Luns 2, Outubro 2023
HomeCulturaO MUNDO COMO ELIPSE

O MUNDO COMO ELIPSE

POESÍA
Manuel Forcadela. Fábula das aves. Laiovento, 2019

 

por Xosé María Álvarez Cáccamo

“A elipse. O que nunca daremos contado. O que é preciso imaxinar. A fronteira entre a luz do simbólico e as tebras do imaxinario”. Esta é unha das cláusulas da poética esquemática que pecha Fábula das aves, o máis recente libro de poemas de Manuel Forcadela, editado por Laiovento en 2019. Non obstante o recoñecemento da imposibilidade de abranguer as esferas do real desde a linguaxe, malia a redución da figura do mundo a unha elipse –que acaso coincida co perímetro do itinerario elíptico do planeta-, o poeta Manuel Forcadela, desde a súa estrea en 1985 con Ferida acústica de río e a través das páxinas dos seus libros de poemas editados até hoxe, até un total de quince volumes, non cesou de falar, consciente de que “dicindo, o mundo é aínda máis inefable”. A súa escrita, de fala densa, expansiva, hipersensorial, é un instrumento proclive á polisemia de caste barroca e nunca seducido pola escolla de formatos mínimos que dialogarían máis doadamente coa silandeira figura da inefabilidade. A súa opción polo discurso extrovertido, de dilatada verbalización imaxinativa e simbólica, con frecuencia desenvolto con fórmulas de narratividade directa, constitúe un reto fronte á imposibilidade de ocupar con significados o territorio da elipse. Os seus poemas confirman a inefabilidade do mundo pero deseñan tamén, e con vibrantes efectos comunicativos, un singular itinerario de achegamento ás materias substanciais da vida.

Materias heteroxéneas, diferentes liñas argumentais, diversas tonalidades e perspectivas poboan este libro de libros que é Fábula das aves, construído en parte coa colleita de anteriores conxuntos de edición dixital. A ironía desmitificadora dedicada aos autores de “poemas por sempre inesquecibles / que xa ninguén recorda”; a evocación nostálxica de escenas da propia existencia; a reconstrución de momentos da vida de persoeiros de historia ou ficción como Aquiles, Sócrates, Adrián Solovio, Marlene Dietrich, Ariadna, Narciso ou Hamlet, ao xeito do Cunqueiro de Herba aquí e acolá; a reflexión metapoética, a crónica viaxeira, a instantánea delicada (“afino as cordas vellas da tarde no piano”), a pronuncia asertiva de certezas existenciais (“a vida…/ esa mestura / da forza da vontade / e do poder do azar”); constitúen un mostrario insuficiente da extensa colección de asuntos e solucións expresivas que conforman o discurso total de Fábula das aves en vehemente disposición acumulativa que pronuncia un alegato de inconformidade contra a imposición do inefábel.

Algúns xogos de enxeño veñen confirmar a condición de virtuoso da palabra e do pensamento dun poeta que, a estas alturas da súa instalación no “refuxio da linguaxe”, pode permitirse o luxo liberador da reviravolta conceptual. Como a que practica no poema VISITACIÓN, onde se entrecruzan varios planos de sentido na escena do sorprendente encontro nocturno cun poema corporeizado: “hoxe veume visitar este poema na metade da noite”. Epifanía do poema a rachar, destemido, o perímetro da elipse.