O pracer de contemplar un bo melodrama 

Hai xéneros cinematográficos claves dende os albores do cinema aos que sistematicamente se busca dar por mortos. Penso no western, no musical ou no melodrama. No que respecta a este último, a condescendencia de certa cinefilia foi unha constante ao longo dos últimos 100 anos. Todo isto a pesar de que cineastas como Murnau, Mizoguchi, Wyler, Sirk, Fassbinder ou Almodóvar teñen creado algunhas das imaxes máis fermosas e hipnóticas da historia do cinema en películas orgullosamente melodramáticas. 

A caída en desgraza do melodrama como xénero de prestixio ten o seu reflexo no eido das series de televisión. Ningunha das grandes ficcións seriadas é un melodrama. Por iso, resulta refrescante O camiño estreito, unha miniserie orgullosamente melodramática.  

Esta obra aborda a través de tres liñas temporais a historia dun médico australiano apresado polo exército xaponés durante a II Guerra Mundial, o seu romance coa muller do seu tío antes de ir a guerra e as feridas abertas no seu matrimonio no presente narrativo. 

A historia elévase, seguindo a mellor tradición do xénero, grazas a beleza que Justin Kurzel lle imprime as imaxes. Precisamente, resulta curioso que un cineasta como Kurzel (A verdadeira historia da banda de Kelly, 2019; The Order, 2024), especializado no eido do thriller sexa o que veña reivindicar o melodrama. 

Porén, desfrutando da serie resulta absolutamente coherente que Kurzel estea detrás desta obra. Ao fin e ao cabo non deixa de ser a historia dun home torturado e con máis escuros que claros no seu historial, como practicamente tódalas súas obras previas. 

Baixo a mirada de Justin Kurzel ser preso de guerra do exército imperial non é unha aventura trepidante como n’A ponte sobre o río Kwai (David Lean, 1957), senón un via crucis cheo de dor, aflición, barro, sangue e miseria humana.  

E, igualmente, a súa aproximación ao melodrama non busca reflexarse nos clásicos para intentar homenaxealos e acabar parindo una obra ridícula, como lle pasou ao seu compatriota Baz Luhrmann en Australia (2008). Kurzel fai seu o xénero abordándoo dende un enfoque pouco habitual nel: a contención visual e emocional. 

Desta forma, e coa colaboración dun estoico Jacob Elordi, logra conseguir un relato unitario sen que o salto entre a trama bélica e as melodramáticas poida provocar que a obra se sinta banal. 

O camiño estreito inventa algo novo? Non, é unha obra deliberadamente clásica, máis no que conta, que en como o conta, onde si se nota a ollada contemporánea e esteticista dun director que se deu a coñecer cunha das adaptacións de Macbeth (2015) máis plásticas.  

A quen lle recomendo esta miniserie de cinco episodios? As persoas que desexen ver unha historia ben contada, cun protagonista que está lonxe de ser un heroe de manual e que é capaz de falarnos de como o vivido modifica o que estamos por vivir.  

O camiño estreito
Dirixida por Justin Kurzel 
Escrita por Shaun Grant 
Reparto: Jacob Elordi, Odessa Young, Ciarán Hinds