SERIE
NORMAL PEOPLE (UK, 2020)
Dirección: Lenny Abrahamson, Hettie Macdonald; Produción: Catherine Magee; Guión: Sally Rooney, Alice Birch, Mark O’Rowe; Montaxe: Nathan Nugent, Stephen O’Connell; Fotografía: Suzie Lavelle, Kate McCullough; Música: Stephen Rennicks; Dirección artística: Irene O’Brien.
Intérpretes: Daisy Edgar-Jones, Paul Mescal, Sarah Greene, Olga Wehrly, Sebastian De Souza, Leah McNamara, Laurence O’Fuarain, Sean Duggan, India Mullen, Lancelot Ncube, Eanna Hardwicke, Eliot Salt, Desmond Eastwood.
por Yolanda López
Lin a novela logo da insistencia de P, que con máis de 60 primaveras confesara quedar présa pola historia de Marianne e Connell. Rematei as páxinas cunha desidia tan brutal que sospeitei ter perdido a sensibilidade toda. Que The Guardian recoñecese o libro como un dos máis sobresaíntes do século XXI ficaría xeitoso como reclamo na faixa en papel, a min non me pillarían noutra. Logo comezou o resto do complot: a serie convencía a crítica e público, que aplaudía a historia intermitente destes dous mozos na Irlanda dos 2000.
Vinme como Santo Tomás e para calar bocas (a que habitaba no meu miolo, principalmente) decidín darlle unha oportunidade ao primeiro capítulo. Habería ser o derradeiro, e con menos de 30 minutos cada un da ducia, a proba de lume semellaba efémera. Nunca cuspas para arriba. A historia que lera fora insípida e tópica, a da serie, acadaba outro nivel. O de moza e mozo coinciden no instituto, situacións económicas e caracteres distintos, historia de descubrimento malia todo, vén de ser leria manida, pero houbo algo na actuación de Edgar-Jones e Mescal (nominado aos Emmy), na súa espontaneidade e na melancolía, que capturaron a miña atención. Vin o resto de tacón mentres comprobaba que o Trinity e Dublín locen moito mellor (aínda) na fotografía de Lavelle e McCullough que no recordo do meu maxín.
Estreada por Hulu e BBC Three, pódese ver nestas latitudes desde xullo en Starzplay (se te pos testana coma min, no outono). As grandes plataformas quedaron sen a nena bonita da temporada, non fagades o mesmo. Sally Rooney (finalista do Man Booker) escribe o guión xunto a Mark O’Rowe e Alice Birch (quen xa traballa na adaptación doutro título da autora, Conversation with friends).
As escenas de sexo afástanse da falsidade superficial coas que adoitan asomar en pantalla. Antes de que todos os San Valentín estragasen o termo romanticismo, pensabamos que este repousaba na inaudita posibilidade de recoñecerse na ollada doutro. O acerto, a beleza de Normal People, reside aí mesmo: descubrir a intimidade como a máis poderosa ferramenta de narración. Suspiro. E fin.