Mércores 28, Setembro 2022
HomeCultura VIAXE ÁS BIBLIOTECAS PÚBLICAS

[REPORTAXE] VIAXE ÁS BIBLIOTECAS PÚBLICAS

por Miguel Vázquez Freire

O goberno galego presumía hai doce anos de cumprir a lexislación que obrigaba a ter como mínimo unha biblioteca por cada municipio de máis de 5.000 habitantes. O que non dicía era que ese cumprimento en moitos casos se resolvía apenas mediante o depósito de libros nun espazo físico sen as mínimas condicións en canto a persoal competente, deseño de actividades, renovación de fondos e horario de apertura, que fixera merecedor do nome de auténtica biblioteca. Como se verá, este é un dos déficits que en parte se segue arrastrando, aínda que tamén con síntomas de mellora.

Mais vaiamos por partes. A oferta bibliotecaria de carácter público (aquí non nos imos ocupar das bibliotecas privadas, como tampouco das universitarias) ten adoptado na actualidade unha estrutura ben definida, e esta, paréceme, é a primeira boa nova. Unha estrutura, ademais, perfectamente funcional que debería permitir a calquera cidadán de Galicia dispoñer dunha biblioteca de acceso libre, a unha distancia do seu domicilio que pode percorrer a pé nun tempo razonable, se cadra coa excepción de certos lugares do rural que merecerán no seu momento un particular comentario.

Nas sete cidades de Galicia, coa excepción singular de Ferrol, existe unha biblioteca pública, herdeira das vellas bibliotecas do Estado, cuxa xestión depende directamente do goberno galego, que manén no cumio da estrutura a Biblioteca de Galicia, ubicada no Gaiás, cun papel máis especialiado.

O deseño desa estrutura pode contrastarse na web da Rede de Bibliotecas de Galicia (rbgalicia.xunta.gal). Como cumio desta estrutura aparece a Biblioteca de Galicia, ubicada na Cidade da Cultura do compostelán outeiro de Gaiás. Porén, a súa función conservadora, con pretensión universalizadora, das publicacións en lingua galega, debería contemplala máis como espazo para investigadores que non como servizo bibliotecario dirixido ao cidadán común.

Nas sete cidades de Galicia, coa excepción singular (e para min inexplicable) de Ferrol, existe unha biblioteca pública, herdeira das vellas bibliotecas do Estado, cuxa xestión depende directamente do goberno galego. Se hai doce anos estas bibliotecas estaban, fóra do caso da Biblioteca da Coruña Miguel González Garcés, nun estado de abandono deplorable, na actualidade a mellora é ben visible. Destaca en especial a espectacular e modélica aparición da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, inaugurada en 2008, e Biblioteca Nós de Ourense, en 2018, que unen a un deseño arquitectónico innovador, especificamente adaptado aos usos bibliotecarios máis actualizados, unha dirección dinámica e intelixente a cargo de persoal especializado altamente competente. En Vigo, a Biblioteca Juan Compañel atopou un digno espazo na rehabilitación dun céntrico edificio, próximo á Biblioteca especializada da Fundación Penzol. Con todo, de cando en vez saltan á prensa as desavinzas entre Concello e Xunta que adían indefinidamente o vello proxecto dunha biblioteca central de nova construción.

Estas Bibliotecas Centrais territoriais, segundo a denominación que aparece no portal da Rede, son complementadas coas Bibliotecas Centrais municipais, presentes en todos os municipios con máis de 20.000 habitantes, máis as bibliotecas locais das que deben dispoñer os concellos de entre 2.000 e 20.000 habitantes, e un número non definido de bibliotecas de proximidade que en principio depende das iniciativas dos propios concellos. Así, visitando as web municipais, contrastan as oito bibliotecas que compoñen a rede da Coruña, coa única referenciada no caso de Ferrol e Lugo, ou en poboacións de tamaño medio, as cinco de Oleiros (caso certamente excepcional) e as catro de Vilagarcía de Arousa coa única de Lalín ou Porriño.

Estándares inspirados fóra do país

Mais sería un erro avaliar a situación bibliotecaria seguindo un criterio exclusivamente cuantitativo. O que marca a diferenza respecto da situación descrita hai doce anos é a existencia dun proxecto de acción ben definido, impulsado desde a Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Segundo se recolle explicitamente no portal da Rede, este proxecto inspírase nos estándares internacionais e no modelo das Bibliotecas Públicas de Cataluña, que desde hai anos é recoñecido como referente avanzado dentro do Estado Español. Estes estándares definen un ideal en canto ao número de bibliotecas por poboación e espazo físico, número de documentos dispoñible nas bibliotecas en relación cos habitantes que pretenden atender, mobiliario, recursos técnicos, persoal especializado, etc. A aplicación destes estándares permiten detectar os déficits existentes e determinar as políticas de actuación dirigidas a corrixilos.

