Luns 2, Outubro 2023
HomeCulturaMORDEDURA LÍQUIDA

MORDEDURA LÍQUIDA

POESÍA

Dente de leite, de Arancha Nogueira. Xerais, 2020. 64 páxs

 

por Manuel Forcadela

Unha poética da enunciación asentada sobre un obxecto: a Nai. Unha Nai maiúscula e abstracta que é, tamén, unha nai minúscula e determinada. E desa nai ob-xectada e ob-xectiva asoma un Eu como significante dun suxeito suxeitado pola enunciación. Un suxeito, pois, unha suxeita suxeitada pola enunciación. Unha enunciación que é un longo soliloquio sen cesuras, construído con versículos, unidades de distinta dimensión, que asoman como brochazos dunha enerxía interior que non procura o poema senón o discurso. De tal maneira que dente de leite (Xerais, 2020), de Arancha Nogueira, non debe ser denominado poemario, que non o é, na miña opión, senón monólogo, unidade discursiva e ficcional, por máis que nese discurso haxa liñas en branco que suxiren pausas e silencios.

Interésame que sexa unha poética do suxeito que emerxe desa enunciación sobre o obxecto Nai e non un texto de individua cartesiana (ético moral e político social) porque esa é unha diferenza de raíz que aínda non foi debidamente analizada. No proceso histórico que vai do individuo cartesiano ao suxeito freudiano, pasando pola persoa kantiana e o derivado romántico do Eu, emerxe unha claridade que non debe ser obviada ao falarmos de literatura e moito menos de poesía. Digamos que a gran literatura está feita desde o suxeito e non desde o individuo. Desde un suxeito escindido entre o consciente e o inconsciente, entre o racional e o irracional, que se revela e se rebela desde a súa heterodoxia radical contra o carácter homoxéneo e ben pensante do individuo, falazmente integrado nunha única voz que a propia linguaxe nos desminte. Resulta evidente que por iso existe a filoloxía e a filosofía e a teoría literaria. Porque o sentido é local e epocal, histórico. E porque nin os autores nin os lectores chegan nunca ao significado dun texto, caso de este existir. E isto segue a ser un asunto de debate ao cuestionarmos o parentesco, fundacional na literatura galega, entre feminismo e social-realismo.

Aquí asoma unha ficción erixida no contraste entre a presenza e a ausencia e no triángulo materno paterno filial. E unha castración derivada da insufiencia da linguaxe (mamá, houbo tantas cousas que non souben dicirche) e da comprensión do real como inefable.

Desde o punto de vista discursivo hai unha aposta contra o verso, entendido como unidade métrica e rítmica, e unha escolla do conceptualismo, en contra da música verbal. E é esta quebra do plano discursivo, que aposta por non manifestarse, case no límite da anti-poesía, que incrementa o predominio do plano enunciativo, levando á invocación á nai e a referencialidade constante, ao tempo, ao espazo, aos personaxes e actores a tomar o control do peculiar do discurso. E esta referencialidade remite a un plano interior de lembranzas e rememoracións que se dan como certas, establecendo un conflito entre o evocado e a evocación como dous planos diferenciados da ficción que se constrúe, como se a autora estivese a falar unicamente para si, prescindindo dun lectorado suposto.