É toda unha declaración de intencións que Rexina Vega obrigue a comezar este fermoso diario sobre a ausencia da filla coa filósofa feminista Elisabeth Badinter: “Se a maternidade é o sacrificio personificado, entón o sino da filla significa unha culpa que nunca é posible expiar”. Porque O teu perfil na miña sombra non fala da maternidade coma esa egolatría das nais á que nos afixo o imaxinario feminista recente, senón que, sendo o relato descarnado do minuto seguinte a un parto prolongado durante vinte anos, retira á nai a condición de suxeito para obrigala a ser obxecto perverso do seu propio construto.
Aquí todas somos partes dun todo onde hai outro suxeito posíbel que obviamos para sermos algo: a filla. É no ser filla, na filidade que habita en todas (e todos), onde comeza a contradición esencial da maternidade tan ben sinalada por Badinter: velaí a culpa, o abnegado sacrificio, a sensación de perda, a renuncia. A maternidade é, á condición feminina, o que a banda de Möbius, á xeometría: un ente sen principio nin fin, algo perfecto na súa dobre condición de suceso e proceso, que así logra perpetuarse. Hai que ser filla para poder ser nai e, estar disposta a destruírse para poder construír outra nai sobre os cristais rotos. Quizais é a condena que mellor lle saíu ao Patriarcado, coa súa capacidade para poñerse de perfil neste turbio asunto.
O acerto d’O teu perfil na miña sombra está en relatar este complexo filosófico desde un lirismo delicado, pero partindo dun acontecemento normal: a marcha da filla. Non foxe nin desaparece. Só voa libre. E con esa mol cotianeidade, condena ao silencio a ferida da nai moribunda. Contra isto é que se rebela a autora, que resiste na escrita grazas á egolatría da nai, pero aprende a renacer nun novo ser-muller. Aquí Vega desvela coma ninguén o segredo da autoficción: non hai ningunha narradora galega viva que saiba manexar con semellante habelencia a fascinación que nos produce a realidade posta ao carón da dúbida sobre a veracidade do relato. No libro está a crueza de Annie Ernaux adobiada coa beleza e a intelixencia de Alice Munro, algo inédito nesta nosa contorna onde proliferou a autoficción de marca branca para facer bonito en Instagram.
Ao ler O teu perfil na miña sombra, co seu ir e vir da alegría pola liberdade (“A pantalla do meu teléfono salpica corazóns a todas horas”) e a tristeza pola ausencia (“Debía aprender a desaparecer”), coa súa crónica de chamadas, lecturas e confesións, cremos atinxir á nai real que está na Rexina Vega cronista de si mesma, pero quedamos enganchadas nun personaxe inesquecíbel que explica a verdade como só pode lograrse desde a ficción. Neste libro, o diario é só unha estrutura, porque o ton é poético pero o relato é certo: a maternidade á fin non é un laio de loito, senón unha amputación que nos obriga a concibirnos noutro ser. Imprescindíbel.
O teu perfil na miña sombra
Rexina Vega
Editorial Galaxia
Vigo, 2024
Número de páxinas: 164