Mércores 27, Outubro 2021
HomeCulturaO XENIO DA LINGUA

O XENIO DA LINGUA

INFANTIL E XUVENIL

Fábulas contadas, de Gonzalo Navaza. Edicións Xerais, 2020. Ilustracións de Orelí Pello. 64 páxs.

 

por Manuel Forcadela

Tendo en conta que o verbo fabulare en latín é o étimo do que provén o noso falar, compréndese que o termo fábula poida ser empregado para aquilo que os gregos chamaron logos, o falar, o expresarse, a palabra meditada e razoada e, por tanto, a razón.

Na fábula hai sempre un pequeno relato con raíces no conto infantil ou etnográfico, que remata nun aforismo filosófico, que atinxe, polo xeral, aos modos en que un debe de conducirse na sociedade e no mundo, ou de coñecemento, unha epistemoloxía básica que vén sendo de utilidade común desde hai ducias de xeracións.

Na súa trama máis elemental cousas e animais compórtanse como seres humanos e, desta analoxía, deste modo de metáfora, xorde a evidencia que nos permite chegar, por medio da palabra, a conclusións insospeitadas.

O mérito de Gonzalo Navaza ao compoñer estas Fábulas contadas (Xerais, 2020) é o de organizalas textualmente de xeito que soen a un tempo a tradición e a novidade. E isto non é difícil de facer para quen conte co que denominamos xenio da lingua.

É coñecida a habelencia de Navaza para manexar a lingua ao seu antollo e de conducila mediante o enxeño e a lexítima manipulación cara lugares que semellaban imposibles. As súas xa numerosas traducións son un exemplo, entre elas As Flores do Mal de Baudelaire, (bo de ler, di el como brincadeira), a miña preferida.

Mais no caso que nos ocupa cremos que os sentidos da palabra ‘tradución’ fican enteiramente subvertidos. Un, porque non hai un texto inicial nun idioma determinado que houbese de ser trans-ducido, isto é, conducido desde ese idioma ao galego. E dous, porque o que se produce é un novo texto que se mantén fiel no seu sentido aos múltiplos orixinais en linguas diversas (o autor menciona no epílogo que algunhas desas fábulas aprendéraas de neno en francés e que foi imitando a súa melodía como compuxo estas) mais que, porén, se nos presenta como un texto posuído por unha determinada independencia.

Navaza manexa o verso e a rima e un certo ton infantil, que é propio da fábula, sen que isto queira dicir que se dirixe só a ese lectorado, e é no artificio desas condicións de partida onde pode exhibir o xenio da lingua para compor estes textos que, como dicíamos, son a un tempo ancestrais e novidosos.

Doce animais para dez fábulas: o raposo, o lobo, o rato, a galiña, o burro, o porco… cada un co seu modo de vida e as súas condicións de traballo, as súas fatigas e os seus desexos, que dan para establecer un decálogo de virtudes e pecados: a inxenuidade e a previsión, a certeza e a ignorancia, o desprezo e a fachenda…

Estamos, por tanto, perante unha composición versificada de dez fábulas clásicas de variada orixe, unha forma de transposición genettiana na que a tradución non é o maior dos exercicios e si a obtención dun equilibrio e unha harmonía no conxunto no que a perspectiva estética, a comprensión e a conservación do sentido primen sobre o resto.

Parabéns ao autor e á editora polo acertado das súas escollas.

Novidades