Luns 4, Decembro 2023
HomeCulturaNON TRABALLARÁS

NON TRABALLARÁS

BANDA DESEÑADA

El Buscón en la Indias, de Alain Ayroles e Juanjo Guarnido. Norma Editorial, Barcelona, 2019. 160 páxs.

 

por Manu Barreiro

Hoxe en día é usual que se traspasen as fronteiras entre medios para adaptar obras dun a outro. Pasa continuamente entre a BD e o cinema, en ambos sentidos ademais. Adaptar sempre é un tema delicado, os cambios necesarios que se fan en guión, formato e intención autorial non sempre son ben entendidos ou recibidos polo público, máis aínda cando se trata de textos tan asentados no acervo cultural coma unha obra de Quevedo.

Alain Ayroles e Juanjo Guarnido atrévense cunha destas obras fundamentais da literatura mundial, Historia de la vida del Buscón, llamado don Pablos; ejemplo de vagamundos y espejo de tacaños. Aproveitan os personaxes e algunha pasaxe da obra orixinal, mais a adaptación desenvólvese como continuación desta. Optan por seguir a historia onde a deixou o maxistral Quevedo para levar o pícaro Pablos até as Indias Orientais, onde prosegue co seu modus operandi. Roubos, mentiras e enganos, calquera cousa antes que traballar. A decisión dos autores é intelixente e dota a este El Buscón en las Indias de personalidade e vida propia.

A historia cóntase en primeira persoa e comeza co protagonista a piques de ser torturado nun alxube en Cuzco. Este tece unha historia coa que enreda ao Alguacil da cidade, e así é como sabemos da súa chegada ás Américas. A trama, dividida en tres partes, segue os mandamentos da picaresca. Un relato divertido feito por un personaxe tan espelido como carente de moral e conciencia de clase que bota man de calquera truco para saír adiante nunha época ben perigosa. Neste caso dobremente, pois á xa difícil vida do século XV hai que unirlle un terreo descoñecido no contexto do roubo e o xenocidio da conquista imperial castelá –que non española– dos pobos americanos.

O álbum é unha obra excelente en todos os ámbitos relativos ao cómic. Ayroles constrúe un guión que non só respecta a novela orixinal, senón que a continúa con habilidade e ritmo. A historia funciona perfectamente en cada unha das partes nas que se divide o libro e acada un equilibrio entre tramas que impulsa a narración a velocidade de cruceiro. É ben difícil non ler todo dun tirón. E se a un guión magnífico lle xuntamos un debuxo absolutamente impresionante, cun dominio do trazo e da composición de cada cadro que chega a abraiar, a excelencia é incuestionable.

Guarnido xa está dende hai tempo no olimpo da BD pola excelente serie de Blacksad –da que é coautor xunto a Juan Díaz Canales–, mais neste álbum acada cotas de perfección que podemos resumir a modo de brincadeira na frase «non son maneiras, son alardes». Evidentemente, calquera que me teña lido sabe do meu particular gusto pola banda deseñada francesa máis canónica, de debuxo moi traballado e guión entretido. Este Buscón entra directamente nos mellores álbums lidos na última década.

A edición de Norma é fabulosa, de boa calidade e de tamaño grande (típico do álbum francés), o que permite gozar do traballo de Guarnido con comodidade.