A IV Gala de Cultura da Deputación da Coruña, onde se recoñecen os talentos premiados nos distintos certames promovidos pola entidade, fixo do coruñés Teatro Colón unha fiestra aberta á riqueza cultural de Galicia. Apostando pola reinterpretación das nosas tradicións como fío condutor durante do o evento, un dos grandes protagonistas foi o encaixe de Camariñas, presente tanto no vestiario da presentadora, Susana Pedreira, como nos elementos gráficos. No vestíbulo, artesás da Mostra do Encaixe palillearon antes do comezo do evento. Durante a gala, a artista Nela Fraga proxectou unha peza audiovisual conformada a partir de imaxes do Arquivo do Patrimono Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego. A parte musical correu a cargo de Alana, cos profesionais da danza da compañía de Fran Sieira dando un vistoso espectáculo durante o cal chegaron a mesturarse co público.
Polo escenario do Teatro Colón pasaron as e os gañadores dos distintos certames culturais do ano pasado. Así, polo Torrente Ballester de narrativa acudiron Loli Rodríguez (gañadora en galego) e José Antonio Bonet (castelán). Tamén recolleron premio, no seu caso o Castelao de Banda Deseñada, Sandra López (xeral) e Laura Suárez (modalidade LIX). Érica Esmorís e Rosa Aneiros foron recoñecidas co Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil respectivamente. Gonzalo Hermo, pola súa banda, recolleu o premio González Garcés de poesía. O Antonio Fraguas de artesanía trouxo ao escenario a Borja Canedo (tradicional) e Ezequiel Franchi (contemporánea). En música, o premio Fran Pérez ‘Narf’ recoñeceu a Carabela. O premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero foi para María Encarnación Otero (premio á traxectoria) e a Asociación Andar cos tempos (premio á iniciativa). O premio Jesús Núñez de arte gráfica recaeu en Jose Andrés Santiago e o Luís Ksado de fotografía en Vicente Fraga.
A gala comenzaba coa benvida da deputada de cultura, Natividade González, que reivindicou que “o ‘novo tradi’ non é unha moda, é memoria viva, é a nosa identidade reinventada”. O presidente, Valentín González Formoso pechou o evento colocando a Deputación coruñesa como “motor cultural da provincia”. González Formoso incidiu na dimensión económica do sector cultural, “que supón o 3% do PIB galego e sostén máis de 35.000 empregos”, polo que a industria cultural é tamén “un eixo de crecemento económico”.
Premios
A gala xuntou a todos os premiados en certames culturais da Deputación durante 2024. Foi unha reunión de talentos en todas as categorías artísticas. De “Nailía” de Loli Rodríguez, o xurado do XXXVI Premio Torrente Ballester valorou “a boa narración da historia e a axilidade da lectura, nunha novela clásica na forma e na estrutura pero moi actual no punto de vista á hora de abordar o relato”. Tamén destacou “a representación de mulleres diversas e as imaxes poéticas que crea durante a narración con moi bo manexo dos diálogos”. “La soledad de los reptiles”, de José Antonio Bonet é pola súa banda “unha obra orixinal e arriscada, que perdura na memoria do lector, cunha reflexión que afonda no sentimento de perda e o lugar que ocupamos na sociedade”. “Trátase”, engade a resolución, “dunha novela ben estruturada e equilibrada, na que o autor mostra gran capacidade para manter a tensión narrativa de comezo a fin con bo ritmo e personaxes ben traballados”. Ao premio presentáranse 66 obras en galego e 104 en castelán.
As gañadoras do XIX Premio Castelao de Banda Deseñada foron Laura Suárez con “A raíña cadáver” na categoría infantil e xuvenil (unha obra onde o xurado salienta “o acabado completamente profesional cun estilo propio moi persoal, e o dominio das formas e da cor”) e Sandra Lodi con “Adelina” na categoría xeral, unha obra de “acabado solvente” e “cunha gráfica moi expresiva e recursos desenfadados que aborda o tema da vellez con frescura, humor, critica social, moita acción e diversión”. Nesta edición había 18 orixinais a concurso.
Pola súa banda, o XVIII Premio Raíña Lupa celebrou en 2024 a primeira edición en que contou con dúas categorías. Na infantil, o “Terás que crela” de Érica Esmorís foi, para o xurado, unha obra que destaca pola “potencia da voz protagonista, o sentido do humor e a proposta lúdica da historia”. De “Unha historia de amor como outra calquera” de Rosa Aneiros, o xurado considerou que é unha novela “de aprendizaxe, con sentido do humor, que establece un contraste interesante entre o mundo cotián da adolescente protagonista e o mundo científico da Antártida”.
O poeta Gonzalo Hermo subiu ao escenario como gañador do XXII Premio Miguel González Garcés de poesía con “Un xesto de tenrura”, que se impuxo sobre outras 128 obras grazas a propor “unha poesía introspectiva e depurada, onde a linguaxe rica e evocadora se achega á súa forma máis pura, eliminando excesos e retóricas para lograr unha obra de precisión sensorial”.
No Certame Antonio Fraguas de Artesanía, “Coitelo de cociña Damasco” e “Nasa” foron as obras premiadas. O primeiro, de Borja Canedo, fíxose co premio na modalidade tradicional, constituíndo un coitelo elaborado a partir de forxa tradicional. A nasa de Ezequiel Franchil, gañadora da modalidade contemporánea, foi elaborada a través dunha técnica de marroquinería fina.
Carabela, a banda gañadora do premio musical Fran Pérez ‘Narf’, é “unha proposta construída con solidez, que atende o traballo vocal e tamén a melodía, cunha deriva electrónica delicada e sofisticada”. Nados en 2021, esta banda noiesa dálle unha nova volta ao temón da cada vez máis natural confluencia entre as correntes do pop, a electrónica e a música tradicional.
A escritora e activista compostelá Encarna Otero Cepeda, na categoría de ‘Traxectoria’, e a asociación Andar Cos Tempos, na de ‘Iniciativa’, resultaron galardoadas na oitava edición do Premio “Begoña Caamaño” que recoñece as persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven socialmente a igualdade de xénero desde o campo da cultura.
O gañador do XIX PremioJesús Núñez de Arte Gráfica foi o compostelán José Andrés Santiago, grazas á súa serigrafía “A la deriva II”. Da obra gañadora destaca “a parte conceptual e complexa, combinada coa sutileza da imaxe e da cor, ao mesmo tempo que o autor fornécelle tridimensionalidade e mobilidade á peza, sen esquecer a poética e a perfecta execución”.
Por último, o pontevedrés Vicente Fraga Fernández foi o gañador do XVIII Premio Luís Ksado de fotografía pola colección Alén. A mellor, para o xurado, das 55 que se presentaron ao concurso, un dos de máis prestixio dos que se conceden en todo o Estado. De Alén, o xurado valorou “a coherencia na poética da memoria e a deterioración do espazo das persoas arraigadas no seu medio”.