Mércores 30, Novembro 2022
HomeCultura Nova canción galega

[MÚSICA] Nova canción galega

MÚSICA

Ascensión,  Seso Durán (Inquedanzas Sonoras. Abril, 2022)

 

por Carlos Rego

Eramos mozos, pouco máis ca nenos, e sabiamos que o que dicían The Clash ou Van Morrison era importante, ou que o que cantaban os Ramones ou as rapazas de The B-52s probablemente sería unha sarta de caralladas con moita graza. Porén, cando chegaban os grupos aos que entendías (poñan vostedes os nomes que gusten, e substitúan os anteriores con total liberdade), o efecto era o dobre se as letras estaban escritas con xeito. Iso si, para os que nos gustaba o pop e o rock houbo moi poucos referentes cantados en galego, unha eiva que o tempo non ten arranxado. Por iso son moi de celebrar os contados casos nos que o noso cada vez menos afinado radar atopa sinais de vida interesante nese eido, cada vez menos ermo, certamente.

O radar non atopara novas de Seso Durán ata agora mesmo, sinal de falta de sintonización, por iso as cancións de Ascensión nos colleron por sorpresa, e quizais por iso con efecto máis duradeiro. Ademais dun son espléndido que chama a atención pola calidade tanto técnica como estilística, unha acaidísima combinación do clásico e do actual, o mellor do disco está na elegancia e a contención que mandan tanto na interpretación (musical e vocal) como nos textos. Durán fala de asuntos importantes (a nosa identidade como país, a anguria do dominio do dixital, a soidade), sen soflamas panfletarias, insinuando máis ca subliñando. A pesar do enérxico arranque de «O país non país», o máis inspirado de Ascensión está en medios tempos como «Un desfile» ou «Infinitesimal», que recollen as mellores virtudes do rock indie dos anos noventa. Mesmo «Caricias no meu corazón» poderían tela firmado os mellores Yo La Tengo, e ben paga a pena desfrutar con calma dos catro minutos de «Sorriso triste», un estupendo crescendo que semella retratar o renacemento persoal dunha muller maltratada.

Luz/Sombra,  Devalo (Ferror Records. Marzo, 2022)

Devalo xa teñen pasado por aquí, un proxecto unipersoal de David Miranda que se debate entre o sintético e as guitarras eléctricas, nesa zona indefinida que grupos como New Order tan ben souberon entender. Non hai moitas novidades neste Luz/Sombra con respecto ao seu debut, e iso non ten nada de malo, porque as cancións seguen funcionando de marabilla, melódicas e melancólicas, musicalmente luminosas mentres se canta “non podo ir a peor” ou á chegada da «Sombra» á túa vida, celebrando as bágoas na pista de baile. Se acaso, a presenza da batería real aumenta a intensidade coa axuda do maior protagonismo dunha guitarra que engade distorsión aos colchóns de sintetizadores e se solta de cando en vez con algún solo case “rockeiro”, unha gozosa competición na que, como na da luz e a sombra, ninguén sae vencedor.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]