Domingo 1, Outubro 2023
HomeCulturaO CHISPAS: UN MÚSICO CÓSMICO

O CHISPAS: UN MÚSICO CÓSMICO

INFANTIL E XUVENIL

O Chispas, de Manuel Rivas. Ilustrracións de Sonia García Vidal. Xerais, 2020. 96 páxs.

 

por Eulalia Agrelo

As liñas iniciais de O Chispas (Xerais, 2020) son a folla de navegación desta historia “incríbel, pero real” protagonizada por un músico cósmico. Si, un músico cósmico e non un músico cómico, como di a xente que non é capaz de percibir a existencia doutros mundos posibles. Con esta advertencia ao lector, que é apelado decontino e incluso alcumado de chiribito e mexillón peludo, dá comezo un relato faiscante polo veloz decorrer duns feitos un tanto estrambóticos só na aparencia, pois unha ollada pousada recóbreos de significado.

O mundo aderezado pola realidade sitúase en Estrelampo, onde O Chispas aprendeu a solfa antes de falar. Desde unha primeira persoa magoada pola ignominia, o fillo do electricista e de Aparecida defínese como un antiheroe. Porén todo muda cando a Fonte da Fala seca e súa nai, mantedora dos rituais deste espazo máxico, falece. As persoas perden o fío do falar e o Chispas vese afectado por un tic, que lle fai xirar a cabeza e soltar lóstregos pola boca contra os que algún mal lle infrinxen. Agora chámano o Tic do Demo e o papanatismo do público conságrao como ídolo.

Desde este curioso lugar, no que as crenzas ancestrais se anoan ás innovacións tecnolóxicas polo poder da fantasía, o humor é o vaso condutor da crítica cara a unha sociedade que degrada o patrimonio natural e cultural. A este respecto, o símil que Manuel Rivas expón nos retallos finais é moi esclarecedor: “Cando a fonte seca, cando a natureza é maltratada, tamén nós secamos. Do mesmo xeito, se perdemos unha lingua é como se perdemos un ecosistema”. Esa visión agre sobre o comportamento dos individuos intensifícase cando O Chispas é transportado a un escenario deseñado desde os parámetros da ficción científica.

Ao contrario da Terra, en Mutandi o Chispas é admirado polos cracks, uns seres inmortais de fisionomía e xénero mutables. Neste planeta alcanza os seus degoxos: é unha estrela de rock, voa cunhas alas fotovoltaicas e namora da robot Aux, que está ao servizo do Pazo Imperial. No entanto, este mundo ensoñado próximo aos videoxogos e á intelixencia artificial, no que a realidade é constantemente cuestionada, comeza a fenderse ante a carencia do latexo dos sentimentos, a ausencia da imperfección humana e a volatilidade das modas.

Logrará o anfibio do Chispas retornar ao seu país de chuvia? A resposta está no remate da narración que, ademais de sorprender pola fusión entre a memoria do pasado e a distopía, sobresae pola amalgama das súas referencias intertextuais. Figuras lendarias, programas televisivos e culturas afastadas conviven nun texto extraordinario no tocante á súa construción lingüística. O sismo orixinado polas riolas dos xogos de palabras, os sinónimos, as frases feitas, as construcións latinas, os anglicismos, enfían unha metáfora continua de desbordante hilaridade.

Velaquí este roqueiro que, coa súa Montesa e guitarra Electra en bandoleira, non claudica ante o sometemento das modas e se deixa guiar pola emoción que tamén se reverbera nas imaxes de Sonia García.