Domingo 4, Xuño 2023
HomeCulturaNOVAMENTE XELA

NOVAMENTE XELA

POESÍA
Poesía reunida (1982 – 2004), Xela Arias. Xerais, 2019

 

por Manuel Forcadela

Cando Xela Arias morre, en 2003, con corenta e un anos, ten no seu haber, como libros publicados en papel, tres títulos: Denuncia do equilibrio, de 1986; Tigres coma cabalos, de 1990 e Darío a diario, de 1996. Aos que hai que engadir un último, titulado Intempériome, de 2003, publicado algunhas semanas despois do seu falecemento e que a autora deixara editado e xa disposto para a publicación. Así que este volume, Poesía reunida (1982-2004), con introdución e notas de María Xesús Nogueira, tenta ser un achegamento definitivo á totalidade da súa obra poética, recuperando os catro títulos amentados, e tamén aqueloutros textos que non adquiriron a dimensión de obras impresas como conxunto. Aínda que o título rexeitado en vida pola propia poeta, Lili sen pistolas, segue sen aparecer, aspecto que, creo, habería que reconsiderar.

Digamos que Xela foi unha poeta dos oitenta, por condicións biográficas, xeracionais e de formación que, malia iso, non deixou de manifestar un sentimento de soidade xeracional. Teño a certeza de que Xela nunca se sentiu parte desa xeración, malia actividades en común, e de que se comprendía a si mesma como o xermolo dunha poética de raíz diferente. E, paradoxalmente, creo que nesta diferenza serían perceptibles tamén razóns de idade, de formación, de xénero, de estética. Digamos que Xela era e non era e que, neste ser e non ser, radica unha das claves de toda a súa comprensión do mundo e da súa estética: a antítese, como recurso expresivo do real no seu perpetuo remuíño e na súa mudanza pertinaz. E, tamén, como un dos tropos básicos na súa obra.

Así, o Amor, tema central do seu discurso, aparece iluminado por esta óptica conxunta da apetencia e do rexeitamento, como a falta infinita que constitúe o desexo e que vai mudando, un tras outro, os seus significantes. O amor como oferta e como demanda, o amor fóra da paixón física, cara aos maiores, cara aos fillos.

Digamos que hai un suxeito que se sobrepón ao individuo. E esta suxeita transindividual renega da súa condición de persoa, aspecto este crucial na poética dos oitenta e que ten a ver coa dramatización do poema e a conversión do eu enunciador nun personaxe afastado do discurso do propio suxeito. De tal maneira que quen enuncia é sempre un eu que obedece a esa suxeita e, na súa autenticidade, non é quen de emitir un fío de simulación. Digamos, pois, que a quebra da alianza entre a linguaxe e o mundo, aspecto crucial no marco teórico, nunca existiu para Xela. Cousa que non é nin positiva nin negativa senón, simplemente, diferente.

Igualmente acontece co conflito entre individuo e sociedade. A satisfacción e o temor de formar parte dun conxunto. Até que punto a sociedade penetra en nós, impregnándonos. Até que punto a nosa individualidade supera os límites do noso corpo para formar parte do social.

A morte e a vaidade dos triunfos do vivir e da existencia.

Benvidas estas páxinas que nos reencontran con Xela, tan próxima e tan distante. Tan súa e tan nosa.

____________