Domingo 24, Setembro 2023
HomeCulturaO "fenómeno Cans" cumpre vinte anos

O “fenómeno Cans” cumpre vinte anos

por Severiano Casalderrey

Moitos lembrarán o intre no que o Festival de Cans botou a andar, aló polo ano 2004. Quen nos ía dicir que aquela idea concibida como unha simpática charabisca medraría ata converterse no referente cultural que hoxe coñecemos. Xaora, non todo foi un camiño de rosas. Mesmo así, era só cuestión de tempo que o proxecto tomara consciencia do seu propio potencial. Vinte anos despois, Cans ten moito do que facer gala, de aí a crecente resposta por parte do público ao longo de todo este tempo. 

Mais que é o “fenómeno Cans”? Sen dúbida, unha familia. Así debe entenderse a súa idiosincrasia como evento, capaz de xuntar e mimar ao audiovisual galego en toda a súa diversidade. Xa sexan os nomes máis ilustres da nosa cinematografía, ben aquelas figuras nos inicios da súa carreira, esta comunidade asiste a Cans para participar activamente deste punto de encontro ineludible. Por todo isto, faise case imposible disociar a Cans dos triunfos do cinema galego, dúas realidades no seu momento máis doce. 

Se ben Cans non é o primeiro dos nosos festivais de cinema no calendario, sería atinado entendelo como o auténtico arranque da tempada de festivais en Galicia. Aquí conflúen algúns dos títulos senlleiros do pasado ano, mais tamén importantes estreas no inicio do seu percorrido. Todos estes filmes confirman así a súa posición no circuíto grazas ao “selo Cans”. En definitiva, o festival asume esa función de catalizador tan imprescindible para as máis recentes creacións galegas. 

As excelencias do cinema galego  

O paso polo festival das últimas longametraxes galegas volveu converterse nun dos pratos fortes da programación. Como cada ano, estes filmes asisten ao festival fóra da competición. No entanto, a súa relevancia consegue xerar un alto interese entre a audiencia, tal como aconteceu coas catro grandes propostas desta edición. 

Así se demostrou co cheo vivido no Baixo de Bugarín, o escenario escollido para a proxección de Matria (2023), o debut na longa do vigués Álvaro Gago. Non era para menos ao tratarse dunha das grandes conquistas deste ano, capaz de conectar co público máis diverso dun xeito incrible. Sobran as razóns para explicar este triunfo, entre elas un enfoque realista entre verité e dardenniano, o arraigo coa terra e o especial coidado da lingua galega. Este último aspecto foi precisamente un dos máis comentados polos responsables do filme, especialmente no dilatado faladoiro mantido antes da proxección. Posto que acontecía en paralelo á celebración do Día das Letras Galegas, durante o segundo día do festival, a escolla foi totalmente ideal. A todo isto habería que engadirlle o gran traballo interpretativo mostrado por todo o elenco, con especial destaque de María Vázquez, posiblemente a nosa actriz máis de moda. Así pois, estamos ante un título de obrigado visionado ao que lle auguramos un importante futuro cheo de éxitos. 

A terceira xornada do festival daba paso ás xa clásicas proxeccións no Círculo Recreativo Cultural do Porriño, onde se mostraron dúas novas perlas da nosa cinematografía. O día arrancaba por todo o alto coa fita de animación Unicorn Wars (2022) do multipremiado Alberto Vázquez. O bo estado de forma da animación galega confirmábase o ano pasado coa chegada deste traballo para adultos, capaz de asombrar e provocar a partes iguais. Esta é a premisa principal para entender esta historia de osiños de peluche e unicornios que leva a fábula ata as marxes do cinema bélico. Mais estes comentarios apenas fan xustiza a esencia desta produción. A través das súas múltiples capas subxacen reflexións en torno a temas tan perentorios como a política, a relixión ou a ecoloxía. En definitiva, a indiferenza dificilmente podería contemplarse como un aspecto inherente a esta historia, algo extrapolable a toda a filmografía do seu director. 

O festival exhibiu Honeymoon (2023), o último proxecto realizado por Quique Otero, unha particular road-movie que acaba transitando por unha diversidade de xéneros entre os que podemos resaltar o drama, a comedia negra e o policiaco. 

Tras unha serie de actividades paralelas, xa cara á tardiña, tocaba regresar ao Círculo para asistir ao novo galano proposto polos organizadores. Era a quenda de Honeymoon (2023), o último proxecto realizado por Quique Otero. Aínda pendente de estrea, supoñía o segundo pase festivaleiro do filme, tan só por detrás do Festival de Málaga. Moitos concordarán en eloxiar a solidez do seu guión, perfectamente secundado por un corpo de actores de primeira. Aí reside a mellor parte desta particular road-movie que acaba transitando por unha diversidade de xéneros entre os que podemos resaltar o drama, a comedia negra e o policiaco. En canto ás referencias, en ningún momento se agocha a influencia provinte dos irmáns Coen, totalmente inconfundible en certas situacións e personaxes —velaí a transmutación do noso Antonio Durán “Morris” nun John Turturro á galega—. Como pode verse, estamos ante un filme que ten todas as papeletas para converterse nun magnífico reclamo para o gran público. 

