Retrocedemos ata o século XIX para coñecer aos irmáns Lumieira, que ca súa historia conseguen trasladarnos ata a época do cinematógrafo. En escena, o irmán maior (Carlos Meixide) encarna a un empresario fracasado, gran amigo dos poetas das Irmandades da Fala; irmán mediano (Tomás Lijó) exerce o papel de proxecionista e coñecedor de todos os secretos da ‘máquina dos soños’ e o irmán pequeno (Suso Alonso) é o pianista, desafortunado no amor e que so ten voz a través das teclas. Totalmente customizados, estes tres personaxes descendentes Luís Lumiera Loureiro, un home de Corcubión emigrado en Lyon, contan como foi a vida e o traballou de seu pai na fábrica dos verdadeiros irmáns Lumière. Logo de moito tempo, regresan a Galicia onde influídos pola súa traxectoria familiar montan os primeiros platós cinematográficos galegos, concretamente no Faro de Fisterra.
Este é o punto no que comeza a historia, que xoga nunha fronteira dividida entre o teatro, o cine, o espectáculo de varietés e unha viaxe no tempo. Dirixidos polo charlatán irmán maior, crean na ficción un cine ambulante co que, como explica o actor Tomás Lijó, pretenden “recuperar a espectacularidade e a maxia ante a máquina de proxección e as primeiras filmacións mudas coas que recibiron o invento o primeiro público”. A intención é regalarlle aos espectadores o consumo de dúas xoias fílmicas xa existentes e de dominio público: Never Weaken (Viaxe ao paraíso, de Harold Lloyd) e One Week (Unha semana, de Buster Keaton) acompañadas musicalmente en directo polo irmán pequeno. Ademais destas dúas pezas tamén hai na obra ‘experimentos propios’ gravados no Faro de Fisterra e na praia do Sardiñeiro cunha cámara de 16 milímetros e “montada a tesoira”.

Esta peza, que é Sesión Número 1 dun espectáculo que nace con fin de seguir no tempo, colle cousas do slapstick, con situacións que son moi físicas e moi propias do cine mudo. Pero, a súa base está no teatro do texto, na información e na historia, “no xogar cas palabras e nos anti- chistes”, explica Víctor Mosqueira, director do espectáculo. A el tocoulle “enderezar a ensalada”, recoller todas as ideas que saían e poñelas en conxunto co texto e cas partes máis técnicas.
Os actores, pola súa parte, coinciden en que foi agradable volver a época dos primeiros inventos. “A época da bohemia, das comunas de París…” explica Carlos Mexide, para recrear o ambiente das barracas de feira onde se vían as películas, adornado todo con esa fasquía de maxia e de novidade. É a mesma sensación a que queren retractar con esta posta en escena. Por un lado, transmitir parte dese encanto e interes polos pequenos xéneros cinematográficos (unha manía que procede de Tomás Lijó), e por outro, “ambulear por toda Galicia” co espectáculo. Neste campo, e logo de estrearse no Salón Teatro en Compostela, xa están pechando datas para próximas paradas. Polo momento, sabemos que haberá dous pases o día 26 de maio no Festival de Cans, no Porriño.
Imaxes do material promocional do espectáculo cedidas por Ana B. Triñanes