Luns 2, Outubro 2023
HomeCulturaNOS VINTE E CINCO ANOS DE O VALO DE MANSELLE

NOS VINTE E CINCO ANOS DE O VALO DE MANSELLE

POESÍA

O valo de Manselle, de Anxo Angueira. Apiario, 2020. 64 páxs.

 

por Ana Acuña

Vinte e cinco anos non foron nada, pois aínda está quente na memoria o recordo dos versos de Anxo Angueira publicados en 1996 na colección ferros de Xerais. Non sei precisar a data da miña lectura, mesmo puido ocorrer que os lese antes de comprar o libro. Si recoñezo, en cambio, o efecto do verso “E fano eles”, interiorizado ao longo dos anos por vivido. Como filla da aldea afeita aos traballos comunais (coller no millo, pañar no toxo, botar as patacas…), rememoro nesas tres palabras o alento do traballo colectivo. O último para min, xa no século XXI, foi a reconstrución do Muíño da Presa, por parte da veciñanza con horas nel, os domingos pola mañá. Trala morte de meu pai non volvemos atravesar a porta feita polo meu irmán carpinteiro. “Eles somos nós”.

En 2018, nunha investigación con Chus Nogueira, recuperamos O valo de Manselle, entre outras obras, para mostrar a contribución da literatura galega ao estudo da historia agraria. Lembrabamos que os anos noventa estiveran marcados polas profundas transformacións no sector agrario e como a poesía recollera o seu abandono e consecuente perda de identidade. Exemplificabamos daquela con algúns versos de Chus Pato, a quen lle dedica A. Angueira unha parte do poemario homenaxeado nestas liñas.

Fronte á inevitable perda da sabedoría manifestada nos poemas que conforman a sección “O liño de María”, o ton épico de O valo de Manselle permite a reafirmación da identidade a través da descrición de varios traballos comunais: a construción do valo e mais da placa, así como a sementeira do liño “na roda/de todos os labregos do mundo que morreron”.

A expresión lingüística achéganos á fala dos labregos e labregas de Manselle individualizados cos seus nomes e alcumes, cheos de traballos propios (“a poda e a ata, e as diversas mans de sulfato”, “buscar un mando de pendóns con mulido”) e co labor colectivo, aos sábados, nun “valo que lle randea o aquel”.

Posto que a literatura, como mostramos en diversas ocasións seguindo ensaios de Xosé Constenla ou Xosé Manuel Beiras, pode dar  conta do colapso territorial de Galicia e de seis tipos de espolio (enerxético, financeiro, exterminio do campesiñado, expatriación forzosa de mozos e mozas, etnocidio e ecocidio), é necesaria a conmemoración destes vinte e cinco anos de O valo de Manselle grazas á edición de Apiario en 2020. Cómpre celebrar como o común foi decisivo para Manselle e pode ser decisivo para a nosa pervivencia como pobo. Nesta liña entendemos as palabras do prologuista Xosé Luís Méndez Ferrín, poeta da desposesión da terra e citado por A. Angueira, cando escribe sobre a fundación dunha “nova ruralidade épico-lírica que nos coloca lonxe da retórica malencónica da perda da aldea e da extinción da Patria”.

Épica e lirismo conxúganse nas cinco partes do poemario de Anxo Angueira que o prologuista irmanda con Seamus Heaney e quen isto asina co Isaac Xubín dos largos e longos campos de liño azul. Parabéns por este valo que é moito valo!