Seguindo estes estándares, no portal da Rede pode consultarse o Mapa de Bibliotecas actualizado, ao tempo que se publica unha Memoria anual, iniciada en 2014, que avalía o cumprimento dos obxectivos marcados. Na Memoria máis recente (de 2020) constátanse as diferenzas que sinalaba máis arriba e que, avaliadas desde a perspectiva dos estándares, supoñen un baixo cumprimento nos casos das cidades de Ferrol e Lugo, fronte ao alto da Coruña. Paralelamente, quedan aínda un número considerable de concellos de menos de 5.000 habitantes que seguen sen contar con biblioteca municipal: 30 na provincia de Ourense, 14 na de Lugo, 5 na Coruña (entre eles un lugar tan emblemático como Fisterra) e 4 na de Pontevedra.

Queda aínda un número considerable de concellos de menos de 5.000 habitantes que seguen sen contar con biblioteca municipal: 30 na provincia de Ourense, 14 na de Lugo, 5 na de A Coruña (entre eles un lugar tan emblemático como Fisterra) e 4 na de Pontevedra.

 

En xeral, en canto ao cumprimento dos estándares, os indicadores de fondos bibliotecarios, puntos de lectura e horarios de apertura son altos, mentres que en cambio son extremadamente irregulares no que atinxe ao persoal: alto nun 40 %, medio no 30 % e baixo no 34 % das bibliotecas. Isto xustifica que nos programas de actuación se observe unha atención especial á promoción de cursos dirixidos a formar ao persoal bibliotecario, convocados anualmente, que van desde a formación básica inicial ata a adquisición de criterios e procedimentos de catalogación, xestión e promoción.

A transición dixital

Un aspecto controvertido é o suscitado pola transición a un novo sistema informático (Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria, SIX). Transición que incluíu o cambio do vello programa MEIGA, no seu momento único programa en España que operaba  tanto en bibliotecas públicas como escolares, a un novo programa, Koha, moito máis complexo. O certo é que parece existir consenso en relación coas notorias insuficiencias de MEIGA, que requiría xaora ser radicalmente renovado, ou mesmo substituído, que foi o que finalmente se decidiu. Koha é un programa de licencia aberta, desenvolvido por unha ampla comunidade internacional de programadores e bibliotecarios, que na actualidade está recoñecido como un dos programas de referencia na xestión bibliotecaria. Ao abandonar MEIGA, o que se perde desde o punto de vista da facilidade para que calquera usuario poida manexar doadamente de forma autónoma o sistema de búsqueda, gáñase ao integrar nunha mesma rede bibliotecas cuxa xestión necesariamente é máis complexa. Na actualidade, un usuario ou usuaria de calquera das bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia pode solicitar un documento procedente dos fondos de calquera outra biblioteca, ao que poderá acceder cunha demora de apenas dous ou tres días.

O proceso de informatización da Rede inclúe tamén o reforzo do programa GaliciaLe, plataforma do libro electrónico que ofrece a oportunidade de acceder a un fondo de case 6.000 documentos, a maioría libros, mais tamén revistas e películas. Este programa púxose en marcha no ano 2014 e desde entón tivo un incremento progresivo de usuarios, cun espectacular salto o pasado ano por mor do confinamento: de 47.519 préstamos e 8.625 usuarios rexistrados en 2019, a 122.771 e 26.673, respectivamente, en 2020. Persoalmente non comparto as reservas que algúns amosan respecto desta opción, interpretando que pudiese ser síntoma dunha opción por parte da administración a favor do progresivo desprazamento do tradicional libro en papel. Coido que carece de sentido ver o libro dixital como inimigo do libro de papel. Os indicadores actuais falan dun espazo compartido, con claro predominio ata o de agora do formato tradicional. Mais en todo caso o libro, en tanto que contido cultural, é indiferente ao soporte físico.

Cuestión diferente é que o incremento da complexidade na xestión bibliotecaria conduza a algunhas a externalizar certos servizos, recorrendo a empresas privadas. É o caso, por exemplo, da por outra banda excelente rede de bibliotecas da Coruña, como tamén das bibliotecas municipais de Vigo. Significa isto, como denuncian algunhas voces, unha opción privatizadora que pon en perigo a xestión pública das bibliotecas? É unha pregunta pertinente, detrás da cal subxace un problema serio: a privatización dos servicios públicos, que reclama xustificadamente a vixianza atenta da cidadanía. Mais tamén parece certo que, en determinados contextos, a contratación dos servizos de empresas privadas poder estar xustificado, sempre que o control por parte das institucións públicas estea garantido.

As iniciativas das bibliotecas de proximidade

As bibliotecas integradas na Rede poden beneficiarse das liñas de dinamización promovidas desde a Xunta: actividades de animación á lectura, visitas guiadas, mostras bibliográficas e exposicións, co gallo da celebración de eventos, ou clubs de lectura. Dinamización que constitúe un elemento indispensable na moderna concepción das institucións bibliotecarias, que non poden ser vistas como simples lugares pasivos de almacenamento de libros aos que deben acudir os usuarios, senón como entidades activas comprometidas coa difusión cultural, interesadas xaora en construír fórmulas de atracción e xeración de novos públicos, e mesmo ofrecer espazos de encontro comunitario.

