Domingo 24, Setembro 2023
HomeCulturaO PESADELO XUDEO ALÓ DO TELÓN DE ACEIRO

O PESADELO XUDEO ALÓ DO TELÓN DE ACEIRO

BANDA DESEÑADA

Jonas Fink. Vittorio Giardino. Norma Editorial, 2019. 168 páxinas

 

por Manu Barreiro

 

Vén de editarse hai poucos meses o integral que recompila a excelente BD debuxada e guionizada por Vittorio Giardino, un autor italiano cun estilo moi próximo á BD franco-belga máis académica.

A historia, ambientada na Checoslovaquia da posguerra, comeza coa detención do pai de Jonas Fink, nese momento un adolescente de doce anos, por conspirar contra o estado. A partir da detención e encarceramento do proxenitor, a familia, xudía e burguesa, comeza a vivir nun pesadelo. Jonas é expulsado da escola e tanto el como súa nai teñen que poñerse a traballar. A condición de inimigos do réxime complicará enormemente as súas vidas.

Giardino amosa a súa mestría no debuxo, que é dunha precisión e detalle francamente impresionante. A recreación da cidade de Praga é excepcional, e certamente, retrata e narra con delicado pulso a vida de Jonas, que pasa de neno a adulto co percorrer das páxinas. Tamén destaca o uso da cor que completa o debuxo, aporta calor e matiz.

Esta saga familiar percorre a segunda metade do século XX grazas a que o autor entretece con habilidade de ourive a progresiva relaxación do réxime e aos acontecementos da vida de Jonas nos acontecementos históricos.

Giardino fixo un inxente labor de documentación para debuxar a cidade de Kafka que vemos reflectido no nivel de detalle de cada edificio e de cada rúa. Recoñécense lugares da cidade coma a ponte de Carlos, Malá Straná ou o famoso reloxo astronómico. Unha gozada para aqueles e aquelas que gosten do debuxo de detalle e das viñetas artisticamente moi coidadas.

O guión está traballado con sabia man de artesán e nunca perde interese nin ritmo. Ao contrario, probablemente non sexades quen de parar de ler até chegar a derradeira páxina. Na historia de Fink hai aventuras e romanticismo, drama e ledicia, mais sobre todo unha BD realmente imprescindíbel.

Finalmente, hai que destacar a edición de Norma editorial, de moi boa calidade e que podemos atopar en dúas versións, unha delas cun DVD co documental sobre as novelas gráficas de Giardino.