Non é doado facer unha crítica do filme Napoleón. Malia as aparencias, é máis difícil do que semella, xa que a estrutura argumental desta película de Ridley Scott non é tan simple como a que parecería ficar dividida entre a trama erótico-sentimental de Napoleón e mais Xosefina… e, doutra banda, a trama histórica político-militar que abrangue toda sorte de acontecementos acaecidos no continente europeo por aquelas datas…
Pola contra, alén destas dúas tramas, fan aparición outros e diversos múltiples elementos. Porén, o máis salientable deste filme semella se-la historia amorosa dos citados próceres. É como se subliña na propia escenografía, que destaca o primeiro encontro, mesmo o primeiro contacto visual, entrámbolos dous namorados.
Como avaliación deste filme, coido que estamos ante unha notable película, na liña das que adoita facer, e mesmo amorea, o seu director (O reino dos ceos; Onde estean os cartos; Os dualistas; Blade Runner; Alien, o oitavo pasaxeiro; Prometheus; Gladiator; Thelma e Luis). A película non brilla polo seu rigor: non esquezamos que non se trata dun filme no que o elemento histórico sexa o máis importante, non é strictu sensu unha película histórica, por se-la trama político-militar menos relevante que a erótico-sentimental. Pero resulta abraiante a monumental reconstrución de episodios como a batalla de Austerlitz, ou a reprodución dos glamurosos episodios e sucesos da corte napoleónica, ou dos avatares, certamente máis escabrosos, da institucionalidade xacobina ou thermidoriana.
No desenvolvemento de guión e argumento, Ridley Scott non perde o tempo. Xa que logo, sabe dárno-las claves políticas e persoais de Napoleón, mesmo ó que principia o filme. Daquela, cando o protagonista está presenciando a execución de María Antonieta, a última raíña borbónica, fica ben claro que Napoleón non se amosa demasiado congratulado por tal espectáculo (posteriormente, e consontemente, o propio Napoleón deixará como indubidable para a historia que non é ningún radical, nin sequera un reformador social).
Non é doado ver Napoleón sen caer na percepción de os personaxes seren marionetas do destino, malia estaren revestidos dun elevado grao de poder que ben os fixese perfectamente donos das súas vidas. Un exemplo, integral e tamén de bo facer interpretativo, sería o da actriz que encarna a Xosefina. Unha Xosefina que vive con liberdade, elegancia e ausencia de inhibicións a súa sexualidade.
EE.UU., 2023
Dirección: Ridley Scott
Guión: David Scarpa
Música: Martin Phipps
Reparto: Joaquin Phoenix, Vanessa Kirby, Tahar Rahim, Rupert Everett, Laudivine Sagnier.