Tal como salienta Xesús González Gómez, o primeiro dos epiloguistas, o dobre perigo ao afrontar a figura do noso santo laico, Alfonso Daniel Castelao, é deixarse levar pola tentación haxiográfica ou polo seu contrario, o afán desmitificador. A primeira virtude do texto de Anxo Rabuñal Rey, e non é pequena, é eludir tanto un extremo coma o contrario. O autor preséntao como resultado dunha exhaustiva pescuda centrada no Diario que o rianxeiro redactou durante a viaxe de estudos que fixo no ano 1921, grazas a unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios e Investigacións Científicas, por Francia, Bélxica e Alemaña.
Estruturado en dúas partes, a primeira sitúa ao escritor rianxeiro nas ringleiras do grupo de orientación “espiritualista” entre os persoeiros do nacionalismo galego vinculado á revista “Nós”, e apunta a que a viaxe europea terá moito que ver coa posterior evolución republicana que distanciará a Castelao dos seus correlixionarios; a segunda, ofrece un detallado seguimento dos encontros, visitas a exposicións, influencias recibidas e xuízos que o escritor e artista vai emitindo, especialmente durante a estadía en París.
Pola primeira, saberemos da amizade, por outra parte ben coñecida, do debuxante con Sánchez Cantón e Filgueira Valverde, que comparten con Vicente Risco e Otero Pedrayo un ideario nacionalista conservador que, no caso dos dous primeiros, derivará posteriormente nun aberto compromiso co réxime franquista. Menos coñecidas son probablemente as vicisitudes seguidas polo Diario, que acabou en mans do director case vitalicio do Museo de Pontevedra, Filgueira Valverde, quen o mantivo inédito ata a morte do ditador e foi logo o seu primeiro editor, en 1977, nunha edición censurada que aquí Rabuñal desvela e restablece á súa forma orixinal. Igualmente relevante é a conexión co monárquico portugués António Sardiña, outra influencia que sitúa a Castelao nunha posición ideolóxico política inicialmente de dereitas.
A segunda parte é, paréceme a min, a que ofrece a tese que converte a este libro nun texto de ineludible referencia a partir de agora, ben sexa para ratificala, ben para discutila. Porque Anxo Rabuñal discrepa do que ata o de agora viña sendo un lugar común na avaliación da posición estética de Castelao: que, xustamente nesta viaxe europea, non soubo apreciar a obra dos artistas que logo serán considerados máis valiosos e si valorou outros notoriamente inferiores. A tese de Rabuñal é, ben ao contrario, que o Diario é un excepcional exemplo de exercicio memorialístico no que un artista reflexiona sobre os movementos artísticos que se estaban producindo na súa época, que a través desa reflexión asistimos á formación autoconsciente do Castelao artista “moderno”, e que a revisión crítica da posición de Castelao respecto das vangardas da época só pode merecer unha avaliación negativa por parte de quen opera desde, por unha parte, a posición vantaxista de quen sabe que obras, artistas e correntes teñen sido trinta ou corenta anos máis tarde canonizados polo mercado e a crítica da arte, e por outra, dunha concepción teleoloxista do desenvolvemento da arte que xerarquiza en función dunha linealidade excluínte.
Atreveríame a dicir que na tese de Rabuñal subxace unha reinterpretación posmoderna que, contra a lectura dos movementos artísticos segundo unha visión da evolución das artes suxeita a un movemento lineal que separa aos poucos “grandes artistas” dos moitos “artistas menores”, ábrese á multiplicación de criterios, entre os cales hai un, o vínculo da creación artística cos movementos sociais e a vida popular, menosprezado pola crítica formalista, que dota á obra de Castelao dunha vixencia nova.
O pintor e a vida moderna. Para lermos o Diario de Castelao.
Anxo Rabuñal Rey
Epílogos de Xesús González Gómez e Germán Labrador Méndez.
Ediciones del Serbal
Barcelona, 2024