Moura, polas congostras da memoria  

A banda coruñesa Moura publica un novo traballo discográfico en colaboración con Spinda Records, o seu selo dende os comezos do grupo. O froito leva por título Fume santo de loureiro, “un verso exorcizante e curativo empregado para sandar, protexer ou bendicir que está moi presente en diversos rituais galegos”. A nova entrega concibiuse como banda sonora da curtametraxe Nai, dirixida por Tito Refoxo e Brais do Rei e estreada o pasado maio no Festival de Cans. Compoñen a música do filme tres temas e pequenos cortes incidentais nos que os druidas ártabros amosan o seu perfil máis experimental.    

Ademais do obrigado streaming e o álbum dixital, existen dúas edicións físicas de FSDL: unha delas está limitada a cen discos compactos en dixipak, e a outra a cincocentos exemplares en vinilo transparente de 140 gramos, ambas con deseño de Hugo Santeiro.  

Musicalmente, a obra comeza con Agoiro/Pranto, unha balada eléctrica dominada polo presaxio da morte que simbolizan tanto a figura mitolóxica galega da “raposa do aire” coma o recendo a caravel. Impulsa esta parte un hipnótico riff de inspiración tradicional, executado inicialmente pola guitarra acústica e ó que se van sumando logo as eléctricas e posteriormente o baixo para maior efecto progresivo. A sección desemboca nun “inevitable” pranto pola perda que emprega voces e percusións tradicionais na correspondente coda.  

Continúa o disco cun antídoto Contra os males de aireada, unha extensa peza que invoca os poderes curadores do loureiro baixo as coordenadas harmónicas e rítmicas do stoner rock (grave, de tempo longo, pesado, insistente). Por riba da base instrumental, as diferentes voces do grupo exercen unha especie de canon vogal co que entretecen diversos “ensalmos” para curar o mal de ollo. Este engaiolante esconxuro, que remata novamente coa percusión —pandeiretas e cuncas tibetanas nesta ocasión—, é unha boa mostra de como Moura procura a inspiración en estudos antropolóxicos.  

Pecha o círculo que forman a morte e a vida o tema Canto de berce, adaptación eléctrica dun “arrolo” recollido polas Leilía a Erminda Miramontes da Ponte Grixoa (Santiago de Compostela), no sueu labor pioneiro de recuperación e posta en valor das pandeireteiras do país. A entrada do melotrón a un minuto do remate engade proporcións épicas e dramáticas á despedida de Fume Santo de Loureiro, un disco breve condicionado pola propia concepción de banda sonora de curtametraxe, pero á vez intenso dada a personalidade manifestamente obstinada dos seus autores: seguen o seu camiño polas afastadas e solitarias corredoiras da psicodelia e o progresivo galego, cantado en galego.  

Fume Santo de Loureiro  
Moura
Spinda Records, 2024