O artefacto literario como curtametraxe poética documental

Coido que foi Vladimir Nabokov quen dixo que a memoria é en última instancia unha falsificación. Quizais, porque o que se lembra ten unha parte de realidade -o que aconteceu- e outra parte, pode que maior, de recreación, do que cremos que pasou, ou do que a nosa mente vai co paso dos anos refacendo para conformar o que non podemos lembrar de todo. Falsificación, mais non entendida como falsidade senón como fabricación. Non podemos lembralo todo, pois correriamos o risco de converternos no borgiano Funes. Ninguén xuizoso desexaría iso. Se lidar con isto é complexo no persoal, no literario a biografía, a autobiografía ou a autoficción, son xéneros que nos obrigan a facer falar á memoria, como titulou o mesmo Nabokov a súa (falsa? ficcionada?) narración vital literaria. Como individuos, atopamos gracioso e divertido o que lembramos e o que non. Ou o que cremos que lembramos, ou o que a memoria escolle para nós, ou seica para si mesma. Sonche así as dinámicas do tempo; dese xeito nos narran os materiais a súa cronoloxía. 

Se xa é complicado en ocasións recuperar a propia, a tarefa de sacar á superficie a memoria doutra persoa, doutro autor, é aínda máis ardua. Unha descuberta deste tipo é o que nos expón Tamara Andrés en Eu son de aquí e de alá. A busca da poeta Matilde Lloria, das dinámicas do seu tempo, da cronoloxía dos seus materiais vitais e poéticos. O belo libro de Tamara Andrés é unha obra que se resiste a recibir etiquetas xenéricas. Indagación, memoria fragmentada, pescuda, Eu son de aquí e de alá constitúe un artefacto literario no que Tamara Andrés vai á procura dá identidade de Matilde Lloria, da súa poesía multilingüe, da súa vida a cabalo entre Valencia e Galicia nun tempo abondo complexo. 

A obra é o equivalente literario dunha curtametraxe documental, do estilo dos traballos de Margarita Ledo ou Laura Poitras, ou da fotografía documental de Nan Goldin. Tamara Andrés está dotada dunha forza poética tal na súa narración que a linguaxe nos evoca constantemente unha representación visual. Tal semella cando lemos este libro que estamos a ver ás voces que prestan testemuño, ás veces en plano curto, falando directamente á cámara, outras, en diálogo cos entrevistados; mesmo cando a voz narradora tórnase fermosamente poética, vémola en off, fóra de campo, cunha montaxe de imaxes como transfondo. 

Mais, é un libro, case un libro-obxecto, onde os usos tipográficos teñen funcións narrativas claras (cursivas, versais, diferentes tipos de letra) e se inclúen tamén, a modo de fílmico plano inserido de recurso, fotografías de diversos obxectos relevantes na narrativa. A propia maquetación da obra, o recto e o verso, un en branco, outro impreso, fórzanos a ler dunha determinada maneira, a non acelerarnos, a ter o acougo necesario, a pausa, o silencio, a quietude precisa, para que o texto respire, para que o itinerario vital e creativo de Matilde Lloria se abra paso, para que os descubrimentos sexan revelados, para gozar desa voz poética poderosa que sempre caracterizou a obra de Tamara Andrés.   

Como toda obra literaria, poética, documental, de procura, non chegamos a saber todo á súa conclusión. Esa é a grandeza mesma da busca: que sexa un acto de pescuda permanente, de reparación constante, neste caso dunha figura poética que se lle apareceu un dia á autora a modo de nota a rodapé académica e que agora toma forma poética neste soberbio exercicio de curtametraxe documental literaria, da man de Tamara Andrés. Unha das sorpresas literarias, sen dúbida, do ano en curso.    

Eu son de aquí e de alá
Tamara Andrés Padín
Editorial Galaxia
Vigo, 2025