De iberismos e nacionalismos

Do iberismo semellaba terse escrito todo. Ducias de monografías e artigos, escritos políticos e reflexións intelectuais abordaron a “cuestión ibérica” dende diversas perspectivas, temáticas e xeográficas. Porén, a maioría deses achegamentos pecaba quer de asimetría —ou a banda portuguesa era a mellor coñecida, ou a española—, quer de certo resaibo idealista. E botábase de menos unha ollada diacrónica.

Ramón Villares demostra aquí que aínda hai moito por reflexionar. E fai gala das súas cualidades habituais: un bo manexo da historia cultural e dos conceitos; unha axeitada contextualización dos textos e autores tratados, algo que sempre disterará a ollada histórica; e vontade ensaística. O ensaio transpira ademais unha pulsión paixonal atemperada pola razón de historiador.

En sucesivos capítulos, abórdase dende os iberismos decimonónicos baseados na unión dinástica e mais na esperanza republicana, ata as novas olladas desenvolvidas polos rexionalismos e nacionalismos periféricos da banda española; pasando polo diálogo entre o catalanismo, o galeguismo e Portugal, as novas arelas autonomistas do periodo de entreguerras e a súa repercusión nos proxectos de iberismo tri ou cuatripartito, as iniciativas por artellar unha común oposición democrática ás dúas ditaduras ibéricas ata 1974/75, os novos ollares mútuos dende entón e, a xeito de epílogo, onde se analisan as relacións hispano-lusas dende a entrada na CEE/UE no 1986. Do ponto de vista económico os elos son abofé máis intensos que nunca. Porén, se xa non hai fronteiras, perviven os estereotipos e o descoñecemento mútuo.

Villares coñece ben as dúas bandas da raia, e a súa ollada é policéntrica. Non é un diálogo entre diplomatas de Lisboa e Madrid, senón que tamén o é entre intelectuais e políticos do Porto e Santiago de Compostela ou Barcelona. Esa focaxe policéntrica non é, emporiso, sempre etnocultural. As relacións de poder, os intereses económicos, e as utopías sociais teñen influxo en cada época tanto ou máis que a cultura, quer no iberismo “tripartito” proposto dende Barcelona nos anos trinta, quer na versión “popular” suxerida polos anarquistas. O iberismo vése como unha corrente polifacética, ás veces con expresión intelectual, ás veces política, e ás veces económica ou literaria. Mais ten continuidade nas súas diversas fases un devezo de concordia (republicana, dinástica, neoimperial, plurinacional) que sempre defrontou a oposición dos dous grandes nacionalismos de Estado da península. Aquel anceio expresouse tamén através de diversas transferencias culturais e políticas, o que fan que este volume sexa unha historia transnacional ibérica.

Conclúe o autor afirmando que, fronte á imaxe dunha península balcanizada, cumpriría vela como unha Escandinavia fanada, onde non callan nin irredentismos nin o recoñecemento entre iguais, sobre todo cando se trata de entidades subestatais. Nunha época na que cruzar o Miño é máis doado que nunca, segue a faltar unha narrativa para a nova etapa do iberismo, apoiado máis nos feitos que nas palabras.

Repensar Iberia. Del iberismo peninsular al horizonte europeo
Ramón Villares
Pasado&Presente
Barcelona, 2024
Número de páxinas: 256