. 

Non poucos teóricos teñen sinalado que unha das claves do éxito do audiovisual estadounidense radica na súa capacidade de dar cabida a discursos contra-hexemónicos para construír a súa propia hexemonía. Neste senso, a grandeza de The Studio non se atopa tanto na súa valentía para falar da morte da imaxinación no cinema de Hollywood, senón na clarividencia e gracia co que fía a súa crítica. Unha serie de comedia na que cada capítulo tira a matar e que ten un ritmo endiañado que fai que non poidas deixar de mirar. Como algunhas das grandes películas de Hollywood cando non todo eran secuelas, precuelas e recuelas. 

 

The Studio 
Creada por Seth Rogen, Evan Goldberg, Frida Perez, Alex Gregory e Peter Huyck
Reparto: Seth Rogen, Ike Barinholtz, Catherine O’Hara