Luns 2, Outubro 2023
HomeCulturaO SABOR METÁLICO DA AREA

O SABOR METÁLICO DA AREA

NARRATIVA

Éxodo, de Rebeca Baceiredo. Ápeiron Ediciones. Madrid, 2020. 138 páxinas.

 

por Ana Salgado

Colle unha o libro na man e todo son preguntas. Por que unha editorial madrileña? Intentaría a autora unha edición aquí? Sacaríaselle da cabeza só polos tempos de agarda posibles para un texto que quizais non conte cos reclamos comerciais acostumados? Ou pensando que a editora que tirou a súa anterior obra “narrativa”, Estaleiro, hoxe non existe?

Logo abre, comeza, e atopa algo que non cadra certo coa idea que tiña de ler antes a Baceiredo. Aínda que fragmentario, hai un fío narrativo, personaxes, diálogos, mostras límpidas da lingua oral, un internamento na ficción, mesmo algún trazo biográfico. Aínda que nada, parece, da ubicua autoficción. Pola ausencia dun eu, tamén por unhas voces que parecen refugar esteos na identidade, ese concepto omnipresente e incuestionado. Segue o título, a resonancia bíblica. Tamén, inevitablemente, a evocación das sucesivas vagas migratorias contemporáneas, de como se estende polo planeta a morte remediable.

A próxima interrogante talvez sexa a que atende o xénero. Concluír que son relatos é o máis evidente, mais tamén pensamos lexitimada a opción de lermos Éxodo como unha novela: a continuidade, por veces o que parece mutación que atravesa o cronotopo, nas personaxes; as conexións entre a parte I e a III, con elos bos de ver. A II, máis breve, acolle de maneira máis intensa hibridación ensaística ou distopía. Pero comparte co conxunto as liñas de fuga que apuntan cara á emancipación, ou cara a unha ollada sobre a liberdade contundentemente oposta á lóxica liberal. Son, por veces, liñas tinxidas de morte no caso das personaxes femininas, eses deleómetros aludidos na contraportada, que nos levan para a que quizais sexa a referencia de pensamento transversal no libro, Gilles Deleuze. Dicía en Mil mesetas que escribir non ten nada que ver con significar senón con deslindar, con cartografar espazos futuros. Parafraseamos co convencemento de que é unha idea iluminadora para o libro de Baceiredo.

Neses espazos talvez por vir que están en Éxodo aparece recollida a violencia histórica dirixida cara ás mulleres, as súas mutacións; tamén as súas diversísimas formas de resistencia. Sen usanzas simplificadoras, didácticas nin moralismos que vemos eventualmente embazando os imaxinarios do traballo cara á igualdade. E sempre lucidamente tecidas cunha ollada antiidealista, nun libro que comeza aludindo á débeda e remata coa persistencia da fame. Os éxodos van mutando e pasan da comunidade xudía no Ribeiro a diversos lugares desérticos e imprecisos, ás veces só entrevistos por medio de referencias culturais non unívocas: a mitoloxía, fundamentalmente mediterránea, e como esta se acolle nas vidas, nunha concreción que por momentos parece axeitarse a unha mística materialista, ao que lemos como unha pegada de Benjamin no texto.

E se tratamos de situar o libro no campo ao que chega, mencionaremos á súa singularidade. Éxodo parécese, antes de máis, a outros textos da autora, referente ineludible hoxe no pensamento, tamén no terreo desa ficción literaria que se sitúa nunhas marxes a cada paso máis beiradas. É por esa liña como Éxodo nos leva de volta a Da Guenizah (1998) de Belén Feliú. En fragmentos coma este, do titulado “Cruzou o Mar Roxo”: “Ás veces estírase o tempo e nace a desesperación, pero finalmente, necesariamente, o acontecemento acontece, en tanto que as palabras, mesmo as non ditas, son decretos, mandamentos sobre as pedras” (p.51), que serve tamén para ver a pegada da escrita bíblica en formas que abranguen a intertextualidade. Outra, menos obvia, é a das investigacións históricas de Silvia Federici. Tamén da narrativa de vangarda do XX, particularmente de Kafka; de Clarice Lispector ou Marguerite Duras. Así e todo, é nas páxinas que soan máis desacostumadas, aquelas de maior peso antropolóxico, entre a acumulación orixinaria e a memoria do fascismo, cunha presenza da nosa civilización rural que se conta entre as máis precisas que lemos —na súa potencia para amosar as contradicións— onde pensamos que a delicadeza do texto se mostra toda ela.