Luns 4, Decembro 2023
HomeCulturaNADA É O QUE PARECE

NADA É O QUE PARECE

CINEMA

Antebellum

EE.UU. 2020
Dirección: Gerard Bush e Christopher Renz. Interpretes: Janelle Monáe, Jena Malone, Kiersey Clemons.

 

 

 

por Xan Daniel García Rodríguez

Verónica e a vida… ¡Verónica é a vida! Ela é a protagonista da película: loitadora na pescuda da súa liberdade e opoñendo digna resistencia fronte a toda caste de agresións polo Poder. O escenario histórico do filme é unha plantación onde un colectivo de afroamericanos no curso da Guerra Civil norteamericana sofren o Poder, a barbarie, a explotación, de parte dun feixe de soldados confederados, sudistas; e, fronte a eles, opoñen unha intelixente resposta con Dignidade, resistencia, Revolución, que reproduce ciclicamente intentos de fuxida do campo que causan balbordo e desorientación entre os opresores e fan que se convertan en monstros uniformados sen escrúpulos á hora de tomar represalias. Ás veces é sumamente doado percibi-la natureza e faciana do Poder (máxime se falásemos do Estado, que é a expresión máis sofisticada do Poder); tamén nesta plantación preténdese desenvolver unha economía baseada na infelicidade e maila pretendida desigualdade da maioría social da comunidade de escravos.

Verónica vainos acompañar, vai facer co espectador un camiño no que van aparecendo elementos discordantes co Principio de Realidade. Así, naqueles tempos (teoricamente os anos 1861-1865), as personaxes miran ó ceo, e ven avións de reacción; xa que logo, a confusión do espectador é inevitable polos paradoxos históricos, como, poñendo por caso, que nun momento dado aparece un teléfono móbil (¡estamos no século xix!).

As cousas non rematan aí, porque, chegado un momento, Verónica pega un chimpo na dimensión temporal, e aparece nos tempos actuais… Sen ningunha caste de explicación deste salto no ¿tempo? É rechamante o contraste existente entre ámbalas dúas «Verónicas» (a de antes e a de despois do salto no tempo). Daquela, a Verónica «inicial», Verónica valente, reivindicativa e abnegada, metamorfoséase de súpeto e fica «transportada» nunhas dependencias laborais, unhas oficinas situadas nun rañaceos dunha cidade que semella ser Nova York, onde segundo parece ten un «glamuroso» traballo, e parece unha personaxe de Spike Lee.

Este filme é tamén semente dunha morea de eventuais reflexións verbo de determinados conceptos socio-históricos. Poñendo por caso, sobre da violencia, sobre esa violencia practicamente ilimitada que os represores uniformados exercen sobre o Pobo Afroamericano (mesmamente o soldado que semella se-lo menos maligno, remata sendo un violador-maltratador). Non é doado cavilar verbo da violencia ó que ves esta película; sobrancea a reflexión relativa á radical diferencia entre a violencia sistémica exercida polos gardas e, fronte a esa violencia sistémica, a violencia antisistémica, liberadora e emancipadora… Sempre haberá un, dous, tres… Espartacos; e un, dous, tres… pobos prestos á loita.

Tampouco non é doado, ó que vémo-lo filme de referencia, deixar de pensarmos no fascismo, nos fascistas. Non embargante, non se trata técnica e rigorosamente de conservadores racistas, nin sequera de auténticos fascistas… Diríase que estes monicreques son auténticos nazis que teñen unhas regras de trato e convivencia severísimas de cara ós presos. E son nazis porque hai unha alusión ó exterminio racial no filme, cando se alude ós Fornos Crematorios, á idea do lume como xeito de faceren desaparecer un pobo, unha etnia que estas alimañas consideran inferior.

Unha conclusión que se pode tirar desta película é que «nada é o que parece». Xa que logo, ó final, non estaban nunha plantación na Guerra de Secesión norteamericana; pola contra, estaban nun parque temático.

A máis importante lección que podemos extraer deste filme é que confiemos e agardemos, e traballemos a prol para que a Humanidade teña sabedoría e habelencia dabondo como para que estes feitos (e outros que foron lamentablemente certos e supuxeron o maior fracaso da Humanidade a cargo da Barbarie NaziFascista) non sexan nunca reais e desaparezan para sempre como non sexa nas bandas deseñadas.