Venres 22, Setembro 2023
HomeCulturaNace Tempo de Contos, un espazo de creación na rede

Nace Tempo de Contos, un espazo de creación na rede

Tempos Dixital abre TEMPO DE CONTOS, un espazo online aberto á creación literaria onde escritores e escritoras en lingua galega teñen a oportunidade de dar a coñecer as súas obras. Cada semana publicarase un relato, conto ou poema en Tempo de Contos xunto cun breve perfil biográfico do autor ou autora.

Bases da convocatoria

1.- Poderanse presentar relatos, contos ou poemas de temática libre e autoría individual, inéditos e escritos en lingua galega. Atlántica de Información e Comunicación de Galicia, S.A., empresa editora de Tempos Novos, Tempos Dixital e Protexta, resérvase o dereito de decidir sobre a publicación de obras presentadas.

2.- As obras terán unha extensión máxima de 5.000 caracteres (espazos incluídos) e serán enviados en formato .doc ou .odt ao e-mail: xerencia@temposnovos.net

3.-Cada semana publicarase unha obra en Tempo de Contos, na sección de Cultura de Tempos Dixital.

4.- O relato máis votado de cada trimestre publicarase na versión en papel de Tempos Novos.

5.- Tempo de Contos manterase activo por tempo indefinido, podendo a empresa editora suspendelo en calquera momento sen aviso previo.

6.- Polo feito da participación, os autores e autoras aceptan as bases e autorizan á empresa editora a publicar as obras presentadas, en calquera dos seus medios ou en edicións colectivas, dentro dos seguintes vinte e catro meses á data do envío para a participanción en Tempo de Contos. As autoras e autores poderán exercitar os dereitos que lles recoñece a lexislación sobre propiedade intelectual inmediatamente despois da primeira publicación en calquera dos medios citados.