O lado realista e máxico da bohemia

Ás veces o calendario axúdanos a encontrar a escusa ou o criterio de escolla. En 2024 celébrase o centenario da morte dun dos maiores vultos da ópera de todos os tempos: Giacomo Puccini (1858-1924). Introdutor do realismo no xénero lírico. Galiza non fica á marxe desa afección.  

A Escola Superior de Arte Dramática (ESADG), o Conservatorio Superior de Música da Coruña, a Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso e os Centros Integrados de Formación Profesional de Imaxe e Son, Paseo das Pontes e Someso, estrearon en xuño Le Villi no Teatro Colón da cidade herculina, ópera prima de Puccini, con dirección escénica de Paula Cobián, alumna da ESADG, e música de Fernando Briones, máis un elenco formado por alumnado dos centros implicados. O musicólogo Roberto Relova, nun artigo para a erregueté 107, celebra o gran nivel artístico e o éxito deste proxecto operístico pioneiro en Galiza. 

En outubro, a Asociación Amigos da Ópera de Vigo vai producir Madama Butterfly, con dirección escénica de Eugenia Corbacho e musical de Diego García Rodríguez. 

En setembro, abrindo a 72ª Temporada Lírica de Amigos da Ópera da Coruña, tivemos o pracer de ver La Bohème, unha das pezas máis sobranceiras do realismo operístico. O seu director escénico, Danilo Coppola, sorprendeunos gratamente cunha escenificación contida e austera no actoral, moi pegada á verosimilitude das situacións, reforzando deste xeito o drama social e de clase daqueles artistas precarizados da bohemia de París do XIX (tamén os de hoxe, aquí) e, ao mesmo tempo, ofrecéndonos a maxia e a beleza da bohemia, a través do dispositivo escenográfico. O espazo evocaba unha bola de neve de cristal, desas que conteñen figuras e paisaxes en miniatura e que, ao axitalas, neva no seu interior. 

O tenor Celso Albelo interpretou ao dramaturgo Rodolfo dun xeito tan brillante no vocal como eficaz no dramático, cun personaxe humilde, entregado e solidario. A soprano Miren Urbieta-Vega correspondeu cunha Mimí tenra, a modista, e cunha relación moi de pel, respecto a Rodolfo. Nótase que xa traballaran xuntos nestes mesmos roles noutra montaxe anterior. A voz intensa de Urbieta-Vega, igual que as melodías puccinianas, combinaba cunha caracterización na que primaba unha sinxeleza moi humana, afastada de vitimismos ou histrionismos. Todo o elenco se complementaba e resolvía harmoniosamente a acción no dramático e no vocal.  

Hai que resaltar á soprano coruñesa Helena Abad no papel de Musetta, a cantante, provocadora e lúdica no seu valse, no café Momus, e xenerosa e solidaria nas escenas finais, ofrecendo unha evolución do personaxe. Isto, sen dúbida, sumou para o pathos final, coa morte de Mimí, pola falta de recursos para pagar un médico e para ter os medicamentos necesarios a tempo, malia que os amigos bohemios da modista enferma empeñasen as poucas pertenzas que tiñan para socorrela.  

Unha historia que nos interpela respecto ás circunstancias nas que malviven os nosos artistas, polo menos os que non alimentan a máquina da fama, que son a maioría. 

 

La Bohème 
Música: Giacomo Puccini
Libreto: Giuseppe Giacosa e Luigi Illica 
Dirección escénica, escenografía e figurinos: Danilo Coppola 
Dirección musical da Orquestra Sinfónica de Galicia: José Miguel Pérez-Sierra 
Interpretación: Celso Albelo (Rodolfo), Miren Urbieta-Vega (Mimí), Massimo Cavalletti (Marcello), Helena Abad (Musetta), Manuel Mas (Schaunard), Simón Orfila (Colline), Matteo Peirone (Benoît/Alcindoro), Pablo Carballido (Parpignol), Jacobo Rubianes (Sargento) e Alfonso Castro (Doganiere) 
Dirección do Coro Gaos e banda interna: Fernando Briones. Dirección de coro infantil Cantabile: Pablo Carballido. Banda interna: Orquestra Gaos. Iluminación: Lisa Leone.