O botín dun saqueo masivo 

Tras 125 anos de secuestro en Paris, vinteseis obras de arte do antigo reino de Dahomey volven a casa: a actual república de Benín. A cineasta Mati Diop, unha das autoras máis interesantes e estimulantes do panorama actual, rexistra o proceso de devolución e dálle voz ás esculturas. Literalmente, porque cando as deixan soas, afastadas da mirada e os oídos das persoas. 26 cóntanos a súa historia e comparte con nós as súas ideas. 

Como xa fixera na sensacional Atlantique (2019), Diop inocula un elemento fantástico no real para amosarnos a realidade dunha maneira nítida, fermosa e dolorosa.  

Hai moitas maneiras de denunciar que os museos e espazos públicos europeos están asolagados de pezas roubadas durante a invasión e o saqueo colonial. Mati Diop combina imaxe, música e palabra para amosarnos cal é o significado profundo detrás dunha devolución de arte que é moito máis ca iso: un retorno a un país completamente distinto e irrecoñecible no que, de todas maneiras, seguen a sangrar as feridas do colonialismo. 

Dahomey é un documento relevante, que convida á reflexión en cada secuencia e que enriquece o pensamento decolonial. Pero tamén nos ofrece unha ollada estimulante sobre a nosa relación co arte e os museos.  

Neste senso, ao observala (é un filme que se observa) non podía evitar pensar en Obra mestra (2022), unha sensacional novela do xornalista e escritor ourensano Juan Tallón que reconstrúe a desaparición dunha escultura de Richard Serra que era propiedade do Reina Sofía.  

Tanto Dahomey como Obra mestra falan de creacións condenadas a non habitar os espazos para os que foron creadas e tanto o filme como a novela fan un retrato social, histórico e político estimulante expoñendo o discurso de persoas aos que habitualmente nin vemos nin escoitamos cando se fala de arte: traballadores de museos, persoal ao cargo do transporte das obras, operarios, visitantes, estudantes, cidadáns comúns e correntes… 

Precisamente, un dos momentos máis fermosos e cargados de significado de Dahomey ocorre cando dous traballadores que participaron na montaxe en Benín das obras recuperadas quedan a soas con elas. Diop permítenos escoitar a que sona un museo en calma antes de recibir un aluvión de persoas e capta como estes dous rapaces contemplan as esculturas que representan a reis dun reino desaparecida hai moito tempo. Esa delicada secuencia evidencia o talento de Mati Diop para ollar ás persoas. 

Nun filme cheo de ideas e, sobre todo, de preguntas, é difícil destacar unhas sobre outras. Particularmente estimulante me resultou o debate sobre que é o patrimonio cultural dun pobo. E como a miúdo a potencia física e visual do patrimonio material eclipsa o poder do patrimonio inmaterial: ese que nunca os colonizadores lle poden roubar as pobos conquistados. Un patrimonio que nin se pode secuestrar, nin se pode empregar dentro dunha operación política para que as potenciais coloniais laven o sangue derramado. 

Dahomey 
Dirixida e escrita por Mati Diop
Música: Wally Badarou 
Fotografía: Josephine Drouin Viallard 
Coprodución Senegal-Francia-Berlín, 2024