A colección Contamos a nosa historia, que dirixe o catedrático de Historia Moderna da USC Isidro Dubert e edita Edicións Xerais de Galicia, vén facendo un loable esforzo de divulgación do noso pasado que combina o máximo rigor, encargando cada obra a especialistas de probado prestixio (levan aparecido dúas: Celtas, castrexos e romanos de Francisco Xavier González García, e O Reino medieval de Galicia de Xosé Miguel Andrade Cernada e Anselmo López Carreira), coa revisión crítica de algúns mitos e mesmo discutibles topos que as veces teñen pasado por historiograficamente indiscutibles.
Nesta terceira entrega ráchase coa presentación dun determinado lapso epocal para facer o seguimento dun fenómeno -as peregrinacións á pretendida tumba do apóstolo Santiago o Maior na cidade de Compostela- desde as súas orixes máis escuras e a inventio medievais ata a actual eclosión peregrina, na que o carácter relixioso orixinario se dilúe nos obxectivos dunha operación político económica de turistización.
Desde o Limiar asinado polo director da colección, fica claro que non estamos diante dunha máis das numerosas (e xeralmente prescindibles) publicacións xacobeas promovidas desde instancias oficiais senón, ben ao contrario, dunha necesaria clarificación dirixida a discernir que corresponde á dimensión mítica e que ao estritamente histórico. Como consecuencia dese necesario discernimento, resultarán evidentes para o lector os perigos tanto do monocultivo turístico construído arredor do camiño (os camiños!, que hoxe son xa dez aínda que, como ben precisa o autor d’As peregrinacións, non todos teñen carácter histórico), como certo monocultivo dos estudos (pretendidamente) históricos que se alimentan de xenerosos fondos públicos xestionados por entidades afíns á que ben cabería cualificar de nova “industria” xacobea.
Á luz do que vai debullando no seu texto Andrade Cernadas, esta contemporánea remitificación da historiografía xacobea non deixa de ser unha coherente coda aos traballos que no pasado foron conformando o mito xacobeo, desde a inventada batalla de Clavijo e a produtiva fabricación do voto de Santiago falsamente atribuído ao rei Ramiro, ata as curiosas falsificacións que o enriquecido cabildo compostelán foi instigando para seguir cobrando o voto, que só será abolido polas Cortes de Cádiz!, e aínda será restaurado por Fernando VII antes da súa definitiva abolición en 1833. Paralelamente, o autor vai desenvolvendo a análise das distintas posicións adoptadas pola igrexa e o papado respecto da veracidade do sepulcro apostólico (só dous papas, Calisto II, contemporáneo de Xelmírez, e Pío XIII no XIX, ofreceron un inequívoco apoio… ah, e Xoán Paulo II, o papa Wojtila, primeiro en peregrinar a Compostela coma algúns lembramos en primeira persoa) e as variacións na valoración das peregrinacións como camiño espiritual.
A xénese do novo Xacobeo do Fraga presidente autonómico no Ano Santo do Fraga ministro de Turismo franquista, que tamén se fai constar, debería servir como vacina contra calquera intento de branquexar democraticamente todas estas operacións remitificadoras, onde cabe incluír tamén a persistencia da anacrónica “ofrenda” ao apóstolo, dubidosamente compatibles coa separación entre igrexa e Estado que proclama a Constitución.
Unha lectura logo indispensable nestes tempos nos que asistimos a novos e descarados intentos de instrumentalización dun pasado fabricado a favor de proxectos ideolóxicos e políticos.
As peregrinacións a Compostela. Mito, historia e falsidades.
Xosé Miguel Andrade Cernadas
Limiar de Isidro Dubert
Edicións Xerais
Vigo, 2023
Número de páxinas: 200