Para o penúltimo día de festival quedaba a cuarta longametraxe salientable na programación: Sica (2023), dirixida pola catalá Carla Subirana, realizadora embebida en espírito pola galeguidade. Moitos son os foráneos que acaban conectándose coa nosa terra nun sentido especial, feito que no caso de Subirana habería de remontarse ata o ano 2016. Xacando prodúcese o seu contacto coa Costa da Morte, fonte de inspiración absoluta para o filme. Tanto é así que apenas se pode disociar a historia da protagonista, unha adolescente na súa chegada á madurez, doutros elementos tan vitais para o conxunto como son o mar, a paisaxe ou o lendario. Neste senso, o filme encaixaba á perfección coa esencia de Cans nese apego pola terra e o popular, novamente co galego como principal vehículo comunicativo. 

Esta foi a aposta do festival para este ano en materia de longametraxes, confirmando que algo está a pasar no “cinema galego”. O convencemento por buscar a súa auténtica esencia no autóctono non deixa de medrar de xeito alentador. Hai cincuenta anos isto era unha demanda, tal como se reivindicaba nas pioneiras Xornadas de Cine de Ourense. Arestora podemos dicir con orgullo que o devezo se tornou en realidade. 

Un día cheo de cinema e festa rachada  

Os catro primeiros días de festival desenvolveron unha actividade en constante crecemento. Ademais das proxeccións comentadas, o concurso de Videoclips e a sección Novas Camadas foron abrindo boca no apartado competitivo. Tampouco faltou a presenza de interesantes documentais, entre eles Quererla es crearla (Cecilia Barriga, 2022), en torno a inclusión nas escolas; e Florencio, o cego dos Vilares (Pancho Álvarez, 2023), sobre o insigne creador de cantares de cego Florencio López. As actividades paralelas non foron menos atractivas, compostas por coloquios, homenaxes, presentación de proxectos, roteiros, actuacións musicais e as tan características procesións de chimpíns, o medio de transporte oficial desta festa. 

As actividades paralelas non foron menos atractivas, compostas por coloquios, homenaxes, presentación de proxectos, roteiros, actuacións musicais e as tan características procesións de chimpíns, o medio de transporte oficial desta festa. 

Mais foi na derradeira xornada do festival cando se produce a gran traca final desta experiencia a medio camiño entre o fílmico e o popular. O programa daba inicio ás dez da mañá, estendéndose ata altas horas da madrugada. Asumilo completo supoñía un auténtico reto para os asistentes tendo en conta o alto número de actividades propostas sen solución de continuidade. Este cronista dá boa fe do esforzo. 

O prato forte do día correspondíalle as dúas seccións oficias da cita: a competición de Ficción + Animación e a categoría FuraCáns, esta última pensada para dar cabida aos traballos de non ficción. En ambos casos, foi posible percibir o alto nivel dos curtametraxistas galegos, tanto os veteranos como os máis noveis. Con certeza, o futuro do cinema galego está ben garantido. 

A curta de ficción Alicia fai cousas, de Ángel Santos, alzouse con catro galardóns, e Mariví, na pel da memoria, das xemelgas Coral e Laura Piñeiro, conseguiu o premio FuraCans, elixindo o público a curta de animación Sandwich Cat, de David Fidalgo, para concederlle o seu. 

Cerca da medianoite, a entrega de premios chegaba con gran expectación. O nivel mostrado polas curtas en competición deixara patente a difícil papeleta á que se enfrontaba o xurado. Porén, existiu un traballo capaz de captar a súa atención por riba dos demais. Tratábase de Alicia fai cousas (2023) de Ángel Santos, convertida na gran gañadora da noite ao alzarse con catro galardóns: mellor curta de ficción, mellor dirección, mellor guión e mellor actuación feminina. Temas tan posmodernos como a apatía e a insatisfacción guiaban esta historia con influencias de mestres da Nouvelle Vague como Rohmer ou Godard. Na sección FuraCáns, a proposta vencedora foi Mariví, na pel da memoria (2022), das xemelgas Coral e Laura Piñeiro. Con este traballo as arousás confirmaban a súa preocupación pola memoria histórica, entendéndoa como unha ferramenta crucial para a mellora da nosa sociedade actual. Ademais doutros premios, a outra gran triunfadora foi Sandwich Cat (2022), do sempre animoso David Fidalgo. Alzábase co Premio do Público, un recoñecemento que está a ser o habitual na meirande parte de festivais nos que está seleccionada esta curta de animación. 

Unha vez concedidos os premios, a algueirada continuou ata as cinco da mañá, a partir de entón amenizada por actuacións musicais. Era o momento para troulear cos amigos e outras figuras relevantes do audiovisual galego. Se algo ten Cans é esa capacidade para converter as estrelas en xente de a pé. O desfile de persoeiros sucedeuse ao longo da semana ata o último momento —como destaque, a presenza da directora franco-armenia Valérie Massadian, dedicataria da retrospectiva internacional deste ano—. Poñíase así fin a un día ben completo, e en consecuencia a unha edición do Festival de Cans para o recordo.