Iberismo e electrónica: debut do dúo Mocho Gris

O percusionista galego Lucas de Centi e o cantante portugués João Neves asinan co álbum “2” o debut de Mocho Gris. Trátase dun ambicioso proxecto que integra elementos de tradicións musicais galegas e portuguesas en discursos sonoros máis próximos á música electrónica e a procesos de produción contemporánea. Contan para iso coa colaboración do Hevi e CRNDS na produción e dos músicos Sandra Pérez e Miguel Arribas. 

As cancións do álbum están agrupadas en catro dípticos máis un par de pezas de introdución e conclusión. “Adeus que te vais embora”, canción do primeiro dos dípticos (I. ADEUS), desprega moitos dos elementos estilísticos que encontramos ao longo do disco. As cores harmónicas cos que comeza, que remiten ao jazz contemporáneo, dan paso abruptamente a bases electrónicas que nos levan ao IDM ou dubstep para terminar nun emotivo clímax electropop. O meticuloso traballo de produción consegue unificar esta disparidade de estilos creando unha atmosfera singular e evocadora na cal os diferentes elementos se suceden con fluidez. A seguinte peza do díptico, a versión de “Adeus que me vou embora” de Antonio Variações, contrasta cun carácter máis lírico nunha dinámica que se encontra no resto do álbum entre os pares de cancións que conforman os dípticos. 

O iberismo e a relación entre territorio e música son algunhas das cuestións que emerxen en “2”. De maneira máis evidente en II.RAIA, confrontando “Os bravos”, canción popular azoriana, con “Camiño do Alén”, composición de Xosé Lois Romero. Proponse aquí unha relación coa tradición que fuxe do pastiche e da nostalxia e que supón, ao contrario, un punto de partida aberto á experimentación dende o que abordar outros xéneros.  

A música electrónica, como xénero, supón desde as súas orixes o escenario de ensoñacións futuristas que problematizan o rol do ser humano nunha sociedade hipertecnificada. Do mesmo xeito, esta cuestión reflíctese na integración da voz de João Neves no ambiente electrónico en moitas das cancións, alternando o tratamento natural da voz cun variado abano de técnicas de procesamento. Por exemplo, en III.NÓS: Arde Roma”, a súa voz robotizada, constrinxida polo ostinato da marimba, acaba ao final desatándose e amosando a súa ampla gama de recursos expresivos. Este aspecto supón un dos maiores focos de tensión e dinamismo do álbum, dado o contraste entre o clima contido e etéreo propio das texturas sintetizadas e o virtuosismo e carácter vocal de Neves (como amosa a versión de “Grito” de Amália Rodrígues que fai parte de IV.FERIDA). Encóntranse similitudes neste aspecto con algúns dos traballos de artistas como James Blake. 

“2” é un traballo de gran sofisticación compositiva e discursiva que consegue conectar co pulso emocional da música popular á que alude, evitando fórmulas manidas e xogando coas expectativas do oínte ao longo de todo o álbum, destacando nisto o lirismo de pezas como “Camiño do Alén” ou “Trailer”.  

Album ‘2’ 
Mocho Gris 
2025