Luns 2, Outubro 2023
HomeCulturaO EXTRAORDINARIO DA VIDA

O EXTRAORDINARIO DA VIDA

NARRATIVA

Lopo, Antón. Extraordinario. Premio Repsol 2018. Galaxia, 2018. 158 paxs.

 

por María Xesús Nogueira

Son moitos e moi diversos os proxectos, non unicamente poéticos nin narrativos, que avalan a Antón Lopo como unha das personalidades máis inquietas e innovadoras da literatura galega das últimas décadas. Nas coordenadas desa constante experimentación debemos situar a narración Extraordinario, publicada ao tempo que o poemario Corpo. A novela, que ve a luz case unha década despois da inquietante distopía Obediencia (2010), insírese no triángulo que delimita grosso modo o espazo temático desenvolvido polo escritor no conxunto da súa produción: o corpo, as identidades e os espazos.

Extraordinario achéganos a unha historia de relacións familiares singular malia ao cotián do principal fío argumental: o desprazamento inagardado de Óscar para se facer cargo do coidado da nai hospitalizada por unha fractura de fémur. Tal anécdota, que supón un reencontro logo de trinta anos de distanciamento, abre unha paréntese na vida do protagonista de gran rendibilidade narrativa tanto polas experiencias ás que este se enfronta como polo que supón de volta sobre un pasado contraditorio e por veces conflitivo. O accidente materno leva o protagonista, afastado de clixés referendados pola sociedade ―surfista, hedonista, bisexual e cunha dedicación profesional que queda fóra tamén do politicamente correcto― a asumir con dedicación o mundo dos coidados. O motivo do corpo, que noutras páxinas da novela é abordado desde o pracer e a descuberta da sexualidade, introdúcenos con realismo e delicadeza extrema no espazo íntimo? da enfermidade e a deterioración. A experiencia do coidado dunha nai caracterizada en termos negativos ao longo de todo o libro obriga ao protagonista a unha nova reconstrución. Un dos acertos da narración é sen dúbida a escolla deste personaxe-voz tan pouco convencional como natural, cuxa complexidade contrasta coa doutros actores, nomeadamente o do irmán Marcos e a súa muller, máis previsíbeis e mellor ancorados no tecido social. A volta de Óscar ao seu lugar de orixe fai tamén de Extraordinario unha novela sobre o regreso que, ao profundar nunha infancia marcada pola hostilidade materna, polos (des)afectos e polo descubrimento da sexualidade e o corpo, gaña espesor temático.

Outro dos valores da narración radica nas escollas levadas a cabo na súa construción. O autor opta por un estilo no que predomina a frase curta, afectada ás veces por unha aparente asepsia que reflicte a propia vida. O distanciamento provocado por esta técnica, que permite a entrada do humor e a ironía, contrasta cunha precisión léxica da que derivan un caudal de imaxes poéticas, moitas delas impregnadas de sensualidade. A escolla das ferramentas lingüísticas resulta, nunha obra destas características, tan arriscada como crucial. Con elas achéganos Antón Lopo na súa última narración a un tecido de lembranzas, revelacións, contradicións e afectos nos que é quen de aprehender o extraordinario da vida.