NARRATIVA
Través do trebón, de Vicente Araguas. Editorial Belagua, Vigo 2020. 160 páxs
por Xavier Alcalá
A Historia non é feita soamente por historiadores. Eles investigan, van ás fontes, contrastan e, como fan os policías, emiten informe. Mais existen ficcionistas que tentan introducir o lector nun mundo verosímil dabondo. Hai narracións coladas á realidade, froito de escoitar testemuñas e revisar documentos. Tal é o caso da novela Través do trebón (Editorial Belagua, 2020). Algúns que imos vellos navegamos por ela entre coñecidos, persoas que mesmo influíron nas nosas vidas; que respectabamos como suxeitos épicos ata que Vicente Araguas nolas situou uns chanzos baixo o nivel máximo do podio.
Coma un ourive das palabras, o Vicente coloca o lector no barrio da Madalena ferrolá durante as semanas atroces de xullo e agosto do 36 nas que se xogou non só o posicionamento da “cidade departamental” fronte ao alzamento dos africanistas senón o contraalzamento de Galicia. Mais a Casualidade que goberna o Universo (chamada Deus polos sublevados con uniforme e sotana) fixo que un cruceiro poderoso estivese en dique seco e non se puidese facer ao mar para ameazar coa súa artillería as posicións deses rebeldes.
Araguas entra a bordo do cruceiro e nel presenta dúas persoas honradas: o capitán de navío Salgueiro e o tenente de navío Glaría, que non se van sumar ao golpe e, como consecuencia, han acabar fronte ao pelotón de fusilamento: infinita maldade dos alzados contra a República que os xulgarían por “rebeldes”. A precisión do relato (mesmo en termos de radiocomunicación) demostra que Vicente escoitou a verdade.
Ora, estamos ante a obra dun ficcionista, que se mete tamén nos cuartos de hotel; e nun deles amosa unha moza linda, casadiña hai pouco: Lucila, a muller do Glaría, quen le Madame Bovary e soña con ter casa propia, deixar de seguir o seu home polos hoteis das cidades-base da Armada… Brutalmente, hanlle entregar os lentes e a alianza do fusilado.
E non é Lucila o único ser que sofre a bestialidade ordenada polo “Director” Mola. Novelista agudísimo, o Araguas inventa un personaxe que ve e escoita cheo de dúbidas: o Vitolo, rapaz que se topa coa sublevación xusto cando lle entregan as notas do último curso do bacharelato e anda a pensar en que estudos superiores seguir. El é a testemuña que conecta as dúas partes da novela.
Na primeira un narrador omnisciente dá sentimento, pensamento e voz a múltiples criaturas, entre as que salienta a do Vitolo, desconcertado polo que está a observar en canto os adultos nada –ou moi pouco– lle contan. A segunda parecería un alarde de verborrea que, con todo, subministra os datos necesarios para entender a tolería “heroica” en que se mete o rapaz, quen primeiramente se alista na Artillería mais, como lle parece máis épico andar no mar, pasa a facelo na Armada.
Resumindo: novela inescusable para lectores que gusten dos xogos de paixóns; e (perdón polo atrevemento) para historiadores que quixeren saber máis do que aconteceu nunha cidade de obreiros anarquistas, socialistas e comunistas que ía á folga xeral o 19 de xullo de 1936… pero non foi (nos cemiterios de Canido e Serantes está a explicación).