Cen anos en tensión. Os de Isaac Díaz Pardo, que se nos foi de esguello un día en que a parda o colleu despreveñido. Contribuiu coma poucos a despresurizar o país, esa súa e nosa Galicia sobre a que os especuladores e cipaios -aos que tanto se referiu nos seus textos máis inconformistas- forzaron e forzan ciclos de doma e castración. Foise deixando referentes de revoltas aprazadas, de protestas reprimidas, de desafíos coutados…Para motivar o pensamento e a acción dos bos e xenerosos, máis alá do politicamente correcto. Foi o seu un permanente camiño de volta. E fíxoo con todas as armas máis construtivas e solidarias, as da intelixencia creativa, as do irmanamento xeracional, as do animador e protector das xeracións máis novas. Coa historia e a memoria en propulsión. A catedrática Camiño Noia traduciu todo iso nun puzzle secuencial baixo o título “O abraio na ollada”.