NARRATIVA
Pura Salceda. O paxaro de nácara. Galaxia, 2019.
por Armando Requeixo
A escrita de Pura Salceda é sistemicamente irredutible, xenericamente múltiple e identitariamente mestiza. Soña en galego, pasea en catalán e toma o sol en castelán. Esperta narrando o amencer, teatraliza as horas de mantel e descóbrese poeta lunar. É chamaquita na lembranza, noia cosmopolita en mil xeiras e boborense cordial a tempo completo. Tan singular circunstancia defínea como unha creadora plural, de talento amalgamado e orixinalidade mestiza, o que a faculta para transitar territorios literarios para os que ben poucos teñen pasaporte, pois ela é transfronteiriza por definición.
Ese escribir entre dous mundos, o aquén dos días e o alén dos recordos, ten moito que ver co seu último libro: a novela O paxaro de nácara. Teño dito nalgún outro lugar que esta é unha narración matrioska, un artefacto literario polimorfo que participa por igual da novela de investigación e descuberta, da novela amorosa, da novela social, da novela epocal e mesmo da novela saga. Precisamente na habelencia para coser todas estas fías reside, ao meu ver, un dos grandes acertos do libro, cabal retrato da Galicia da Terra e da Galicia Emigrante dende os ollos dunha muller que vive cun pé en ambas.
O paxaro de nácara é a historia de Nélida, unha editora barcelonesa que recibe a nova do pasamento da súa avoa Delmira e viaxa ata a parroquia de Feás, no concello ourensán de Boborás, para asistir ao velorio e posterior soterramento. Unha vez chega ao lugar atópase con Elías, un amor de mocidade co que estivera a piques de casar, pero que acabou nunha historia de amor fanada porque el emigrou a México DF e ela decidiu non seguilo. Mais o reencontro fará renacer neles a paixón amorosa, que vivirán intensamente. Entrementres gozan desta apaixonada relación van descubrindo asuntos do pasado das súas familias e das da veciñanza que lles eran descoñecidos e que iluminan ángulos moi escuros na emigración mexicana dun tío da protagonista e da filla duns caciques da parroquia. Todo o anterior acontece ao tempo que se sucede un cadoiro de desvelamentos e sucesos que inclúen tanto traizóns e mortes coma amores delituosos e abusos, o mesmo falsidades que enfermizas relacións, todo trenzado nunha espiral de dor e de ocultamentos que se estenden ata o presente.
Narrada en primeira persoa mais salferida de abondosos diálogos, a novela regálanos parlamentos faiscantes, cheos de dobres intencións, moi áxiles e perfectamente trabados, que se complementan de xeito idóneo co fluír principal da historia e a súa trama investigadora, guiada por esa voz omnisciente culta que tesela a historia con alusións ao universo do literario, musical, cinematográfico e pictórico para enriquecer a caracterización de personaxes, lugares e tempos.
O paxaro de nácara é unha novela homenaxe, o tributo agarimoso dunha escritora filla de emigrantes que espella na súa ficción ese choque de realidades que tantos dos nosos experimentaron ao marchar dos seus telúricos eidos e ter que gañar a vida nunha urbe estraña e vertixinosa, mais que aprenderon a tirar o mellor de cada lugar e comprenderon que o seu ser é xa, necesariamente, dúplice e de medrado caudal nas correntes converxentes das ambasmestas que flúen xenerosas.