Grazas ao programa informático Koha, un usuario ou usuaria de calquera das bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia pode solicitar actualmente un documento procedente dos fondos de calquera outra biblioteca, ao que poderá acceder cunha demora de apenas dous ou tres días.

Neste sentido, un fenómeno novidoso que me parece observar é a multiplicación de iniciativas xurdidas nas bibliotecas municipais, para alén da simple reprodución das propostas recibidas desde arriba. O premio María Moliner, instituído polo Ministerio de Cultura, vén actuando desde hai anos como un estímulo para o traballo innovador de moitas bibliotecas en toda España, ao que se ten unido desde datas máis recentes o Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia.

Para a elaboración desta reportaxe visitamos algunhas pequenas bibliotecas que obtiveron estes premios recentemente. Así, na biblioteca municipal de Verín coñecemos a súa singular iniciativa do Voluntariado, grupos de rapaces e rapazas que desde hai doce anos veñen colaborando na difusión das actividades da biblioteca e na captación de novos usuarios; ou a Sala de Fondos Locais, especializada no estudo de figuras intelectuais da bisbarra, como o antropólogo Jesús Taboada Chivite e o filósofo Eloy Luis André, co obxectivo, en palabras dos bibliotecarios, de construír identidade e reforzar a autoestima cultural, achegando a obra de autores que son pouco coñecidos polos propios habitantes do concello.

Algo semellante atopamos na Biblioteca de Saviñao co Proxecto Mulleres de Lemos, tamén dirixido a dar a coñecer figuras da historia local, neste caso ademais baixo unha perspectiva de xénero, desde a tráxica Inés de Castro, que reinou despois de morta, ou a lendaria María Castaña, ata personalidades máis recentes como a farmacéutica pioneira Balbina López Somozas, a mestra represaliada polo franquismo Genoveva González Prieto ou a monxa de Pantón Inés Fernández. A Biblioteca de Saviñao colabora co colectivo Lemos Lé (lemosle.blogspot.com) que reúne non só a bibliotecas municipais senón tamén escolares. Entre as bibliotecas deste colectivo está a de Sober, que en novembro do pasado ano foi distinguida co seu séptimo María Moliner pola súa campaña de animación á lectura.

Outra iniciativa que reclamou a nosa atención foi o programa de integración da poboación xitana, promovido desde a nova Biblioteca Neira Vivas, no barrio vigués do Calvario, presentado no transcurso das Xornadas de Bibliotecas Públicas de Galicia do pasado ano. Estas Xornadas son organizadas anualmente pola Xunta desde o ano 2018 (suspendidas en 2020 a causa da COVID-19) e constitúen un momento especial para o intercambio de experiencias.

Actividades, en definitiva, que amosan unha nova vitalidade en múltiples bibliotecas, que por fortuna pouco teñen que ver co murchado panorama que atopamos hai doce anos.

Atención á poboación rural

Non todo son sinais tan positivos. Na nosa exploración poidemos tamén recoller queixas polos recursos limitados á hora de afrontar o indispensable expurgo dos vellos fondos e a modernización mediante a compra de novos títulos. A Xunta mantén un programa de axudas, con adquisición directa de novidades ás editoras galegas, que por desgraza veu moi reducida a súa partida orzamental desde a crise de 2008, sen volver recuperar as cifras previas. Por outra parte, a maioría dos encargados de biblioteca nos pequenos municipios son persoas sen formación específica, o que suplen cun enorme voluntarismo. Para estas persoas, os cursos de formación que oferta a Xunta, dos que falamos máis arriba, son indispensables, mais quéixanse de que, aínda que se veñen convocando anualmente, as prazas son moi reducidas.

Na biblioteca municipal de Verín coñecemos a singular iniciativa do Voluntariado e a Sala de Fondos especializada no estudo de intelectuais da bisbarra. Algo semellante atopamos na biblioteca de Saviñao co Proxecto Mulleres de Lemos, neste caso baixo unha perspectiva de xénero. Tamén destacan as de Sober e o Calvario (Vigo).

Finalmente, hai unha eiva que nos fixo notar algunhas das persoas ás que consultamos para elaborar esta reportaxe: como é posible que Galicia, que se caracteriza por unha poboación especialmente dispersa no rural, na súa maior parte envellecida, con lugares e aldeas con moi poucos habitantes, non dispoña de servizo de bibliobús? A boa nova é que nas liñas básicas previstas de actuación da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia para o ano 2021 figuraba a posta en marcha de dous proxectos pilotos de bibliotecas itinerantes dirixidos a solucionar esta eiva. Non temos datos sobre o resultado da implantación destes proxectos, aínda que semella obvio en todo caso que resulta insuficiente. Mais a carencia está detectada e por algo se ha comezar.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]