Lou Reyes, álter ego de Marcos Tellería, é un dos máis senlleiros músicos composteláns, cunha carreira que abrangue varias décadas de actividade ininterrompida. Está de actualidade porque acaba de publicar un novo disco, o EP en vinilo Qué tal, co que ademáis se estrea na discográfica Meseta Records. O selo vallisoletano define a Reyes coma un dos superviventes da “vella guardia” do rock & roll e rockabilly do noso país, caracterizado pola calidade das súas letras, unha voz inconfundible e profunda e composicións que derrochan madureza e impecable factura. Sexa por romanticismo ou por esa vontade de remar a contracorrente que define a música que se move nas marxes do mainstream, existen determinados artistas, disqueiras e público que siguen aferrándose ós formatos clásicos.
O anterior traballo de Tellería, Viva Lou Reyes (autoeditado, 2021), era un disco compacto recopilatorio co que o músico, nado en Vitoria (Álava), pero picholeiro (defende e argumenta o uso deste termo, escrito con “o” en troques de “e”) de adopción dende cativo, quixo volver á actualidade cun repertorio que aínda defende en directo coa súa banda. Os Rockin’ Corsarios son Germán Prieto (guitarra), Héctor Rivero-Tellería (contrabaixo) e Fran Facal (batería), quen levan acompañando a Lou Reyes durante anos de aventuras polos palcos e estudios de gravación de diversos países. Esta vocación internacional tamén se manifesta nos estilos representados pola banda tanto en directo coma en disco, bebendo das fontes prístinas do soul, o góspel, o blues ou o jazz.
A natureza das catro pezas contidas no Extended Play obedece tamén a criterios de variedade, ofrecéndose deste modo varios rexistros da banda coma intérpretes e do propio Tellería coma escritor de cancións. Deste xeito, o artefacto sonoro viaxa dende o rock and roll clásico de Que tal até a delicada balada No puedo olvidarme de ti, onde queda patente a colaboración do famoso conxunto vogal español Tennessee ós coros de estilo doo wop.
Mark Polza deseña a máis que convincente portada deste disco producido polo propio Lou Reyes e que agardamos sexa a primeira dunha fructífera colaboración con Meseta Records, casa que por certo tamén publicou hai pouco unha referencia doutro grupo compostelán, o Mad Martin Trío.
Din que a calidade nunca pasa de moda, e se combinamos esta coa experiencia, o producto non pode ser menos que moi apetecível. Este EP pode ser ademais un pequeno petisco do que nos agarda no futuro inmediato, xa que os Rockin’ Corsarios fiáronos en declaracións exclusivas que contan cunha ducia de novas composicións orixinais que non han tardar en pasar polo estudio para un próximo lanzamento en Long Play.
QUÉ TAL
Lou Reyes con Los Rockin’ Corsarios
Meseta Records, 2023