Estamos diante dunha obra colectiva relevante e moi oportuna. Cun norte claro: superar o esquecemento do mar nas análises e relatos sobre Galicia. Porque ao tentar facelo polo miúdo ao longo na nosa historia, como se comproba nos capítulos deste libro, veremos “que grazas ao papel histórico do mar Galicia nunca foi ese finis terrae, esa terra marxinal, habitada por xentes brutas e atrasadas, afastada de todo e de todos, a cal sistematicamente aluden os medios de comunicación galegos e españois”.
Sendo así que en palabras do seu editor seguimos baixo a vella construción ideolóxica creada no seu día polos homes do Imperio romano, polos conquistadores do noroeste peninsular. Unha lóxica que vén sobrevivindo mesmo agora no relato do final dun camiño Xacobeo e na consideración periférica dun país que na realidade “estivo, e está, situado no centro dunha encrucillada de camiños marítimos que nos conectan económica, social, política e culturalmente con Europa e a modernidade, en definitiva, co mundo”. Consideración de Fisterra ou periferia dunha centrípeta Roma no pasado, e hoxe de mega Madrid.
Comparto que a mutación capitalista de Galicia só se entende na converxencia de non poucos factores marítimos. Como a presencia catalá nos recursos pesqueiros galegos, coa decisión española de construír un arsenal no Ferrol, de outorgar o monopolio do comercio transatlántico a cidade de A Coruña, ou ao comprobar as orixes da banca galega no comercio de escravos primeiro e de emigrantes despois. Tamén no papel do vapor (no ferrocarril a partires de 1883 e de rebote na pesca) ao servizo dos mercados da península (conserva, pesca, construción naval) nas tres etapas de expansión pesqueira que nos levaron dende as rías a todos os mares do mundo, grazas á conxelación e a novas achegas tecnolóxicas. Case sempre encaixando na lóxica (económica e política) da formación social do capitalismo no conxunto de España, e só de xeito residual como burguesía nacional galega de seu.
Aplicar este cambio radical de perspectiva non só axuda a entender o noso pasado (como fan paso a paso con solvencia os sucesivos expertos que avanzan nas páxinas deste libro polos séculos da nosa historia), senón que considero que é crucial para deseñar o noso futuro, tanto na perspectiva da imprescindible transición enerxética como das actuais reviravoltas da globalización. Tal como xa vai case quince anos se propuxera noutra obra colectiva con semellante perspectiva, coordinada por Manuel Varela Lafuente co inequívoco título de “Unha estratexia marítima para Galicia” (Galaxia, 2010).
Galicia, un mar con historia
Isidro Dubert (Ed.)
Edicións Xerais
Vigo, 2024